Greenpeace discrepa do Supremo sobre a sentenza de Ence e acudirá ao Tribunal Constitucional

15-03-2023

  • A organización ve razoábel formular un recurso de amparo diante do Constitucional ao entender que o Supremo expón unha visión moi restritiva da protección do litoral
  • Califica de indignante que o resultado sexa privilexiar unha concesión pre-constitucional grazas á reforma ad hoc da Lei de Costas que fixeron Arias Cañete e Mariano Rajoy en 2013
  • Para a ONG a Xustiza debe pór ás persoas e ao planeta primeiro, máis aínda nun caso no que se pasaron tódalas liñas vermellas da ética e decencia político-empresarial

Madrid, 15 de marzo de 2023-. A organización ecoloxista Greenpeace ve razoábel emprender a formulación dun recurso de amparo diante do Tribunal Constitucional para seguir dando a batalla xudicial e liberar o Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) de Lourizán, na ría de Pontevedra, Galicia, da presenza da pasteira Ence, que leva alí desde 1958. Os servizos xurídicos da organización entenden que o Tribunal Supremo expón na Sentenza unha visión moi restritiva da protección do DPMT que lle leva a permitir concesións centenarias con ocupación industrial do mesmo.

Na súa análise da Sentenza do Supremo, Greenpeace considera que o alto Tribunal non protexe a esencia do dominio público marítimo terrestre e a excepcionalidade da súa ocupación, o que lle leva a concluír, de xeito erróneo en opinión da organización ecoloxista, a inaplicabilidade do artigo 32.1 da Lei de Costas, segundo o cal “unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización”, cousa que a industria pasteira incumpre.

Entre outras cuestións, a organización ecoloxista alerta de que o Tribunal Supremo non está a aplicar esa excepcionalidade de ocupación e desvincula a defensa do litoral e a protección ambiental, xustificando a súa decisión exclusivamente nun informe ambiental da Xunta de Galicia. Isto supón, a xuízo dos servizos xurídicos de Greenpeace, unha interpretación absolutamente restritiva e incompleta, por canto a defensa do litoral vai moito máis alá dun informe ambiental. Tamén debe ter en conta os efectos da propia ocupación física, a evidente destrución de hábitats, a incompatibilidade con usos sostibles do litoral e que “vai acabar producindo un sistema transitorio dun século de duración, co impacto potencialmente irreversíbel sobre estes ecosistemas tan delicados”, como lembra o voto particular da Maxistrada Huet de Sande. Neste sentido chama a atención que a sentenza omita en todo momento o artigo 132 da Constitución española, que sustenta todo o réxime excepcional do DPMT e o que fundamenta a ocupación excepcional do mesmo.

Resulta anacrónico e indignante que unha concesión pre-constitucional, establecida durante o franquismo, sexa privilexiada deste xeito grazas a un traxe a medida confeccionado polo ex-ministro Arias Cañete e a súa vergoñosa reforma da Lei de Costas en 2013. Cremos que a interpretación do Tribunal Supremo non é acorde coa esencia da protección do litoral, polo que imos seguir a loitar pola ría de Pontevedra. A Xustiza con maiúsculas ten que pór ás persoas e ao Planeta primeiro, e máis nun momento de emerxencia climática e crise de biodiversidade”, indicou Eva Saldaña, directora executiva de Greenpeace España.

Por último, a organización ecoloxista reclcou que non deixa de resultar unha triste ironía que a Sentenza do Tribunal Supremo en aras da motivación ambiental entenda que é admisíbel que unha papeleira ocupe unha ría durante máis de 100 anos e que pola contra descoñeza os criterios de protección do litoral que consagra a Constitución española.

Todo o que rodea o caso Ence cheirou sempre moi mal. Desde a súa privatización pasáronse moitas liñas vermellas, con mudanzas de normativas ad hoc, indignantes portas giratorias protagonizadas polos máis altos cargos de Medio Ambiente e Costas, informes ambientais moi discutíbeis, un incesante greenwashing e mesmo o esquecemento de condenas por delito ecolóxico continuado. Non podemos conformarnos con esta sentenza do Supremo”, concluíu Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.


Comparte!