Greenpeace e o OGACLI denuncian que o proxecto de lei galega do Clima apenas reforzaría a loita contra a crise climática

18-11-2025

  • Segundo Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) o texto que se debate no Parlamento será un instrumento pouco útil para a redución das emisións e a adaptación á crise climática
  • Celebran que a lei inclúa a meta de lograr a neutralidade climática en 2040 no canto de en 2050, atendendo ás alegacións que presentaron ao anteproxecto, mais afirman que carece das medidas necesarias para acadar ese obxectivo
  • As organizacións tamén denuncian que no proxecto de lei non existen metas e instrumentos para promover un imprescindíbel abandono rápido do uso de combustíbeis fósiles
  • Botan en falta medidas sectoriais para a mitigación e adaptación ao cambio climático, instrumentos de fiscalidade verde e transición xusta e un maior impulso á educación ambiental e a participación cidadá

Coincidindo coa semana final da conferencia climática de Belém do Pará (COP 30), Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) reclaman unha Lei do Clima de Galicia ambiciosa. Para as organizacións, o proxecto de lei actualmente a debate no Parlamento de Galicia carece dos obxectivos e medidas necesarias para acelerar a redución das emisións galegas de gases de invernadoiro, que seguen a ser superiores á media española en termos per cápita (1).

A maior eiva do Proxecto de Lei do Clima de Galicia presentado pola Xunta é a ausencia de metas e instrumentos para promover un rápido abandono do uso de combustíbeis fósiles, orixe do 72% das emisións brutas do noso país (2023) (2). A desvinculación entre a política climática e a enerxética conságrase co cambio de nome do actual Plan Rexional de Enerxía e Clima, que pasará a chamarse de Acción Climática.

Resulta sorprendente e por suposto censurábel que o texto de Lei do Clima non mencione nin unha soa vez os combustíbeis fósiles e non aborde a transición enerxética. A Xunta debería saber mellor que ninguén que a dependencia de Galicia da importación de combustíbeis fósiles é moi significativa e que non se pode avanzar nunha transición real sen abrir un debate social sobre a planificación do abandono da enerxía fósil en todos os sectores”, afirman as organizacións.

Segundo Greenpeace e o OGACLI a principal acción climática a impulsar, que non a única, é unha transición enerxética rápida e xusta para acadar un sistema enerxético galego 100% renovábel antes de 2040. Para iso, é fundamental planificar o fin do sector enerxético fósil (refinaría, centrais de gas fósil, regasificadora) e impulsar tanto o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis como unha maior electrificación da economía. O Proxecto de Lei do Clima pasa totalmente de perfil por estas cuestións, a pesar do estancamento actual da transición enerxética en Galicia (3). Nos últimos anos o único avance importante foi o peche das centrais de carbón, causa principal da caída do 39% das emisións de gases de invernadoiro entre 2018 e 2023.

As organizacións tamén denuncian que a falta de medidas para desbloquear e impulsar a transición enerxética, xunto coa non definición de obxectivos para a redución das emisións brutas e as absorcións netas de carbono no sector “Uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura”, restan credibilidade á meta da Xunta de lograr a neutralidade climática (emisións netas cero) en 2040 (2). Unha meta que si supón un avance con respecto ao anteproxecto de lei sometido a consulta pública en 2023, que atrasaba o obxectivo a 2050, e que as organizacións celebran.

Outras carencias notábeis do proxecto de lei teñen que ver coa falta de determinación  de medidas sectoriais para a mitigación e adaptación ao cambio climático, a non aplicación de instrumentos de fiscalidade verde, o esquecemento da transición xusta ou a escasa promoción da educación ambiental e da participación cidadá.

Greenpeace e o OGACLI tamén chaman a atención sobre algúns retrocesos do actual texto con respecto ao anteproxecto de lei de 2023. Por exemplo, desapareceu a obriga de establecer orzamentos de carbono para períodos de cinco anos, a integración da perspectiva climática nas políticas sectoriais (transporte, enerxía,…) pasou de ter pouca concreción a non ter ningunha e elimináronse os programas de descarbonización das administracións públicas.

Os únicos avances para a loita climática a destacar son a creación da Oficina Galega de Cambio Climático, que non estaba prevista no anteproxecto de lei, e a regulación da contratación pública verde, derivada da normativa europea. Non se pode considerar un avance a creación dun mercado voluntario galego de carbono ao servizo do “lavado verde” empresarial e da promoción das plantacións forestais.

O Proxecto de Lei do Clima de Galicia, de non ser obxecto de melloras importantes durante a súa tramitación parlamentaria, será un instrumento moi pouco útil para a redución das emisións de gases de invernadoiro e a adaptación á crise climática en Galicia”, conclúen as organizacións.


Notas
  1. As emisións territoriais brutas de gases de efecto invernadoiro por habitante ascenden a 6,6 toneladas en Galicia, fronte a 5,6 no conxunto do Estado español. Máis información en: https://ogacli.org/emisions-gei-por-habitante/.
    Nas emisións brutas, ás que nos referimos neste comunicado, inclúense as emisións de todos os sectores excepto o denominado “Uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura” (sector LULUCF polas súas siglas en inglés), no que as absorcións de dióxido de carbono superan as emisións. Se se descontan das emisións brutas as absorcións obtense a cifra de emisións netas. As absorcións de dióxido de carbono non equivalen a emisións, pois son incertas e reversíbeis. Máis información: https://ogacli.org/emisions-gei-en-2023/, https://ogacli.org/emisions-absorcions-lulucf/.
  2. O proxecto de lei, o mesmo que o plan autonómico de enerxía e clima en vigor, só formula, ademais do obxectivo de emisións netas cero (neutralidade climática) para 2040, unha redución das emisións netas do 75% para 2030, desde o 62% actual (2023).
  3. Informe: Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles. Análise da situación da transición enerxética en Galicia. Greenpeace e OGACLI. https://es.greenpeace.org/gl/wp-content/uploads/sites/8/2023/12/Galicia_mais_alo-1.pdf

Comparte!