Greenpeace e APDR reiteran a necesidade de que se declare definitivamente nula a prórroga de ENCE-Pontevedra

13-06-2019

  • A APDR e Greenpeace presentaron dous recursos diante da Audiencia Nacional para evitar que Ence Enerxía e Celulosa S.A. permanezan na ría de Pontevedra outros 60 anos
  • A empresa papeleira debería abandonar no pasado ano 2018 este emprazamento situado en terreo de dominio público
  • O vindeiro domingo 16, ás 12 da mañá e con saída simultánea dende as alamedas de Marín e Pontevedra terá lugar unha nova Marcha contra Celulosas que debería ser a derradeira con actividade na pasteira

(AQUÍ EN CASTELLANO)

O vindeiro domingo 16 de xuño unha nova mobilización percorrerá a chamada autovía entre Marín e Pontevedra en contra da permanencia de ENCE na Ría. A empresa de pasta de papel debería ter abandonado os terreos de dominio público que ocupa na actualidade en xullo de 2018, como sinalaron as institucións xudiciais.

A fábrica de ENCE en Lourizán (Pontevedra), emprazada en terreos de dominio público, estaba obrigada a abandonar a ocupación da ría en xullo 2018, tal como esixía a Lei de Costas de 1988. Porén, a reforma da Lei en 2013 abriu a porta á ampliación das concesións e tres anos despois, en xaneiro de 2016, o goberno en funcións de Mariano Rajoy prorroga a concesión a ENCE ata 2073, unha decisión que tanto Greenpeace como a APDR consideraron cando menos irregular.

APDR e Greenpeace presentaron senllos recursos diante da Audiencia Nacional contra a devandita orde para evitar que Ence Enerxía e Celulosa S.A. permanezan na ría de Pontevedra outros 60 anos. As dúas organizacións consideran que a empresa desenvolve unha actividade industrial incompatible co medio ambiente e que non entra dentro dos usos reservados para unha posible prórroga en terreos de dominio público marítimo-terrestre, tal e como se establece no Artigo 31.2 da Lei de Costas, polo que o Ministerio non debería concedela.

En 2019 o Goberno anuncia que non seguirá adiante na defensa da prórroga da concesión de ENCE diante dos tribunais.

Segundo Antón Masa, presidente da APDR, a decisión da Dirección Xeral de Costas, ratificada posteriormente pola Avogacía do Estado, fundaméntase en dous argumentos inapelables; por unha banda, o feito de que “ningunha instalación pode permanecer en domino público máis de 75 anos”, un prazo que se vería amplamente superado tras a prórroga de 60 anos a ENCE, e por outro -o que é aínda máis salientable- que “as prórrogas se reservan para aquelas instalacións que pola súa natureza teñan que estar en dominio público marítimo-terrestre”, unha condición que non é de aplicación á pasteira de Lourizán.

Greenpeace defende que a reforma da Lei de Costas realizouse en contra dun ben público e do medio ambiente, polo que a extensión da ocupación de Ence na ría de Pontevedra durante 60 anos máis sempre foi ilegal. Celebramos que o Estado recoñeza o valor deste terreo público e confiamos en que a xustiza e o Estado de Dereito resolvan en favor da preservación do medio ambiente”, declarou Paloma Nuche, responsable da campaña de Costas de Greenpeace.

Dende Greenpeace e APDR anímase a toda a sociedade galega a participar na Marcha contra Celulosas do próximo domingo 16 para visibilizar e denunciar publicamente esta inxustiza histórica en Pontevedra. Así mesmo, ambas as dúas organizacións demandan á Xunta de Galicia que o novo Plan Forestal deixe de favorecer á industria celulósica e estableza unha moratoria de novas plantacións do xénero  Eucalyptus, como xa demandaron numerosas forzas sociais e políticas galegas.


Comparte!