Usamos cookies para mellorar a túa experiencia.
Entendemos que estás de acordo se segues navegando.

Greenpeace denuncia diante da Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia a falta de controis que eviten a entrada de madeira ilegal en España

26-02-2019

  • A organización denunciou en 2018 varios casos de entrada de madeira ilegal a través de portos galegos diante da Xunta, pero non recibiu resposta
  • O desleixo da Xunta perante a complicidade dunha parte do sector forestal galego co comercio de madeira ilegal converteu a Galicia na súa porta de entrada a España e á UE
  • O 30% da madeira que se comercializa no mundo é de orixe ilegal, segundo o Programa da ONU para o Medio Ambiente

(EN CASTELLANO, AQUÍ)

Greenpeace presentou onte diante a Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia unha denuncia na que solicita que se investigue o incumprimento por parte da Xunta de Galicia e de empresas do sector forestal de Galicia da lexislación que obriga a verificar que a madeira que entra no mercado da UE a través de empresas galegas é legal e non procede da violación de dereitos humanos ou do desacato das leis ambientais.

De xeito especial, a denuncia céntrase no caso da entrada de madeira de  teca de Myanmar (a antiga Birmania) que foi empregada para a fabricación da cuberta instalada no cruceiro que construía o estaleiro vigués Hijos de J. Barreras para a compañía de iates de luxo The Ritz-Carlton. A organización ecoloxista xa expuxo este feito o pasado mes de outubro e volve lembrar que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente recomenda non importar madeira de teca (1) de  Myanmar polo elevado risco de incumprir coas esixencias establecidas polo Regulamento da Madeira da UE (2).

Galicia é unha das principais portas de entrada de madeira de orixe ilegal ao mercado español e europeo”, declarou Miguel Ángel Soto, responsábel da campaña de Bosques de Greenpeace. “E é obvio que quen está ao cargo de facer cumprir a lexislación non está moi interesado en establecer os controis necesarios para garantir que as empresas están a realizar unha vixilancia debida sobre os seus provedores para evitar comerciar con este tipo de madeira”.  

Segundo a lexislación europea, nacional  e galega (2, 3 e 4), a Xunta de Galicia está na obriga de establecer controis periódicos ás empresas do sector forestal que importan madeira desde terceiros países para verificar que dispoñen dun sistema de Dilixencia Debida a través do cal se avalía e minimizan os riscos de importar madeira procedente de actividades forestais ilícitas.

Greenpeace tamén sinala no seu escrito á Fiscalía a preocupación expresada pola última Memoria da Fiscalía Xeral do Estado, referida ao ano fiscal de 2017, onde di que a pesares das leis que obrigan ás administracións públicas a dar conta de controis sobre os axentes que introducen madeira na Unión Europeanin a Administración Central estaba a levar control algún nin as comunidades autónomas tiñan nese intre estrutura algunha nin se estableceron criterios para realizar a devandita tarefa”.

Ao longo de 2018 Greenpeace presentou tres reclamacións diante da Xunta de Galicia solicitando que se establezan controis ás empresas importadoras de madeira ante as evidencias de que a través de portos galegos está a entrar madeira sen as debidas garantías procedente de Brasil e Myanmar ou directamente relacionada coa violencia en Brasil, o que se coñece como “madeira de sangue”. Malia as probas achegadas por Greenpeace, a Xunta de Galicia non contestou ás solicitudes de información da organización sobre o estado dos procedementos e expedientes abertos polas súas denuncias. A principios deste mes de febreiro cumpriuse un ano desde a presentación da primeira reclamación na que se denunciou que a entrada polo Porto de Vigo de madeira procedente dunha madeireira brasileira estaba directamente relacionada co masacre de Colniza, acontecemento violento no que o propietario dun serradoiro asasinou a nove colonos que se opoñían á corta ilegal das súas terras.

Os casos denunciados en 2018 son a punta do iceberg. Existe unha evidente complicidade dunha parte do sector forestal galego co comercio de madeira ilegal e a Xunta de Galicia está a facer un completo abandono da súa responsabilidade para que se cumpra a lexislación”, concluíu Soto.

Segundo o Programa da ONU para o Medio Ambiente, a corta ilegal era en 2017 o primeiro delito ambiental a escala global. Só en 2016, moveu entre 50.700 e 152.000 millóns de dólares estadounidenses, fronte aos 30.000 e 100.000 millóns estimados en 2014. Asemade, supón entre o 50% e o 90% do conxunto de actividades forestais en zonas forestais tropicais que son produtoras chave. O 30% da madeira que se comercializa no mundo é de orixe ilegal.


Notas
  1. Boletín Madeira Legal xaneiro-xuño 2018: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/politica-forestal/11_boletinmaderalegalen-jn18_09oct018_tcm30-482574.pdf
  2. Regulamento No 995/2010 do Parlamento e do Consello polo que se establecen as obrigas dos axentes que comercializan madeira e produtos da madeira. https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=DOUE-L-2010-82058
  3. Real Decreto 1088/2015, de 4 de decembro, para asegurar a legalidade da comercialización de madeira e produtos da madeira. https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2015-13437
  4. O artigo 104.1 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de Montes de Galicia estabelece que “A Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para evitar a comercialización da madeira e dos produtos derivados procedentes de cortas ilegais en bosques naturais de terceiros países, así como de cortas non autorizadas ou non respectuosas cos principios de xestión forestal sustentable”.

Comparte!