Por mor da configuración do Goberno galego

Greenpeace e o OGACLI piden ao novo Goberno galego ambición nas políticas climáticas perante o estancamento da transición enerxética

15-04-2024

  • O informe de Greenpeace e o OGACLI ‘Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles’ e o último balance enerxético de Galicia confirman que as políticas climáticas avanzan moito máis lentas do necesario

  • O peso dos recursos renovábeis autóctonos con respecto aos combustíbeis fósiles importados baixou pola excesiva actividade da refinaría da Coruña, o cativo aumento da potencia renovábel e a seca 
  • As organizacións piden ao novo Goberno a aprobación dunha Lei do Clima ambiciosa, que garanta un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030 e un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040

Logo da configuración do novo Goberno na Xunta de Galicia, Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) fan un chamamento ao presidente Alfonso Rueda e o seu novo equipo de Goberno, especialmente á conselleira Ángeles Vázquez, para que incrementen considerabelmente a ambición nas súas políticas climáticas de cara á lexislatura que comeza. Esta aceleración debe facerse ademais incluíndo medidas para que os seus impactos sexan positivos na sociedade e na biodiversidade. As organizacións centran especialmente a atención sobre os pobres resultados do último Balance enerxético de Galicia (2022), que vén de facer público o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), pois confirman que a transición enerxética non está a avanzar no país ao ritmo esixido polo combate á emerxencia climática. Unha realidade constatada no informe Galicia, máis aló dos combustibles fósiles presentado por ambas organizacións en decembro pasado (1).

Segundo o INEGA, a porcentaxe de orixe renovábel dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor caeu do 25 ao 21% entre 2021 e 2022 (2). As causas principais foron o aumento da actividade da refinaría de petróleo da Coruña, o cativo aumento da potencia renovábel e a seca. Un ano máis confírmase que en Galicia non existe ningún excedente real de enerxía renovábel e si unha enorme dependencia de enerxía fósil. Practicamente o 80% dos recursos enerxéticos empregados en 2022 foron de orixe fósil e importáronse sobre todo desde o Sur global, Rusia e Estados Unidos.

A importación de cru de petróleo destinado á refinaría de Repsol na Coruña medrou un 20% en 2022, volvendo así a niveis similares aos anos previos á pandemia. A refinaría é a principal industria enerxética do país, xestionando a metade dos recursos enerxéticos usados no noso territorio para producir combustíbeis destinados ao consumo interno e á exportación. Os produtos petrolíferos lideran tanto o  consumo interno (43% do total) como as exportacións galegas de enerxía dispoñíbel para o consumo (68%) (3).

Polo que respecta á importación de gas fósil, tamén chamado gas natural, esta apenas diminuíu en 2022 con respecto a 2021, en que atinxiu o máximo histórico. Todo o gas fósil importouse en barcos como gas natural licuado (GNL) a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos. O GNL é máis intensivo en emisións de gases causantes de cambio climático que o de gasoduto, especialmente o extraído mediante fracking, caso da maioría do procedente dos Estados Unidos, segundo país de orixe dos barcos metaneiros descargados na regasificadora galega en 2022, só atrás de Rusia (4).

O presidente da Xunta comprometeuse en outubro do ano pasado a acadar a neutralidade climática en Galicia en 2040, pero as políticas climáticas non se fan só con declaracións. Nin a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 nin o anteproxecto de Lei do Clima de Galicia están aliñados con ese obxectivo. Non avanzamos en renovábeis, nin en electrificación, nin en eficiencia. O necesario abandono progresivo dos combustíbeis fósiles nin sequera está enriba da mesa. Necesitamos mudanzas reais e mudanzas rápidas se queremos cumprir o acordo de París”, afirmou Manoel Santos, de Greenpeace.

