- En Galicia, a Xunta axiliza trámites, coarta a participación pública e evita dar información precisa sobre os proxectos que optarán aos fondos e as empresas que asesoran ao Goberno
- Segundo unha análise da Climate Action Network e Bankwatch, España incumpre tódolos requisitos demandados pola Comisión Europea para a participación pública nos Plans de Recuperación Nacionais
- Greenpeace insiste na necesidade de camiñar cara a unha Recuperación Verde e Xusta, que sería viábel cun investimento equivalente ao 4,8% do PIB nos vindeiros catro anos
12 de febreiro de 2021.- A organización Bankwatch xunto coa coalición europea Climate Action Network, á que pertence Greenpeace, presentou esta semana un informe sobre o progreso dos Plans de Recuperación nos 20 países da Unión Europea (1). Unha das principais conclusións é a falta de participación pública nos Plans, o que incumpre a lexislación europea e o Convenio de Aarhus.
A análise de como se están a xestar os plans de gasto en 20 países conclúe que moi poucos países están a someter a consulta e participación pública os devanditos plans, e a avaliacións ambientais estratéxicas, ámbolos dous procedementos esixidos pola lexislación da UE. De maneira especial, o goberno español sae moi mal parado na valoración realizada do progreso destes plans.(2)
En Galicia, o goberno presidido por Núñez Feijoó tamén destaca pola opacidade e a falta de participación pública no referente aos fondos de recuperación. Nestes intres está no Parlamento galego a
Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (3), que se pretende aprobar a finais de mes e que, segundo a Xunta, é unha peza básica para a xestión dos Fondos de Recuperación, que o Presidente cifrou nuns 9.400 millóns de euros. Dita proposición de lei foi tramitada pola vía de urxencia polo grupo parlamentario do Partido Popular e non como proxecto de lei polo Goberno, de xeito que se reducen os procesos de control e coártase gravemente a participación pública.
Asemade, o Consello da Xunta acordou crear un novo instrumento público-privado (4) para xestionar e impulsar os proxectos propostos polo chamado ‘Polo para a transformación de Galicia’, formado por até 30 empresas e centros tecnolóxicos. A Xunta negouse con reiteración, mesmo en sede parlamentaria, a revelar a composición destes órganos, os criterios de selección e a listaxe e descrición polo miúdo dos 108 proxectos que, segundo Feijoó, poderían optar aos fondos.
“O Goberno de España e os gobernos autonómicos non poden transformar e recuperar a nosa sociedade sen contar con ela. Até agora só vimos o apoio das grandes empresas e a relaxación das normas ambientais e de participación e ese non é o camiño para conseguir que España remonte a actual crise económica e social”, declarou Raquel Montón, portavoz de Greenpeace España.
A semana pasada, a Comisión Europea publicou unhas orientacións sobre a elaboración dos plans nas que recomendaba aos Estados membros que consultasen á sociedade civil sobre a listaxe de investimentos, que deben presentar en abril. Nunha carta de seguimento dirixida aos vicepresidentes da Comisión, Timmermans e Dombrovskis, os grupos salientaron que deixar de lado apresuradamente estes requisitos legais porá en perigo o obxectivo da UE de mudar en emisor cero neto de gases de efecto invernadoiro para 2050.
Atendendo ás recomendacións da Comisión Europea sobre a contribución de organizacións como Greenpeace, a semana pasada a organización ecoloxista presentou o informe “
Darlle a volta ao sistema: Un 4,8% do PIB para entrar en números verdes“, elaborado pola consultora Abay Analistas para Greenpeace, que revela que un investimento de 197.000 millóns de euros nos vindeiros catro anos (equivalente ao 4,8% do PIB) permitiría pór en marcha un paquete de 117 medidas para recuperar e transformar o país en clave verde e xusta. O informe tamén analiza e expón o papel da sociedade civil ambiental e social no artellamento de solucións. E adica unha terceira parte á necesaria participación da sociedade civil, que ten que ir máis aló da solicitude de información e transparencia porque é imprescindíbel que a participación sexa máis activa no codeseño e na elección dos proxectos que se realicen.
En Galicia diversos colectivos sociais, entre os que se atopa Greenpeace, xa se organizaron ao redor da ‘
Coordinadora por unha repartición xusta dos fondos de recuperación’ para reclamar ao Goberno galego transparencia, participación pública e que os fondos sirvan para unha recuperación en clave ecosocial (5).
- Comunicado de prensa da Climate Action Network Europe. 9 de febreiro de 2021. Secrecy surrounding €672 billion in EU recovery funding jeopardises building back better, say campaigners. https://caneurope.org/secrecy-surrounding-e672-billion-in-eu-recovery-funding-jeopardises-building-back-better-say-campaigners/
- La evaluación dos planes puede consultarse aquí: https://public.tableau.com/profile/bankwatch#!/vizhome/RRF_16123517843520/Dashboard1?publish=yes
- http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/BibliotecaBoletinsOficiais/B110059_3.pdf
- https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55170/galicia-impulsa-man-30-empresas-centros-tecnoloxicos-polo-para-transformacion
- https://praza.gal/movementos-sociais/reclaman-a-xunta-transparencia-no-reparto-dos-fondos-de-recuperacion-para-non-beneficiar-as-grandes-empresas-contaminantes