Destrución custe o que custe 2025: impactos do urbanismo e do cambio climático no litoral
Greenpeace denuncia que a xestión do litoral galego ignora a realidade do cambio climático que afectará numerosas praias, a pesca e o marisqueo
- A pesar dos impactos climáticos, séguese a promover a saturación turística ao tempo que se despreza o grave problema da contaminación
- Á falta de protección das costas e á contaminación recorrente das rías únese o impacto do turismo crecente, que bateu récords en 2024
- Co cambio climático, nos próximos 25 anos o mar podería entrar máis de 20 metros na terra. A demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta con 172 áreas con risco potencial significativo de inundación
- A organización reclama medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático que reduzan a vulnerabilidade da costa e da súa poboación. Cunha redución moderada das emisións de gases de efecto invernadoiro poderíase evitar o 40 % do retroceso das praias de todo o mundo
“Mentres os impactos climáticos nos mostran a súa crueza nesta rexión, a Xunta de Galicia mira cara a outro lado, recuperando modelos litorais xa obsoletos e poñendo ao límite os ecosistemas costeiros que nos protexen”. Con estas contundentes palabras resume Elvira Jiménez, coordinadora de campañas de Greenpeace, a situación do litoral galego na presentación, hoxe, dunha nova edición do informe Destrución custe o que custe, que vén sinalando, desde o ano 2000, a imparable deterioración das costas españolas. Nesta nova entrega, detállanse os impactos do cambio climático e do urbanismo no litoral de Galicia, que se poden visualizar nun mapa satelital, tamén elaborado por Greenpeace.
O informe Destrución custe o que custe 2025: impactos do urbanismo e do cambio climático no litoral é unha exhaustiva investigación da organización ecoloxista que pon de manifesto como protexernos dos impactos do cambio climático é un dos principais desafíos sociais, económicos e ambientais aos que se enfronta o país. A suba do nivel do mar, o incremento da temperatura da auga, o aumento en frecuencia e intensidade de fenómenos meteorolóxicos extremos, a erosión do litoral e a perda de biodiversidade costeira e mariña son algunhas das consecuencias que xa se están manifestando ao longo da costa.
Tras anos de explotación do litoral, destruíronse moitos ecosistemas costeiros que precisamente nos protexen deses impactos. Greenpeace sinala as praias e zonas urbanas que se verán máis afectadas para o ano 2050 nun escenario moderado de redución de emisións segundo a información científica dispoñible (1).
Ante unha costa artificial, a vulnerabilidade aumenta dramaticamente e, con ela, as consecuencias. Con todo, como denuncia Greenpeace, a xestión do litoral non está a avanzar paralelamente a esta realidade, e advirte que hai que acelerar as medidas de mitigación e adaptación que reduzan a vulnerabilidade da costa e da súa poboación. Tamén se observa a falta de coherencia entre as políticas de ordenación territorial e a necesidade urxente de aumentar a resiliencia destes territorios.
“A costa galega non merece seguir a deteriorarse máis. Proxectos como o da macrocelulosa de Altri tamén terán un grave impacto na costa, algo que xa non podemos permitirnos”, declarou Jiménez.
O litoral galego en perigo
A costa de Galicia esténdese ao longo de 2 555 quilómetros, o que a converte na máis extensa de España. A pesar diso, máis do 40 % carece de protección efectiva, polo que queda exposta a diversos riscos como a erosión, a contaminación e a ocupación do solo, que poden comprometer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos que ofrece.
Con todo, a Xunta de Galicia aposta por aumentar o número de turistas á custa da crecente saturación de espazos naturais, dun incremento do turismo estacional e dunha perda de autenticidade en moitas localidades. Repítese así un modelo de tensión dos servizos públicos, saturación de tráfico e elevado custo da vivenda, que contribúe a procesos de xentrificación que desprazan a poboación local e dificultan a convivencia, repetindo os mesmos erros que deterioraron outros espazos costeiros.
A iso hai que sumarlle que a contaminación das rías galegas é un problema crónico. Ata as súas augas chegan a diario verteduras procedentes da actividade industrial, augas residuais urbanas, fertilizantes, xurros e outros tipos de residuos. Malia o seu elevado valor ecolóxico, do que depende a actividade marisqueira e pesqueira, e de seren os puntos de maior atractivo turístico desta comunidade autónoma, as rías seguen a ser maltratadas. Nos últimos cinco anos detectáronse preto de 9 000 verteduras, case 2 000 en 2024.
