Reactivo á presentación dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia
Greenpeace considera que a moratoria do eucalipto fracasou de vez tras publicarse os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia
- En 2024 a superficie forestal de eucalipto en Galicia acadou 438.156 hectáreas, un 4,6 % respecto a 2023 e máis dun 6% respecto a 2022
- Os datos do IFCG poñen en evidencia o pouco interese da Xunta cumprir o Plan Forestal de Galicia e a súa desidia perante a moratoria ao eucalipto de 2021
- Greenpeace considera un eufemismo que a Xunta fale de “ampliación” da moratoria ao eucalipto até 2030 mentres se autorizan novas plantacións
- Medra o consenso social en Galicia sobre a alta conflitividade das plantacións de eucalipto
Para Greenpeace, os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia relativos ao ano 2024 (IFCG) (1), presentados hoxe polos científicos da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, confirman a tendencia crecente desta especie en Galicia, a pesares da existencia dunha moratoria desde 2021: a superficie de eucalipto acada as 438.156 hectáreas, 19.015 ha máis que en 2023 e 25.070 ha máis que no ano 2022. Isto supón un 4,6 % de incremento respecto de 2023 e máis do 6% respecto do ano 2022.
Cando se aprobou a moratoria, no ano 2021, un dos seus obxectivos era cumprir cunha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia: unha subida do 3 % no período 2021-2025 e unha rebaixa dun 4 % da superficie de eucalipto no horizonte 2035 e un 5 % para o ano 2040, o que implicaría reducir a súa presenza nunhas 20.000 hectáreas.
“Os datos publicados certifican dúas cousas: a primeira, que a moratoria de 2021 foi incumprida pola permisividade da Xunta; e, a segunda, que a política da Xunta non vai na dirección de cumprir os obxectivos do Plan Forestal de Galicia”, declarou Manoel Santos, Coordinador de Greenpeace en Galicia. “A isto habería que sumar outra constatación: coa ampliación da ‘pseudomoratoria’ até o ano 2030 e as súas ‘excepcións’ só cabe esperar que a Xunta siga incumprindo as súas propias políticas”.
Diante desta realidade, confírmanse os peores prognósticos da sociedade civil, o mundo académico e boa parte do sector forestal de Galicia, malia que durante este ano 2025 numerosos actores da sociedade civil e do mundo profesional e académico solicitaron a extensión da moratoria até 2030, en tanto non se asegure o cumprimento dos obxectivos da planificación forestal, a diversificación das masas produtivas para toda a cadea de valor do sector forestal e a salvagarda dos ecosistemas de alto valor e os espazos naturais protexidos (2) .
Unha pseudomoratoria ao eucalipto é máis do mesmo
En xullo de 2021, a Xunta de Galicia estableceu unha moratoria ás novas plantacións de eucalipto, moratoria que vai ser ampliada agora até o ano 2030 pero cunha serie de excepcións que a Xunta tachou de “flexibilizacións”. A ampliación da moratoria xunto con estas medidas flexibilizadoras foron dadas a coñecer o pasado mes de outubro na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas 2026 que acompañará aos orzamentos deste ano.
Para Greenpeace, o feito de que se introduzan novas excepcións, permitindo plantacións onde até o de agora non existían, é para todos os efectos unha renuncia para manter a moratoria, significa dar pasos atrás para evitar a expansión sen fin do eucalipto no territorio, que colonizará novos ambientes, e non parece que vaia a servir para resolver os problemas que sofre a cadea de valor da madeira coas pragas do piñeiro. Asemade, a organización ecoloxista considera especialmente grave que se tomou a decisión sen sequera dar a coñecer unha análise pormenorizada dos efectos que tivo a moratoria vixente desde 2021.
“Non tería a Xunta que avaliar primeiro que é o que fallou? Se había unha moratoria e incumpriuse durante tres anos, podemos realmente crer que os responsábeis da Xunta van frear a expansión do eucalipto coa súa nova política de “excepcións á moratoria?”, expón Santos.
As novas normas propostas pola Xunta introducen dous novos supostos para permitir novas plantacións de eucalipto: substituír outras xa existentes mudando de terreo mesmo entre diferentes propietarios e substituír plantacións de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón. Para Greenpeace o feito de permitir plantacións en terreos onde non existían, ademais sen directrices claras de en que supostos e lugares se vai facer, provocará un maior impacto do cultivo de eucalipto –e dos monocultivos en xeral– sobre o territorio en detrimento dos hábitats naturais e pode abrir a porta á especulación. Ademais, expón moita incerteza polas serias dúbidas que existen sobre a capacidade da Xunta para establecer mecanismos de control, que foron incapaces de implementar para evitar plantacións ilegais durante a moratoria ou evitar que a superficie de eucalipto se disparase en Galicia dende o Plan Forestal de 1992.
“Tan preocupante é para a integridade ecolóxica do territorio que siga medrando a superficie de eucalipto, porque é o que está a pasar, como que este se elimine de terreos xa degradados para substituílo por outras plantacións monoespecíficas e se despracen as plantacións a outros chans de maior calidade. Permitir máis eucalipto onde non existía non parece o mellor camiño para reducir o seu impacto no medio natural, por canto existe unha relación directa entre as plantacións intensivas de eucalipto e a perda de biodiversidade e calidade dos chans. Fáisenos difícil dar credibilidade á capacidade da Xunta para controlar estas medidas se nin sequera puideron evitar plantacións ilegais en plena moratoria”, engadiu Santos.
Polo que respecta á substitución de masas de piñeiros afectados pola banda marrón por eucalipto, para a organización ecoloxista trátase dunha decisión incomprensíbel se o que se quere é buscar solucións ao problema, por canto é un cambio dunha especie por outra de moito menor valor engadido que non resolve os problemas da cadea da madeira. Para Greenpeace priorízase o eucalipto como solución perversa aos problemas existentes con outras especies máis interesantes para a cadea de valor, pero non todos os problemas da cadea forestal se resolven plantando eucaliptos, que parece ser a única solución que se lle ocorre á Xunta. Trátase, xa que logo, dunha patada cara adiante que responde a motivos puramente económicos e de curta visión, pola falta de rendibilidade de moitas plantacións de eucalipto, pero que non aborda o problema de fondo, que son as doenzas do piñeiro e a súa progresiva substitución por eucalipto.
O pasado mes de xuño ata 26 organizacións ecoloxistas de ámbito estatal e de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi subscribiron unha declaración conxunta (2) na que demandaban a ampliación das actuais moratorias ás novas plantacións de eucalipto en Galicia e Biscaia até, cando menos, o ano 2030. Tamén reclaman a implantación desta medida en todo o norte peninsular: en Asturias, Álava, Cantabria e Guipúscoa.
“A pseudomoratoria da Xunta de Galicia dá luz verde ao proceso de eucaliptización nas comarcas onde as plantacións de coníferas teñen problemas sanitarios. Se as cousas seguen como atéagora, nos vindeiros anos veremos novas superficies en zonas onde antes non había eucaliptos, á vez que a naturalización do eucalipto seguirá sendo ignorada e veremos como os espazos naturais protexidos e o dominio público hidráulico segue a ser ocupada por esta especie”, resume Manoel Santos.
O pasado mes de setembro, Greenpeace publicou o informe O eucalipto: un elefante na habitación do sector forestal, no que analiza a conflitividade das plantacións de eucalipto e como a preocupante perda de viabilidade de moitas masas de coníferas provocou a súa substitución por eucaliptos, o que ameaza a diversificación do sector e debilita cadeas de valor distintas á produción de celulosa.