Nova manifestación masiva contra a macrocelulosa da Ulloa

Greenpeace esixe a Altri que retire un proxecto que só serviu para xerar conflictividade social

14-12-2025

  • A sociedade galega volve colapsar a capital para demostrar a Altri e á Xunta de Galicia que non pensa ceder até que o proxecto de macrocelulosa sexa descartado 
  • A ONG ecoloxista advirte á Xunta do enorme erro que cometería se autoriza unha celulósica inviábel, que non ten nada de estratéxica e carece de financiamiento e conexión eléctrica
  • A nova demostración de forza tivo lugar un ano despois da enorme manifestación que encheu até tres veces a praza do Obradoiro o 15 de decembro de 2024
  • Altri aínda agarda a Autorización Ambiental Integrada, o permiso de captación de auga e a autorización do Proxecto Industrial Estratéxico declarado pola Xunta de Galicia
 

Ducias de milleiros de persoas participaron hoxe nunha gran manifestación contra o proxecto de macrocelulosa de Altri/Greenfiber en Palas de Rei (A Ulloa, Galicia). A marcha, que discorreu entre a alameda compostelá e a emblemática Praza do Obradoiro, congregou de novo a numerosas plataformas e organizacións en defensa do medio natural e dun futuro sostíbel baixo o lema “Desde A Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán”. Xunto ao rexeitamento á fábrica de celulosa a base de madeira de eucalipto de Altri, os manifestantes tamén reclamaron á Xunta que non autorice a reapertura da mina de Touro-O Pino, que afectaría tamén á conca do río Ulla.

Para Greenpeace, que xunto a varias organizacións leva máis dun ano opoñéndose ao que considera o proxecto industrial máis lesivo que se presentou nas últimas décadas, non ten o máis mínimo sentido que a Xunta de Galicia siga tramitando a posíbel autorización dunha macroplanta que carece de viabilidade financeira, técnica e por suposto social e ambiental. Durante 2025, a empresa papeleira viu como o Goberno central negoulle fondos dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica, como non incluíu na planificación eléctrica 2025-2030 as necesidades da empresa lusa, como os mercados castigaron á industria da celulosa con grandes perdas, e mesmo como Altri quedou fóra dos fondos europeos de innovación que si conseguiron outros proxectos en Galicia.

Cremos que chegou o momento de que Altri renuncie publicamente ao seu proxecto. É máis, esixímoslle que o fagan, porque está claro que non son benvidos. Se a empresa e a Xunta agardaban que a oposición social fose a menos, hoxe demostramos que se trabucaban, como se trabucaron ao expor un proxecto tan agresivo co medio ambiente e a economía e a sociedade  galegas. Galicia non merece seguir con esta ameaza permanentemente. Teñen que renunciar ao seu proxecto xa”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

O vindeiro 19 de decembro cumpriranse dous anos desde que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a solicitude de captación de augas para a macroplanta de Altri, de até 46 millóns de litros diarios. Pero Altri/Greenfiber aínda non obtivo ese permiso, do mesmo xeito que carece de Autorización Ambiental Integrada e da necesaria autorización para o Proxecto Industrial Estratéxico declarado pola Xunta de Galicia en 2022. Para Greenpeace, parece obvio que os plans da empresa retardáronse ao non lograr a enorme suma de cartos públicos que estaba a solicitar, a conexión eléctrica e, sobre todo, ao enfrontarse a unha mobilización social sen precedentes nas últimas décadas.

 

Máis información: 


Comparte!