Galicia alberga un dos peores proxectos con afección á costa peninsular. Trátase da construción dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) da man da multinacional portuguesa Altri, que conta cunha masiva mobilización cidadá en contra. Suporá o uso de ata 46 millóns de litros de auga ao día, verterá de volta ao río Ulla ata 30 millóns de litros diarios de auga contaminada, emitirá gases tóxicos e de efecto invernadoiro, porá en perigo os sectores primarios e requirirá que se plante moito máis eucalipto, o que empobrecerá dramaticamente a biodiversidade. O seu impacto negativo chegaría ata a ría de Arousa, a xoia da coroa do marisqueo e da pesca artesanal galega, onde xa hai unha escandalosa baixada na produtividade dos seus bancos marisqueiros. A mobilización cidadá continúa reclamando que a ría de Pontevedra quede libre da actividade da celulosa de ENCE. A prórroga á súa concesión foi outorgada grazas a unha manobra do goberno de Mariano Rajoy en 2016 e atópase agora pendente dun recurso no Tribunal Constitucional.
A presión turística é outro factor que ameaza a costa galega, agravado pola falta de protección e mesmo polo “efecto chamada” dalgunhas campañas publicitarias moi controvertidas por parte da Xunta de Galicia, que reivindica Galicia como “refuxio climático” e ignora os impactos reais que xa está a sufrir. Enclaves costeiros moi sensibles como Combarro ou a praia das Catedrais (ZEC da rede Natura 2000 e Monumento Natural) e o Parque Nacional das Illas Atlánticas sofren esta presión cada vez máis crecente.
O colapso do tráfico das pequenas localidades, o acceso ás praias ou a saturación de servizos públicos como o transporte e o tratamento de residuos foi en aumento á medida que se incrementou a afluencia de turistas, que acadou o seu récord en 2024 con máis de oito millóns de visitantes. As vivendas turísticas disparáronse, concentrándose maioritariamente en zonas costeiras como as Rías Baixas (acollen o 41 % das noites de estadía de Galicia), a ría de Muros e Noia, a ría de Arousa, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e a ría de Pontevedra.
Tamén están en marcha ampliacións portuarias ou a construción de novos portos para satisfacer a crecente demanda de amarres deportivos ou de cruceiros. É o caso da ampliación do porto deportivo de Baiona (prevé un aumento do 77 % da súa superficie cun recheo de 4 200 metros cadrados da baía, edificios e aparcadoiros) ou a prolongación do novo peirao comercial do porto de Marín, para permitir o amarre de grandes cruceiros.
Ao mesmo tempo, as previsións do impacto do cambio climático enchen a costa galega de puntos de risco. A demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta con 172 áreas con risco potencial significativo de inundación. Moitas destas zonas concéntranse ao redor das rías, ás que se suman outros puntos que destacan por risco potencial de inundación mariña:
- Lugo: Costa de Burela e San Cibrao e ría de Viveiro.
- A Coruña: praias de Cedeira, ría de Ferrol, Betanzos, praia do Orzán e Riazor, ría da Coruña, Malpica, Laxe, Arou, Muxía, praia da Langosteira en Fisterra, praia do Ézaro, praia do Pindo, Porto do Son, Corrubedo, A Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa.
- Pontevedra: Marín, litoral desde cabo Estai ata a praia de Patos, Nigrán, San Pedro da Ramallosa e A Guarda.
Nun escenario moderado de redución de emisións e un horizonte 2026-2045, estímase que a suba da temperatura do mar máis acusada se dará na costa ao norte de Ferrol e Cedeira ata Foz, onde podería aumentar ao redor de 0,20 ºC para mediados de século e ata 0,6 ºC para o último cuarto de século. Ademais, as estimacións científicas falan dunha suba do nivel do mar de aproximadamente 25 cm de media (3).
