Greenpeace denuncia as ameazas do lobby da gandería industrial ao Movemento Ecoloxista da Limia

28-02-2020

  • O Grupo Coren emprendeu accións xudiciais contra un agricultor ecoloxista por comentar na televisión os efectos nocivos da gandería industrial na súa comarca
  • Cuns 20.000 habitantes, a zona soporta refugallos gandeiros equivalentes aos residuos fecais dunha poboación de 1.600.000 persoas
  • Este tipo de produción está entre as principais causas da deforestación, contaminación de augas e chans e emisións de gases con efecto invernadoiro

28 de febreiro de 2020.- O vindeiro luns, 2 de marzo, o agricultor ecoloxista e membro do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) Manuel García, terá que facer fronte a un acto de conciliación co grupo alimentario Coren por falar, nun programa televisivo, da grave situación ambiental da comarca da Limia, Ourense.

A cita débese a que o xulgado de Xinzo de Limia admitiu a trámite o acto de conciliación, previo á admisión de demanda civil interposta polo Grupo Coren contra o ecoloxista por intervir o pasado setembro no programa ‘España Directo’ de RTVE, chamando a atención sobre a contaminación na súa zona e no encoro das Conchas.

A cooperativa ourensana, Grupo Coren, dedicada á produción en avicultura, porcina, vacúa e cunicultura, é a meirande do sector agroalimentario en España e nos últimos anos impulsou a meirande parte das explotacións industriais da chaira da Limia, que cunha extensión dunhas 30.000 hectáreas soporta unha carga gandeira esaxerada, con varios centos de explotacións.

Este xigante da gandería industrial taxa nun millón de euros os danos e prexuízos derivados das declaracións de Manuel e, entre as súas ameazas, comunicoulle ao agricultor que “procederemos a ver as gravacións relativas a calquera acto, conferencia ou coloquio no que vostede ou calquera outra persoa interveña ou interviñese e no que se efectúe calquera alusión á nosa cooperativa”.

Greenpeace, que asinou un manifesto de apoio a Manuel García xunto ducias de organizacións, estima que as demandas de Coren atentan de xeito grave contra o seu lexítimo dereito a denunciar o enorme deterioro ambiental desta chaira ourensá. Igualmente, considera grave que traten de silenciar as voces que queren chamar a atención sobre os efectos perniciosos dun modelo de gandería extremadamente lesivo co planeta e as persoas.

“A gandería industrial está a esnaquizar o planeta e ningunha empresa nos impedirá erguer a voz. Por iso, desde Greenpeace apoiamos tanto ao activista Manuel García, perseguido polo xigante Coren, como ao Movemento Ecoloxista da Limia”, afirmou Luís Ferreirim, responsábel de agricultura de Greenpeace España. “Cómpre unha moratoria que impida a expansión da gandería industrial e a situación pola que está a pasar Manuel debe levar a que máis persoas se sumen ao movemento de rexeitamento deste modelo”, concluíu Ferreirim.

O MEL e o produtor agroecolóxico ao que apunta Coren levan anos denunciando os efectos deste modelo de gandería industrial na Limia. Cuns 20.000 habitantes, a zona soporta unha carga de refugallos gandeiros que equivalería aos residuos fecais dunha poboación de 1.600.000 persoas. A permisividade da administración, carente dun código de boas prácticas agrarias de obrigado cumprimento, provoca que non se estea a realizar unha xestión axeitada dos refugallos sólidos e líquidos que estas explotacións xeran, o que deriva en graves problemas ambientais.

Repártense cantidades máis que abusivas de xurros e esterco por grandes extensións en calquera época do ano e quedan expostas ao aire libre, moitas veces en leiras chamada “de sacrificio”, o que vulnera as directivas europeas referentes ás emisións de amoníaco e provoca a contaminación con nitratos das augas superficiais e subterráneas. O aumento da concentración de nitratos chegou nalgúns puntos a superar o límite máximo admisíbel para o consumo humano, conforme di a Sociedade Galega de Historia Natural e segundo analíticas oficiais da Consellería de Sanidade e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Augas abaixo, son recorrentes os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas no encoro das Conchas, cuxas augas leva o río Limia a Portugal a través da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés.

A gandería industrial destrúe o planeta
Segundo os últimos datos (2017) da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), España é o primeiro consumidor de carne europeo. Amais, actualmente concentra en grandes explotacións industriais o 93,7 % da produción de carne de porco, o 94,2 % da carne de aves e o 80,6 % do leite de vacún. O 66 % das terras cultivadas destínanse a producir alimentos para o gando e sacrifícanse 1700 animais cada minuto para consumo humano, cun nocivo modelo de explotación que moitos chaman “gandería sen terra”.

A gandería é responsábel do 14,5 % de emisións de gases con efecto invernadoiro, tanto como o transporte mundial. Asemade, o 80% da deforestación mundial é por mor da expansión agrícola, e a meirande parte destínase xa a alimentar animais no canto de persoas.

Os nitratos derivados do uso masivo de abonos sintéticos e da inxente cantidade de excrementos xerados pola gandería industrial fíltranse no terreo envelenando a terra e os seus acuíferos. Igualmente, é responsábel das emisións de substancias nocivas como o amoníaco á atmosfera e, por causa dun método que busca a máxima produción de carne, leite e ovos ao máis baixo custo e no menor tempo posíbel, emprega antibióticos e outros medicamentos a moreas, pondo en perigo tamén a saúde humana. A Comisión Europea abriu en 2018 un procedemento de infracción contra o Estado español por non cumprir o teito de emisións de amoníaco e incumprir a Directiva de Nitratos.

Greenpeace, como tamén fixo o Movemento Ecoloxista da Limia, pediu en reiteradas ocasións unha moratoria para os novos proxectos de gandería intensiva e a ampliación dos existentes, establecer un plan para reducir a cabana gandeira e fomentar unha transición xusta para as explotacións actuais de gandería intensiva cara a unha gandería sostíbel, extensiva e ecolóxica.

Máis información

Mónica Ortega, comunicación de Greenpeace: 626 99 82 48
Manoel Santos, portavoz de Greenpeace en Galicia: 608 250 972


Comparte!