Greenpeace recibe un recoñecemento e celebra coa Comunidade de Montes de Teis, en Vigo, o éxito de 25 anos de xestión forestal en defensa da biodiversidade

08-10-2023

  • De espazo degradado a unha fermosa fraga. Os comuneiros e comuneiras de Teis celebraron o 25 aniversario da recuperación do monte comunal para a parroquia
  • A entidade comunal viguesa entregou diversos recoñecementos a entidades que, como Greenpeace, colaboraron nestes anos no proxecto
  • A ONG e a Comunidade de Montes comezaron a colaborar en 1999 para substituír especies invasoras como a acacia negra por outras propias do bosque atlántico con excelentes resultados

A organización ecoloxista Greenpeace recibiu na tarde de onte un recoñecemento polo apoio que durante 20 anos estivo dando á Comunidade Veciñal de Montes en Man Común de Teis (Vigo). Foi durante o acto de celebración do 25 aniversario da Comunidade, que logrou un exitoso exemplo de transformación dun espazo forestal degradado nun refuxio de biodiversidade.

A xornada festiva, que tivo lugar no monte comunal da Madroa a partir da 4 da tarde, contou con actividades para todas as idades con xogos tradicionais, foliada, un concerto da banda do polifacético e comprometido Tonhito de Poi e a homenaxe a catro entidades que apoiaron o traballo da Comunidade durante este cuarto de século, entre as que se inclúe a ONG.

Síntome enxalzado e emocióname que os Comuneiros de Teis se sintan en débeda connosco e nos queiran dar as grazas. Pero o recoñecemento só pode ser mutuo. Para min, e para Greenpeace, o labor desta Comunidade é un exemplo a seguir e foi unha honra poder formar parte do proxecto”, declarou Miguel Ángel Soto, responsable da Campaña de Bosques da ONG, cando subiu a recoller o recoñecemento. “A historia da Madroa é unha historia de éxito, de como a perseveranza e o compromiso dos Comuneiros co medio ambiente e a identidade local poden reverter un monte infectado por especies invasoras e en mal estado sanitario nun bosque atlántico galego con especies autóctonas. Grazas a eles por facer este milagre posíbel”.

Toda unha vitoria

Greenpeace comezou a colaborar coa Comunidade de Montes de Teis en 1998, xusto un ano despois de que a parroquia de San Salvador de Teis lograse recuperar o réxime de propiedade comunal do monte tras máis de medio século de usurpación por parte do Estado. Daquela, o ecosistema forestal estaba extremadamente degradado, coa práctica totalidade do monte cuberto por unha vella repoboación de piñeiro (Pinus pinaster) nunha situación fitosanitaria moi mala, eucalipto (Eucaliptus globulus) e sobre todo unha enorme infestación de acacia negra (Acacia melanoxylon) baixo a cuberta arbórea, unha especie invasora moi difícil de erradicar polo seu extremado vigor e capacidade rexenerativa.

A colaboración de Greenpeace formou parte do proxecto Botando Raíces (1), emprendido en 1997 pola campaña de Bosques da organización, que tiña como obxectivo realizar pequenas experiencias demostrativas de reforestación con especies autóctonas en diversas zonas do Estado español. A organización ecoloxista fixo unha colecta entre os seus socios e socias para axudar a financiar, xunto a outras entidades, un programa de recuperación do xenuíno bosque autóctono da Madroa e durante os anos seguintes decenas de persoas socias e voluntarias de Greenpeace colaboraron en diversos intres nos traballos de rexeneración. Na actualidade grupos de voluntarios e voluntarias seguen indo con regularidade a achegar a súa axuda a esta contorna.

Hoxe, case un cuarto de século despois, esta parcela da área periurbana viguesa é un fermoso bosque de castiñeiros, carballos, acivros, érbedos, loureiros, etc. de tamaños considerábeis, que demostra que outra política forestal é posíbel. De feito, en 2017 a Comunidade de Montes de Teis entrou a formar parte do rexistro ICCA da ONU, para o que é preciso acreditar xestión do territorio, funcionamento democrático e, sobre todo, un forte compoñente de conservación ambiental. (2) Pero ademais, o éxito desta pequena experiencia é tamén unha proba fidedigna de que é posíbel restaurar os montes galegos, aumentar a súa resiliencia fronte ao lume e recuperar a súa vizosa biodiversidade. Non en balde, nos últimos anos especies como a vacaloura, o corzo e mesmo o falcón peregrino volveron frecuentar a zona.

A experiencia do monte comunal de Teis é unha mostra de que moitas zonas de Galicia, degradadas pola invasión incontrolada de alóctonas como o eucalipto ou a acacia, son recuperábeis se existe vontade política. Malia que a superficie forestal galega de frondosas non é pequena no seu conxunto, si carecemos de masas forestais maduras de entidade, que é o que realmente axuda a recuperar a biodiversidade e ter hábitats máis resilientes aos incendios. A Xunta debe tomar en serio exemplos como o de Teis, apostar pola vexetación autóctona e reducir significativamente a superficie de eucalipto e outras especies de crecemento rápido, cousa que non se está a facer acaidamente cunha moratoria a novas plantacións que non está a funcionar”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.


Comparte!