Greenpeace pide a Ence que planifique o peche da celulosa en Lourizán de inmediato

23-07-2021

  • A organización ecoloxista analizou a sentenza da Audiencia Nacional e celebra que estime o recurso presentado dando validez aos seus argumentos con independencia do achantamento do Estado en 2019
  • A sentenza confirma que Ence, pola súa natureza, non pode ocupar o dominio público marítimo-terrestre, polo que a prórroga concedida por Mariano Rajoy en 2016 non estaba xustificada e era ilegal
  • A Audiencia tamén se pronunciou sobre a prevalencia da defensa e protección do dominio público fronte a outros intereses, como os económicos

(EN CASTELLANO, AQUÍ)

O pasado 15 de xullo a Audiencia Nacional ditaba sentenza a favor de Greenpeace e anulaba a prórroga de 60 anos concedida a Ence polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016. A prórroga sustentábase na reforma da Lei de Costas que fixo o daquela ministro de Medio Ambiente Arias Cañete e que a propia organización ecoloxista rexeitou por favorecer intereses privados na investigación Amnistía á destrución. Deste xeito, para Greenpeace ábrese por fin a porta para que Ence abandone o dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra o máis axiña posíbel, como veu reclamando desde a década de 1990, ao considerar a actividade de Ence incompatíbel coa súa presenza no litoral pontevedrés. 

Valoramos o fallo como unha fabulosa nova non só para o medio ambiente galego e peninsular, senón para todas aquelas persoas e organizacións que defendemos que os intereses políticos e económicos nunca deben pasar por riba do ben común e a protección da natureza. Confiamos ademais en que se acabe confirmando en sentenza firme no Tribunal Supremo e se poida emprender a recuperación da marisma de Lourizán para o noso patrimonio natural”, afirmou Eva  Saldaña, directora executiva de Greenpeace España.

A organización ecoloxista analizou polo miúdo o texto da sentenza valorándoa de xeito moi satisfactorio, ao estar claramente fundamentada e ser tan contundente como coherente. Na súa análise salientou fundamentalmente as seguintes consideracións: 

  • A Sentenza estima a demanda de Greenpeace con independencia do achantamento da Avogacía do Estado formalizado en 2019. 
  • A Sentenza dedica o fundamento de dereito cuarto a admitir a lexitimidade de Greenpeace para actuar na defensa do medio ambiente e, neste caso concreto, do dominio público terrestre. Cita numerosas sentenzas que admiten a lexitimidade dos grupos en defensa da natureza para actuar en defensa deses intereses.
  • A Sentenza fundamentou a interpretación da prórroga das concesións non só noutras sentenzas da Audiencia Nacional senón tamén na Sentenza do Tribunal Constitucional e noutras do Tribunal Supremo.
  • A Sentenza cita a do Tribunal Supremo do 16 de febreiro de 2017, salientando a prevalencia da defensa e protección do dominio público fronte aos intereses económicos da empresa.
  • A Sentenza analiza e valora a proba pericial achegada por Ence, que lle leva a concluír que a papeleira non necesita ocupar o dominio público marítimo terrestre (artigo 32.1 da Lei de Costas).
  • A Sentenza é clara e contundente nos seus fundamentos e deixa ver a claridade da súa posición ao respecto da improcedencia da prórroga da concesión. 

Greenpeace estima tamén que, no caso de que a sentenza sexa firme despois do anunciado recurso da empresa pasteira no Tribunal Supremo, pode ser moi salientábel para outros casos nos que actividades lesivas que pola súa natureza non teñen porque estar en dominio público deixen de ocupar o mesmo. 

Hai actividades que segundo a lei de Costas non poden estar en dominio público, iso deixa claro a lei e o fallo da Audiencia Nacional. Ence tivo moito tempo para un posíbel traslado e protexer de xeito efectivo os empregos, mais non quixo. Preferiu empregar outras tácticas cando menos discutíbeis. Non cremos que isto poña en perigo outro tipo de actividades e empregos, especialmente as relacionadas co complexo Mar-Industria, pois moitas si parece obrigado que se realicen a pé de mar”, engade Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Para rematar, Greenpeace quere salientar que o que urxe agora é que Ence sexa por fin realista, deixe de tentar mudar leis ao seu gusto e fichar a políticos para o seu consello de administración, e comece a planificar o peche en Lourizán o máis axiña posíbel, independentemente de que se poida trasladar a outro lugar ou non. Asemade, a organización interpelará á Xunta e o Goberno de Estado para que comecen a facer os estudos pertinentes e recuperar a marisma de Lourizán para o patrimonio natural galego, restaurando a desfeita xerada nos últimos 60 anos.


Comparte!