Greenpeace diante da exclusión do proxecto de Altri dos fondos PERTE de descarbonización

Greenpeace celebra que o Goberno deixe fóra a Altri dos fondos PERTE e reclama á firma portuguesa que descarte oficialmente instalar a súa macrocelulosa en Galicia

23-04-2025

Coa cautela esixíbel ao non existir aínda un anuncio oficial, Greenpeace celebra como un gran paso a nova revelada a última hora de onte, segundo a cal o Goberno central deixa fóra dos beneficiarios de axudas do PERTE de descarbonización o proxecto de macrocelulosa de Altri na Ulloa. A organización manterase atenta á publicación do expediente, que agarda se faga público nos vindeiros días, para valorar as razóns que levaron ao Ministerio de Industria a tomar esa decisión e coñecer se se debe a unha cuestión de prazos, que afirman que Altri non podía cumprir, ou leva engadidas dúbidas gubernativas sobre a sustentabilidade e viabilidade do proxecto.

De corroborarse esta decisión, para Greenpeace sería un primeiro paso de enorme importancia para evitar un malgasto de diñeiro público inasumíbel e inxusto, que suporía financiar o proxecto industrial máis lesivo que se presentou en Galicia nas últimas décadas. Aínda así, a ONG pide prudencia, por canto segundo informacións reveladas pola propia empresa promotora, a súa petición de fondos PERTE era só de 30 millóns de euros, fronte aos 250 millóns que reclamaba de financiamento público e que trataría de completar coa negociación de axudas directas co Goberno central.

Parece lóxico que Altri non reciba eses 30 millóns para un proxecto que non vai a descarbonizar absolutamente nada, pero o que realmente necesitamos escoitar por parte do Goberno central é que das arcas públicas non sairá nin un só euro nin do PERTE nin de ningún tipo de axuda directa, pois o proxecto é enormemente prexudicial para o medio ambiente e a sociedade galega. Se se confirma esta información, agardamos que os directivos de Altri sexan consecuentes e anuncien de inmediato que retiran un proxecto ao que xa se lle negou a licenza social. Teñen unha grande ocasión o vindeiro luns 28 de abril, cando terá lugar no Porto a súa Asemblea Xeral Anual, para deixar de tensionar desta maneira tan agresiva ás comunidades locais do país”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Greenpeace aproveitou tamén para pedir á sociedade galega que non deixe de mobilizarse e alzar a súa voz contra Altri, até que o proxecto sexa descartado oficialmente tanto por Altri como pola Xunta de Galicia. Entre as próximas mobilizacións prevense un descenso de ráfting con concentración posterior o vindeiro 4 de maio de Padrón (Campo da Insua, 13:00h), unha concentración fronte ao Congreso dos Deputados de Madrid o 8 de maio (19:00h) e unha gran Marcha contra Celulosas o 1 de xuño en Pontevedra.


Comparte!