Greenpeace insta á Xunta de Galicia a pór en marcha canto antes a moratoria á gandería industrial

11-05-2021

  • A Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias informou a Greenpeace que está a estudar a posibilidade de pór en marcha a dita moratoria en toda Galicia
  • A Xunta considera que hai que declarar xa Zonas Vulnerábeis a Nitratos, en particular na Limia e outras zonas de elevada carga gandeira, para frear a contaminación da auga
  • A Xunta presentou tamén o Plan de Pastoreo de Galicia co que pretende axudar á transición das explotacións intensivas cara a un modelo extensivo

[EN CASTELLANO AQUÍ]

Greenpeace mantivo hoxe unha xuntanza coa Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia para tratar a grave situación da contaminación provocada, principalmente, pola gandería industrial na comarca da Limia. Esta reunión enmárcase dentro da campaña #FalaRural na que Greenpeace vén denunciando, entre outras cousas, os graves danos ambientais da gandería industrial, e xorde a raíz do informe “Coren contra Manuel, un caso de  SLAPP no agro galego” (preito estratéxico contra a participación pública, coñecido como ‘SLAPP’ polas súas siglas en inglés), presentado por Greenpeace en novembro de 2020.

Nesta xuntanza, e despois de que Greenpeace amosase a súa preocupación encol da grave situación de degradación ambiental existente na comarca da Limia, mais tamén respecto á expansión deste modelo industrial a outras comarcas de Galicia, a Dirección Xeral informou de que están a estudar a posibilidade de pór en marcha en toda Galicia unha moratoria á gandería industrial, unha das principais demandas da organización ecoloxista. Ademais, informouse de que xa se mantiveron as primeiras conversas cos concellos máis afectados por este problema e coas organizacións agrarias, e que existe vontade para desenvolver esta iniciativa, que non ven como un problema, senón como unha oportunidade para ir cara a un modelo máis sostíbel.

Acollemos con satisfacción a nova” afirmou Luís  Ferreirim, responsábel de agricultura de Greenpeace España. “Esta sería a segunda moratoria rexional, despois da de Navarra, polo que pedimos que se faga canto antes e que outras comunidades autónomas tomen tamén exemplo, porque é máis que necesario”. 

Como outro xeito de frear a contaminación da auga por nitratos e dar resposta ás esixencias da Comisión Europea para o cumprimento de España da Directiva de Nitratos (a Comisión abriu un expediente sancionador en 2018 e enviou un ditame motivado ao Goberno español en 2020), a Dirección Xeral amosou a firme convicción e interese de establecer canto antes unhas Zonas Vulnerábeis a Nitratos en Galicia e en particular na comarca da Limia e noutras tres zonas con alta carga gandeira, como son O Deza, O Xallas e A Terra Chá, e informou de que, para iso, só faltaría un informe xurídico que apoie esta intención.

Entre outras iniciativas presentadas pola Dirección Xeral a Greenpeace, destaca tamén o Plan de Pastoreo de Galicia, contrastado por un organismo independente, co que se pretende orientar a transición das explotacións gandeiras intensivas a un modelo extensivo.

A Dirección Xeral, tal como Greenpeace, considera que estas iniciativas axudarán a Galicia non só a contribuír á consecución de diversos obxectivos, mesmo a nivel europeo, como son o Acordo de París, o cumprimento da Directiva de Nitratos, a Estratexia de Biodiversidade ou a da Granxa á Mesa, senón que son unha oportunidade para dar resposta a unhas esixencias ambientais cada vez maiores, para incrementar o volume de produtos verdadeiramente sostíbeis para a cidadanía e mesmo para fixar poboación no medio rural, algo que os modelos de produción industrial non conseguiron. Ademais, Galicia, famosa pola calidade dos seus produtos e pola súa agricultura familiar, non pode permitir que se desvirtúe esta realidade.

Dende Greenpeace pedimos que a elaboración dos termos e requisitos da moratoria galega á gandería industrial se faga axiña e que conte coa participación dos axentes sociais. Dende logo, ofrecemos desde xa a nosa colaboración”, concluíu Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

 


Comparte!