Usamos cookies para mellorar a túa experiencia.
Entendemos que estás de acordo se segues navegando.

Greenpeace pide compromiso nas propostas electorais fronte á crise ecolóxica e social

23-06-2020

  • A organización ecoloxista presentou hoxe as súas propostas para as eleccións ao Parlamento galego
  • A vindeira lexislatura é decisiva para establecer unha mudanza radical do modelo de produción e consumo e evitarmos deste xeito as consecuencias as irreversíbeis do cambio climático
  • Os ecoloxistas consideran que unha Galicia 100% renovábel é prioritaria para ver o futuro con esperanza

Galicia, 23 de xuño de 2020. – A organización ecoloxista Greenpeace presentou hoxe o documento Propostas de Greenpeace para as eleccións ao Parlamento de Galicia. (Da crise ecolóxica á COVID-19. Cómpre unha transformación do sistema), no que se expoñen unha serie de medidas para pór en marcha unha transformación do sistema en clave verde e social. O documento está estruturado en tres grandes eixos: cambio climático, biodiversidade e mudanza de modelo de consumo. De igual xeito, a proposta conta na súa primeira parte cunha selección das 20 medidas prioritarias que non deberían faltar en ningún programa electoral que pretenda dar resposta á crise ecolóxica e social na que estamos mergullados.

A sociedade galega ten enormes retos por diante. A pandemia causada pola COVID-19 únese aos dous grandes desafíos deste século: a emerxencia ecolóxica e a crecente desigualdade social. A ciencia dinos que a vindeira década é decisiva para actuarmos contra a crise climática e de biodiversidade e os catro vindeiros anos serán cruciais para tecermos unha resposta dende Galicia e evitarmos consecuencias irreversíbeis. A situación esixe que nun tempo récord revertamos os efectos de décadas de excesos.

“Na crise ecolóxica, social e sanitaria actual podemos enfocar as solucións como unha oportunidade para apostar por unha economía verde e solidaria. A transición ecosocial cara a outro modelo produtivo e de consumo é máis urxente e necesaria que nunca”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia. “O presente e futuro da sociedade galega estará en gran medida en mans das persoas que saian escolleitas o vindeiro 12 de xullo. É tempo de acción política. É hora de votar pola nosa saúde e a do planeta”, engadiu Santos.

Estas son as máximas prioridades para a organización ecoloxista para as vindeiras eleccións galegas:

  1. Cambio de modelo enerxético. Aumentar a ambición en termos de redución de emisións cunha lei galega de cambio climático. Pechar definitivamente as centrais de carbón renunciando á co-combustión e impulsando unha transición xusta para camiñar cara a un sistema enerxético 100% renovábel e en mans da xente.
  2. A biodiversidade como táboa de salvación. Protexer os ecosistemas como base para protexer a vida, ampliando ao tempo a rede de espazos protexidos, dotándoos de ferramentas de xestión e dando valor aos servizos ecosistémicos como piares do desenvolvemento social.
  3. Aposta pola Galicia rural. Fomentar a soberanía alimentaria baseada na agroecoloxía, apostar de vez pola pesca artesanal, mudar a xestión forestal e abandonar o modelo de gandería industrial.
  4. # REinventar_ as nosas vilas e cidades. Apostar dende o local por modelos de produción e consumo sustentábeis, así como cambiar o modelo de separación e tratamento de residuos e avantar nunha lei galega de mobilidade sostíbel.
  5. Fiscalidade xusta e verde. Pór en marcha unha reforma fiscal que incentive a transición ecolóxica e reduza as desigualdades sociais, garantindo por lei o dereito ao acceso ás subministracións básicas de tódalas persoas.

Comparte!