O quecemento da auga no Atlántico pode provocar que os furacáns ou ciclóns cheguen ás costas galegas con maior forza e con máis frecuencia. O aumento da temperatura tamén está a ter consecuencias na actividade pesqueira, xa que provoca o desprazamento de especies de interese pesqueiro cara ao norte, como a sardiña, e a entrada de especies do sur, entre as que se inclúen numerosas especies invasoras de algas, moluscos e crustáceos. No caso das especies sésiles, que non se poden desprazar, como os bivalvos, as augas quentes poden provocar mortaldades masivas e afectar a produción de marisco, xa de seu en situación precaria pola contaminación e a calidade das augas (na ría de Arousa, só en 2024, a produción de berberecho caeu un 93 % e a de ameixa fina e babosa un 86 %).
Solucións para a costa
É urxente facer fronte a estes riscos. Tan só cunha redución moderada das emisións de gases de efecto invernadoiro poderíase evitar o 40 % do retroceso das praias de todo o mundo. Para o 2050, protexer e conservar as praias suporía un beneficio 150 veces superior a deixar que se sigan deteriorando.
As principais solucións que propón Greenpeace son:
- Acción climática urxente e ambiciosa. Protexer a biodiversidade e deseñar un novo sistema enerxético no que se substitúan os combustibles fósiles e o uranio por enerxías renovables.
- Protexer, restaurar e renaturalizar a costa. A natureza e os seus procesos son os mellores aliados para mitigar, nas zonas costeiras, os impactos da suba do nivel do mar, as inundacións e os temporais. As solucións baseadas na natureza, que empregan os procesos naturais como remedio contra os impactos negativos, son eficaces e menos custosas que as clásicas medidas de infraestrutura gris. É imprescindible preservar os tramos de costa virxe que sobreviviron, especialmente as zonas húmidas, as praias e as dunas, que actúan como barreiras protectoras. Hai que restaurar todos os tramos posibles de costa, pensando no futuro e na necesidade de que nos protexan adecuadamente, e abandonar as medidas custosas que son só parches temporais, como a rexeneración artificial de praias ou o mantemento de infraestruturas obsoletas.
- Reducir a exposición ao risco. Utilizar os datos e a cartografía sobre impactos e riscos ante a inundación e a erosión. Evitar reconstruír e habitar zonas gravemente afectadas por inundacións ou temporais marítimos. Paralizar os proxectos urbanísticos en tramitación que contemplen edificar en zonas con risco de inundación e impedir o uso de medidas estruturais de mitigación do perigo de inundación como vía para xerar espazos urbanizables. Tamén hai que prohibir a cualificación como urbanizable dos terreos cuxa perigosidade se mitigou tras a construción dunha obra estrutural.
- Adaptación transversal, local e participada. A adaptación ao cambio climático ten un forte compoñente local polo que é necesario unha análise dos riscos e vulnerabilidades en cada municipio, que se deben traducir en plans de adaptación. Son necesarias estratexias a nivel nacional e rexional e deben contar co financiamento adecuado. A participación cidadá é fundamental.
- Pór couto á turistificación contando coa participación comunitaria. O sector turístico é un factor determinante na xestión da costa. É urxente abandonar o discurso cuantitativo e a cultura do crecemento continuo por un cualitativo que conduza a unha reforma estrutural que combine as necesidades da poboación residente e os límites ambientais para poder desenvolverse en equilibrio. Hai que avanzar na regulación con moratorias ás vivendas turísticas, erradicando a oferta ilegal, reducindo a actividade aeroportuaria, limitando a entrada de vehículos nas illas, reforzando o transporte público e controlando a capacidade nos espazos sensibles.
Ligazón ao informe AQUÍ
Mapa satelital de impactos urbanos e climáticos AQUÍ
Imaxes dispoñibles para os medios AQUÍ
Infografía sobre o quecemento dos océanos AQUÍ
Notas
- Os datos de impactos de cambio climático obtivéronse a partir dos visores cartográficos das distintas comunidades autónomas, visores nacionais e informes publicados.
- Considérase moderado un escenario RCP 4.5 que fai referencia a unha das “Traxectorias de Concentración Representativas” (RCP, polas súas siglas en inglés) utilizadas para modelar futuros escenarios de emisións de gases de efecto invernadoiro. Describe un escenario onde o forzamento radioactivo (un indicador do impacto do quecemento global) se estabiliza en 4,5 W/m2 para o ano 2100.
- Segundo a regra de Bruun, cada centímetro de suba do nivel do mar supón un retroceso de aproximadamente un metro de praia.