Greenpeace considera que o anteproxecto de lei do clima de Galicia non abonda para afrontar a emerxencia climática

27-07-2023

  • A organización ecoloxista vén de presentar alegacións ao anteproxecto de Lei, valorando que o conxunto do texto é excesivamente simplista e baleiro de contido

  • Para a ONG a lei debería establecer obxectivos concretos, vinculantes e con rango de lei de redución de gases de efecto invernadoiro en todos os sectores e en etapas intermedias, non só para 2050

  • Botan en falta o establecemento dun roteiro claro, cuantificábel e calendarizado, de abandono dos combustíbeis fósiles, tanto no caso do petróleo, como do gas fósil e do carbón

Rematado o prazo de presentación de alegacións ao anteproxecto de Lei do Clima de Galicia, Greenpeace remitiu á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a súa valoración, que inclúe a solicitude de numerosas mudanzas encamiñadas a combater de xeito efectivo a emerxencia climática. A organización considera o texto sometido ao trámite de audiencia totalmente insuficiente para a loita contra o cambio climático, ao non incluír obxectivos para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro acordes ao que a ciencia pide e ao non avanzar dabondo en mitigación e adaptación. De igual maneira, carece de obxectivos enerxéticos e non supón un avance na transición xusta ou en cuestións como a fiscalidade verde. En definitiva, malia que hai algún avance, como a inclusión da perspectiva climática nas políticas públicas, o anteproxecto carece de medidas claras e atrevidas, e tampouco propón prazos concretos máis aló de acadar o cero neto en emisións en 2050, algo moi pouco ambicioso.

Tendo en conta a actual situación de emerxencia climática, na que cada día se superan as temperaturas medias históricas en moitos puntos do planeta e aumentan os eventos climáticos extremos, esta lei era moi esperada, pero Greenpeace considera que non cumpre coas expectativas, pois debería perseguir o obxectivo primario de acadar o cero neto en emisións non en 2050, senón como tarde en 2040, algo máis acorde coa ciencia. Asemade, o texto debería incluír obxectivos intermedios, para que estes non queden expostos a cambios dependendo das diferentes conxunturas sociopolíticas e frustren o obxectivo da descarbonización.

Nas súas alegacións, a organización ecoloxista apunta a que debe ser aspiración da lei o impulso dunha transición acelerada cara a un modelo enerxético 100% renovábel, intelixente, eficiente, xusto e en mans da xente, que garanta a equidade de xénero, incluíndo cuestións como unha mellor planificación no desenvolvemento renovábel, e especialmente obxectivos de autoconsumo e creación de comunidades enerxéticas, palabras que non aparecen nin unha soa vez en todo o texto. Ademais, debería evitar remitirse aos obxectivos establecidos na normativa estatal e europea de aplicación, que son manifestamente insuficientes e que Galicia está en disposición de superar amplamente.

Para a ONG o anteproxecto deixa moitas dúbidas tamén no referente aos instrumentos de planificación. Só establece un instrumento de planificación enerxética, carecendo de concreción nas ferramentas necesarias para a planificación en cuestións vitais como a mobilidade e o urbanismo, que só menciona de forma xenérica. Outras planificacións necesarias óbviaas totalmente, como en materia de agricultura, gandería e pesca, turismo, procesos industriais, consumo, etc, sectores nos que por regra xeral e salvo excepcións as emisións medraron dende 1990 en Galicia.

“En xeral o anteproxecto de lei é excesivamente simplista e bastante baleiro de contido. Pouco útil para reforzar os hogano humildes obxectivos climáticos da Xunta. Nin sequera  establece uns mínimos obxectivos sectoriais con rango de lei, máis aló de que despois se concreten de forma máis detallada nas diferentes estratexias, plans e axendas, que non sempre acontece. Aínda estamos a tempo de que o texto inclúa medidas moito máis ambiciosas e aliñadas coa ciencia”, apuntou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Para Greenpeace é grave que non se estableza no texto un roteiro claro, cuantificábel e calendarizado de abandono dos combustibles fósiles e tamén debería deixar claro o abandono de subvencións e axudas á industria fósil, comezando coa renuncia da Xunta de Galicia á súa participación económica en Reganosa. De igual xeito, bótase en falta a obrigatoriedade de poñer en marcha un plan autonómico complementario ao estatal para que a transición enerxética das comarcas con peches ordenados-planificados de instalacións industriais vencelladas aos combustibles fósiles (refinería, regasificadora e centrais térmicas de carbón e gas) a outra 100% renovable sexa xusta para todas as persoas e comarcas e para a biodiversidade.

Outro aspecto moi criticado pola organización son as grandes deficiencias na educación ambiental e a participación pública en materia de adaptación e mitigación do cambio climático, cuxa presencia é testemuñal e que debería tomar forma de asembleas cidadás polo clima.

A ONG considera que o texto debería dar rango de lei polo menos a estes obxectivos:

  • Fixar o ano 2040 para que Galicia consiga a situación de emisións netas cero

  • Reducir como mínimo un 55% as emisións para 2030, malia que se podería chegar a máis

  • Acadar un sistema eléctrico 100% renovábel para 2030, potenciando a enerxía renovábel distribuída e comunitaria e democratizando o sistema enerxético para rematar co control oligopólico sobre o mesmo

  • Acadar no ano 2040 un sistema enerxético de orixe renovábel ao 100%

  • Reducir a demanda de enerxía cando menos nun 40% sobre os niveis de 2007 para 2030

  • Abandonar a queima de gas fósil para a xeración eléctrica en 2030 e en todos os usos en 2035

  • Prohibir a venda dos automóbiles diésel, de gasolina e de GNC (Gas Natural Comprimido) novos en 2025 e dos híbridos para 2028

  • Reducir polo menos un 42% as emisións do sector agrícola en 2030 respecto a 1990

  • Fomentar a agricultura ecolóxica até acadar un 30% da superficie agrícola utilizada para 2030

  • Acadar un 30% de superficie protexida, tanto en terra como no mar, para 2030


Comparte!