Greenpeace oponse frontalmente á macrogranxa avícola de Agolada

10-11-2026

  • A empresa Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. pretende construír unha macrogranxa para case 400.000 galiñas en Agolada (O Deza, Pontevedra)
  • Galicia xa é a segunda comunidade autónoma con máis carga gandeira, só por detrás de Cataluña
  • Urxe unha moratoria firme e sen fisuras á gandaría intensiva en toda Galicia

Greenpeace enviou, dentro do prazo establecido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade para o proceso de información pública, alegacións como forma de mostrar a súa frontal oposición ao proxecto de macrogranxa de galiñas poñedoras que a mercantil Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. pretende construír en Agolada, comarca do Deza (Pontevedra).

Galicia soporta xa unha desmesurada cabana gandeira, tal e como indica o informe recentemente elaborado pola Comisión Europea no que se analiza a aplicación da Directiva de Nitratos durante o período 2020-23 e no que se establece que a carga gandeira de Galicia é de 2,3 UGM/ha, só por detrás de Cataluña con 3 UGM/ha, e moi por riba da media estatal e europea de 0,7 UGM/ha. Precisamente, por mor deste tipo de contaminación, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou en febreiro de 2025 – e posteriormente confirmada polo Tribunal Supremo – unha sentenza condenatoria na que se consideraba que tanto a Xunta de Galicia como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil non actuaron perante a degradación ambiental causada no encoro das Conchas, na Limia (Ourense) debido á gandaría intensiva e as súas macrogranxas. 

Asemade, a comarca do Deza (conca do Ulla), onde se situaría a explotación, xa soporta unha presión gandeira superior á da Limia antes da construción desta macrogranxa, e o encoro de Portodemouros, augas abaixo de Agolada, está a seguir a mesma traxectoria acelerada de colapso ecolóxico que o anteriormente citado encoro das Conchas.

Diante desta situación, a Xunta decretou o pasado 22 de setembro unha moratoria temporal e parcial de dous anos para a instalación de granxas de porcino, bovino e avícolas na conca do río Limia. A pesares de que esta moratoria é de xeito claro insuficiente, dende Greenpeace consideramos que é totalmente inconsistente e incoherente que se sigan a autorizar explotacións de gandaría intensiva noutras comarcas – máis aínda destas dimensións e coa presión gandeira que xa soporta a zona – e que así se exporte o problema dun sitio ao outro e se repliquen as negativas consecuencias ambientais, sociais e económicas que xa se viu que desenvolve este nefasto modelo de gandaría, chegando mesmo á vulneración dos dereitos básicos dos veciños onde se instalan estas explotacións.

“Diante dos graves problemas sociais, ambientais e de crueldade animal que xera a gandaría industrial e á xa excesiva carga gandeira existente en Galicia, e en especial na comarca do Deza, dende Greenpeace demandamos a paralización inmediata do proxecto de macrogranxa de galiñas para Agolada e que se decrete unha moratoria firme e sen fisuras para toda Galicia”, afirmou Luís Ferreirim, responsábel de gandaría de Greenpeace España.

Lamentabelmente, vemos como unha e outra vez poñen sobre a mesa proxectos avícolas de enormes dimensións e isto é debido a que a actual lexislación que regula o sector avícola – o Real Decreto 637/2021, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas – non establece un tamaño máximo para as explotacións, coma si o fai, por exemplo, o que regula o sector vacún.

É de salientar tamén o impacto negativo que este proxecto tería sobre as masas de auga no que respecta á contaminación por nitratos, un problema cada vez máis grave en todo o Estado español e tamén en Galicia, por mor da inxente cantidade de excrementos que xeran las macrogranxas. O actual proxecto situaríase sobre un acuífero que aínda está clasificado como en “bo estado” e que hai que preservar baixo todas as circunstancias, porque as masas de auga subterráneas son as reservas estratéxicas de auga e de onde, neste caso, bebe a poboación de Agolada e outros concellos.

Por causa da gravidade deste tipo de contaminación no Estado español, e a que seguimos incumprindo a Directiva de Nitratos a pesares da persecución de Bruxelas, hai uns meses a Comisión Europea enviounos un ultimato que, de non cumprirse, vai rematar nunha multa millonaria que pagarán as persoas contribuíntes e non quen contamina, nin quen permite que se envelenen as augas.

Para rematar, Greenpeace manifesta o seu apoio a las xustas reivindicacións veciñais da comarca do Deza contra a gandaría industrial, así como ás mobilizacións e alegacións presentadas polas persoas e organizacións sociais agrupadas ao redor de Stop Macrogranxas Agolada.

Documento de alegacións AQUÍ


Comparte!