Greenpeace organiza en Vilagarcía un acto sobre os océanos coa proxección de ‘Santuario’, dos irmáns Bardem

20-04-2023

  • A organización escolle Vilagarcía para celebrar a consecución dun Tratado que vai protexer o 30% da alta mar tras máis de dúas décadas de campaña
  • O documental proxectarase de balde no Salón García o vindeiro sábado 22 de abril, Día da Terra, ás 19:30 horas
  • Membros de Greenpeace explicarán o difícil camiño polo que se conseguiron 6 millóns de sinaturas para protexer os océanos

 

EN CASTELLANO, AQUÍ 

A organización ecoloxista Greenpeace celebrará o vindeiro sábado 22 de abril en Vilagarcía un acto co que quere celebrar o histórico acordo acadado en Nacións Unidas o pasado 4 de marzo para crear un Tratado dos Océanos. Malia que aínda debe ser ben perfilado e ratificado polos países, o acordo proporcionará por fin un camiño para crear áreas total ou altamente protexidas nos océanos do mundo. Para iso, Greenpeace proxectará o documental ‘Santuario’ no Salón García ás 19:30h con entrada de balde até completar aforo e instalará unha mesa informativa en varios puntos da cidade.

O documental, dirixido por Álvaro Longoria e protagonizado polos irmáns Carlos e Javier Bardem, conta a historia de como conseguir crear o meirande santuario mariño da Terra na última zona virxe do planeta, o Océano Antártico. Os protagonistas viaxaron a bordo do Arctic Sunrise, barco de Greenpeace, para ser testemuñas de como a ciencia, a política e as redes sociais se combinaron para impulsar unha campaña e conseguir que millóns de persoas apoiasen unha iniciativa que dependía tan só de decisións políticas.

Unha vez proxectado o documental, membros da organización facilitarán un debate no que explicarán a exitosa e longa campaña da que formou parte a gravación de ‘Santuario’, e que levou á consecución dun Tratado Global dos Océanos tras dúas décadas de negociacións.

Ao tempo, o voluntariado de Greenpeace, que foi moi importante para levar a campaña á cidadanía, instalará unha mesa informativa ese mesmo sábado (11-14h na Praza de Galicia e 18-20h fronte ao Salón García) para achegar a organización ecoloxista ás persoas interesadas en colaborar.


Comparte!