Greenpeace apoia á Comunidade de Montes de Teis e esixe a Naturgy que respecte as especies arbóreas autóctonas

17-06-2022

  • Un ano máis a eléctrica volveu facer rozadas excesivamente agresivas nos montes da Madroa, eliminando o arborado autóctono sen xustificación
  • O bosque atlántico é un grande aliado contra os lumes ao xerar un ambiente sombrizo e húmido que evita a expansión de especies invasoras 
  • A Comunidade de Montes de Teis destacou nos últimos anos pola súa xestión sostíbel do monte, eliminando invasoras e favorecendo as fragas autóctonas
  • Greenpeace leva máis de 20 anos colaborando cos comuneiros para axudarlles no seu esforzo por recuperar o bosque atlántico

 

A semana pasada operarios da empresa eléctrica Naturgy, encargada de manter a liña de media tensión que cruza A Madroa (Vigo) realizaron sen aviso previo á Comunidade de Montes unha enorme talla dentro das tarefas de prevención de lumes forestais. Con todo, a dita talla incluíu numerosos exemplares de especies autóctonas de portes salientábeis, eliminando máis de medio cento de carballos e castiñeiros, entre outras especies. Greenpeace condena este tipo de actuacións, xa que estas especies do bosque atlántico poderíanse conservar con simples podaduras en altura para non afectar o cableado e axudarían a manter un ambiente sombrizo, evitando a proliferación de especies invasoras pirófitas (como a acacia negra) e xerando un ambiente húmido que favorece a loita contra os incendios de maneira natural.

Segundo Eduardo García, o presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Teis, é a terceira vez nos últimos anos que  Naturgy impulsa estas rozas tan agresivas e pouco respectuosas co bosque atlántico galego e a biodiversidade, a pesares de que a comunidade alcanzara coa empresa eléctrica un acordo para evitar estas desfeitas. Greenpeace lembra que a Comunidade de Montes de Teis leva décadas impulsando de xeito exemplar a xestión sostíbel dos montes da periferia viguesa, facendo grandes esforzos pola recuperación do bosque atlántico en detrimento de especies invasoras como a acacia negra, cuestión pola que a Comunidade mesmo foi distinguida pola ONU polas súas boas prácticas para recuperar a biodiversidade (1).

“As angueiras de prevención contra os lumes forestais baixo as liñas eléctricas son case que sempre compatíbeis co mantemento do arborado autóctono, que asemade supón unha axuda extra ao manter un sotobosque sombrizo. Non é a primeira vez que Naturgy demostra a súa falta de sensibilidade con comunidades de montes que fan enormes esforzos, ás veces de moitos anos, para favorecer a recuperación do bosque atlántico. Este tipo de actuacións agresivas poden ademais redundar na proliferación de especies como a acacia negra e, por tanto, coadxuvar á proliferación do lume en caso de incendio, no canto de evitala”, afirmou Manoel Santos de Greenpeace.

Botando Raíces
Greenpeace leva máis de dúas décadas colaborando coa Comunidade de Montes de Teis para demostrar que é posíbel facer outra política forestal restaurando a vexetación autóctona, protexendo a biodiversidade e aumentando así a súa resiliencia ao lume. A Campaña de Bosques de Greenpeace España puxo en marcha en 1997 un proxecto, chamado Botando Raíces (2), que tiña como obxectivo realizar experiencias demostrativas de reforestación con especies autóctonas en diversas zonas do Estado español. En Galicia, o proxecto forestal foi posíbel grazas a un acordo de colaboración asinado coa Comunidade de Montes en Man Común de Teis para actuar no monte da Madroa.

A Madroa é un pequeno monte periurbano do concello de Vigo propiedade da veciñanza e emprazado na parroquia de San Salvador de Teis. Tras máis de medio século de usurpación por parte do Estado, a recuperación do réxime de propiedade comunal comezou en 1997. Cando A Madroa volveu á categoría de Monte Veciñal en Man Común, en 1998, a práctica totalidade do monte estaba cuberta por unha repoboación de  Pinus pinaster (piñeiro bravo ou piñeiro galego) cunha idade de entre 40 e 55 anos e nunha situación fitosanitaria moi mala. Baixo esta cuberta arbórea, a meirande parte do monte estaba inzada dunha especie invasora moi difícil de erradicar: a acacia negra (Acacia  melanoxylon).

Greenpeace e a Comunidade de Montes de Teis asinaron este acordo para impulsar a substitución progresiva das especies invasoras por especies propias do bosque atlántico. No inverno de 1999, unha vez eliminada a masa de piñeiro e acacia negra, levou a cabo a plantación de especies arbóreas e arbustivas propias do bosque atlántico galego:  Castiñeiro (Castanea x hybrida), Carballo (Quercus robur),  Acivro (Ilex aquifolium), Érbedo (Arbutus unedo),  Estripeiro (Crataegus monogyna), Abeleira (Corylus avellana), Loureiro (Laurus nobilis), Nogueira (Juglans regia) ou Pereira brava (Pyrus cordata). 

Máis de 20 anos despois, esta pequena aba contén un precioso bosque con portes considerábeis que amosa que outra política forestal é posíbel, e é tamén unha proba fidedigna de que é posíbel restaurar os montes galegos e aumentar a súa biodiversidade e resiliencia ao lume.

 


Notas

1. Nacións Unidas distinguiu en 2018 ás comunidades de montes galegas de Froxán, Covelo e Teis pola súa eficacia na conservación. Figuran nunha listaxe de boas prácticas baixo as siglas en inglés ICCA, “Áreas Conservadas por Comunidades Locais”. Esta certificación é un recoñecemento dos valores sociais, ambientais e económicos da experiencia comunal, experiencia avalada e promovida desde a oficina de Medio Ambiente das Nacións Unidas,  PNUMA- WCMC. Os Montes Veciñais son unha ferramenta de gobernanza comunal, unha forma de copropiedade de orixe xermánica, coa que os veciños poden tomar decisións directas mediante o consenso sobre o territorio que habitan.

2. 12 años echando raíces. Greenpeace. http://archivo-es.greenpeace.org/espana/Global/espana/report/bosques/110617_proyecto_forestal_teis.pdf


Comparte!