Continúa a medrar a superficie de eucalipto en Galicia?

Greenpeace esixe transparencia á Xunta e pide que faga públicos os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia de 2024

29-09-2025

  • A Xunta de Galicia agocha dende a pasada primavera os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) correspondentes a 2024
  • Segundo os datos do ano anterior, 2023, e a pesares da moratoria decretada en 2021, a superficie de eucalipto aumentou un 1,4 % respecto a 2022
  • Colectivos ecoloxistas e boa parte do sector forestal, do mundo académico e da administración forestal manifestáronse a favor dunha ampliación da vixente moratoria ás novas plantacións de eucalipto
  • A ampliación da moratoria debe ir acompañada da renuncia para impulsar proxectos altamente demandantes de eucalipto, como o de Altri en Palas de Rei

Greenpeace denuncia o sospeitoso silencio administrativo da Xunta de Galicia perante a solicitude realizada por Greenpeace hai dúas semanas de facer públicos os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) correspondentes ao ano 2024. Os datos xa foron presentados moito antes do verán á Consellería do Medio Rural por parte da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

A información que inexplicabelmente agocha o Goberno galego ten que ser pública, pagámola a cidadanía toda. Máis que unha falta de transparencia, que o é, parece un exercicio de despotismo de libro. Preguntámonos se o que están a tentar é ocultar o seu fracaso, especialmente no relativo ao incremento de superficie ocupada polo eucalipto, a pesares de existir unha moratoria ás novas plantacións decretada en 2021. Vemos unha enorme falta de interese da Consellería do Medio Rural en facer cumprir a lei ”, declarou Manoel Santos, portavoz de Greenpeace en Galicia.

A pesar da actual moratoria en vigor, que expira o próximo 31 de decembro de 2025, o incremento da superficie ocupada polo eucalipto seguiu unha tendencia ascendente. Emporiso, numerosos actores da sociedade civil e do mundo profesional e académico solicitaron a ampliación e extensión da moratoria, namentres non se asegure o cumprimento dos obxectivos da planificación forestal, a diversificación das masas produtivas para toda a cadea de valor do sector forestal e a salvagarda dos ecosistemas de alto valor e os espazos naturais protexidos.

O pasado mes de abril, organizacións sectoriais da madeira, organizacións ecoloxistas, propietarios forestais e fundacións diversas asinaron unha declaración conxunta a favor da ampliación da moratoria do eucalipto nesta Comunidade Autónoma, cando menos, até 2030 (1). Tras esta declaración, en xuño até 26 organizacións ecoloxistas de ámbito estatal e de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi (2) subscribiron unha declaración conxunta na que demandan a ampliación das actuais moratorias ás novas plantacións de eucalipto en Galicia e Biscaia até, cando menos, o ano 2030. Tamén reclaman a implantación desta medida en todo o norte peninsular: en Asturias, Álava, Cantabria e Gipúscoa.

Recentemente, a Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia (Apenfoga), que agrupa aos Enxeñeiros Forestais da Xunta de Galicia (3), reclamaron ao Goberno galego a ampliación de maneira indefinida da actual moratoria ás novas plantacións de eucalipto, á vez que lembraron que non se estableceron “os criterios técnicos e as normas para regular o uso da especie” durante o tempo que a moratoria estivo vixente. En todos os casos existe un consenso diante da necesidade de que a ampliación da moratoria vaia acompañada de recursos para evitar as plantacións ilegais e, polo tanto, que sexa efectiva e verificábel.

Para Greenpeace, non só é necesaria a ampliación da moratoria e frear o proceso de eucaliptización, senón que a Xunta debería renunciar a seguir impulsando actuacións como a do proxecto GAMA da papeleira portuguesa ALTRI, que incrementaría nun futuro achegado a demanda de madeira de eucalipto en todo o norte e noroeste peninsular”, declarou Santos. E engade: “ALTRI e a expansión das plantacións de eucalipto son o mesmo. Non se pode permitir que o sector forestal do norte da península camiñe cara ao monocultivo económico da produción de celulosa. Agardamos que, dadas as insalvábeis dificultades que ten a empresa para instalarse, a Xunta deixe de apoiala”.

Co obxectivo de contribuír ao debate sobre o risco actual das plantacións de eucalipto no norte e noroeste do Estado español, Greenpeace España publicou un breve informe titulado O eucalipto: un elefante no cuarto do sector forestal, onde aborda as actuais moratorias ás novas plantacións de eucalipto en Portugal, Galicia e Biscaia, e os debates noutros territorios (Asturias, Cantabria ou Guipúscoa), nun contexto de alta conflitividade desta especie; os riscos do proceso de eucaliptización por mor do incremento da súa presenza en cada vez máis territorios; a expansión e naturalización de Eucalyptus globulus en zonas de alto valor ecolóxico, e o risco para o sector forestal de derivar a un monocultivo económico.


Notas
  1. Fundación Arume, 23/04/2025. Organizacións da cadea de valor da madeira, fundacións, comunidades de montes e ecoloxistas piden ampliar a moratoria do eucalipto ata 2030. A mesma nota de prensa pódese verna web de Greenpeace España.
  2. As 25 organizacións que asinan a declaración son: AEMS-Ríos con Vida, Amigas da terra, Asociación Asturiana Amigos de la Naturaleza (ANA), Asociación Custodia Bosque Atlántico (BETULA), Asociación para la Defensa de los Recursos Naturales de Cantabria (ARCA), Asociación para la Recuperación del Bosque Autóctono (ARBA), Baso Biziak Plataforma, Butroi Bizirik en Transición, Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, Eguzki, Ecoloxistas en Acción, Fundación Lurgaia, Fundación Montescola, Greenpeace España, Grupo Naturalista Habitat, Kukubaso Elkartea, Mariko Baso Espazioa, Mutrikuko Natur Taldea, Sagarrak Ekologista Taldea, SEO/BirdLife, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Sociedad de ciencias naturales de Sestao, SOSollube, Txirpial, Verdegaia e WWF España.
  3. praza.gal, 23/09/2025. Enxeñeiros forestais da Xunta tamén piden ampliar a prohibición de plantar eucalipto

Comparte!