Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis organizan acompañamentos en bicicleta para mulleres que queiran aprender a circular con seguridade por Vigo

18-06-2021

  • Monitoras previamente instruídas aprenderán a grupos de dous ou tres mulleres a desprazarse en bicicleta sen risco pola cidade
  • Van organizar varias saídas acompañadas até o 14 de xullo e as mulleres interesadas pódense apuntar de balde
  • Cálculos realizados en diversos puntos estiman que o número de mulleres ciclistas non supera o 20% con respecto aos homes en Vigo e preténdese fomentar este tipo de transporte
  • O obxectivo é facer medrar o número de mulleres ciclistas e a masa crítica que reclame un modelo máis sostíbel de mobilidade

A organización medioambiental Greenpeace e o colectivo ecofeminista Mulleres Bicivisíbeis ofertan a partir da vindeira semana e de balde sesións de acompañamento a mulleres que desexen moverse pola cidade de Vigo en bicicleta pero que non se atrevan a facelo por sentírense inseguras. A intensidade e agresividade do tráfico urbano, a carencia dunha rede ciclista que permita desprazarse por toda a cidade e mesmo situacións de acoso son parte das razóns polas cales moitas mulleres renuncian á bicicleta como un medio de transporte na cidade. Para apuntarse a participar nestes acompañamentos só hai que saber andar en bicicleta, dispor dunha bici e escribir a mulleresbicivisibeis@gmail.com. As saídas realizaranse en grupos reducidos, polo que as prazas son limitadas e crearanse os grupos por orde de inscrición.

A iniciativa forma parte do proyecto Mulleres Bicivísibeis, que as dúas organizacións participantes están a desenvolver para contribuír a aumentar o número de mulleres ciclistas na cidade e deste xeito impulsar o transporte sostíbel non motorizado en detrimento dos vehículos particulares. O devandito proxecto conta tamén con cursos para aprender a andar en bicicleta a mulleres, o primeiro dos cales se desenvolveu a finais de maio cun rotundo éxito e conta cunha importante lista de espera á que se tentará ir atendendo en vindeiras edicións.

Mobilidade en Vigo

Acadar unha mobilidade sostíbel está aínda moi lonxe de ser unha realidade en Vigo, unha das cidades de España con maior uso do vehículo privado e cunha rede ciclista aínda nas súas primeiras etapas de desenvolvemento.

Vigo aínda está nas primeiras etapas para instaurar a bicicleta como un medio de transporte urbano. Até agora conta cun único carril-bici e carece de moita da infraestrutura necesaria, desde suficientes aparcadoiros seguros para bicicletas, até un sistema público de alugueiro de bicis ou unha oficina municipal da bicicleta. Asemade, é imperioso pacificar o tráfico urbano, que moitas veces fai difícil a convivencia con outros medios de transporte máis sostíbeis”, afirmou Begoña Vila, portavoz de Greenpeace.

Por esta e outras razóns o número de persoas usuarias da bicicleta é aínda moi baixo. Inda por riba, existe unha desigualdade de xénero estrutural na mobilidade, que no caso das mulleres caracterízase por un menor acceso ao coche, un maior uso do transporte público, máis desprazamentos a pé e menos en bicicleta, por iso é polo que Greenpeace e Mulleres Bicivisíveis centran o seu proxecto nas mulleres. Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis están tamén a realizar cálculos de persoas usuarias da bicicleta en diferentes puntos de Vigo para ter datos desde unha ollada ecofeminista da mobilidade urbana. As primeiras conclusións falan de que a porcentaxe de mulleres usuarias da bicicleta con respecto aos homes está sempre por baixo do 20%.


Comparte!