As renovábeis e a electrificación estancadas

A enerxía producida por fontes renovábeis autóctonas baixou en 2022 debido sobre todo á seca, que diminuíu case á metade á produción hidroeléctrica en relación ao ano anterior. Mais tamén influíu o escaso incremento da capacidade de produción renovábel, problema que se arrastra nos últimos anos. A potencia renovábel eléctrica tan só medrou en 226 MW (+3%) entre 2019 e 2023. Canto á potencia renovábel térmica sumou 692 MW (+24%), a maioría de biomasa, entre 2018 e 2022, ano máis recente con datos.

Greenpeace e o OGACLI apuntan tamén ao consumo galego de enerxía final (electricidade, combustíbeis, calor), que baixou un 4,5% en 2022, situándose en 5,4 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep). Un descenso concentrado no sector industrial e moito máis vinculado á suba dos prezos da enerxía e ao inicio da parada da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao que ás insuficientes políticas de aforro enerxético. Ademais, a diminución do consumo non foi xeralizada, pois no transporte, baseado aínda case totalmente en enerxía fósil, creceu o 12,5%, volvendo a niveis prepandemia.

“GO aumento simultáneo da produción de electricidade renovábel e da electrificación, cando substitúe combustíbeis fósiles, non só contribúe á descarbonización senón tamén ao aforro de enerxía. Por iso, é lamentábel que en 2022, mentres apenas medraba a potencia renovábel e a electricidade renovábel producida superaba a nosa demanda eléctrica en cinco dos doce meses do ano, o consumo galego de combustibeis fósiles aumentase un 3%, impulsado sobre todo por un maior uso do gas fósil na xeración eléctrica e de produtos petrolíferos no transporte”, apuntou Xosé Veiras, do OGACLI.

Segundo as organizacións, o ano 2022 non só foi malo para a electricidade renovábel senón tamén para a electrificación, pois o peso da electricidade no consumo enerxético galego non só non subiu senón que mesmo baixou tres puntos, caendo até o 22,7%.

A cota de renovábeis no consumo enerxético final galego, un indicador usado na política enerxética europea que ten tamén en conta datos de anos anteriores, medrou case un punto en 2022, até o 44,7%, lonxe do obxectivo do 58% para 2030 formulado na Axenda enerxética 2030 da Xunta e aínda máis do 70%, obxectivo máis acorde coa ciencia para combater a emerxencia climática. Ademais, as boas cifras na cota de renovábeis no consumo eléctrico (99,9%) contrastan coa baixa achega de renovábeis na calefacción e a refrixeración (34,3%) e, sobre todo, no transporte (5,9%).

Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles

En decembro de 2023 Greenpeace e o Observatorio Galego de Acción Climática publicaron o informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles, que analiza o estado da transición enerxética no país. O esaxerado peso dos combustíbeis fósiles importados no sistema enerxético galego afasta ao país do obxectivo de alcanzar un sistema 100% renovábel, que podería e debería lograrse para 2040.

O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia. Os dez obxectivos máis importantes marcados por Greenpeace e o OGACLI son:

  1. Reducir as emisións brutas  nun 65% para 2030 respecto a 1990
  2. Alcanzar un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030
  3. Alcanzar un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040
  4. Reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019
  5. Alcanzar unha cota de renovábeis no consumo final do 70% en 2030
  6. Abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030
  7. Abandonar a queima de gas fósil para todos os usos en 2035
  8. Planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos
  9. Incrementar a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50%
  10. Acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040

Notas
  1. Informe completo AQUÍ
  2. Sen incluír os chamados residuos renovables.
  3. Sen incluír nesta porcentaxe o seu uso na produción de electricidade en centrais de coxeración.
  4. Estes datos proceden do informe “El sistema gasista español. Informe 2022” de Enagás, pois os balances enerxéticos do INEGA non indican os países de orixe da enerxía importada. En 2022 descargaron na regasificadora de Mugaros 28 metaneiros, 15 con orixe en Rusia (o GNL ruso non é obxecto de sancións pola invasión de Ucraína), 9 en EEUU e 4 en Nixeria.

Comparte!