Usamos cookies para mellorar a túa experiencia.
Entendemos que estás de acordo se segues navegando.

Greenpeace traslada ao Concello as súas propostas para mellora-la mobilidade de Santiago de Compostela

05-11-2019

  • Representantes de Greenpeace e do Grupo Local de Compostela reuníronse con responsábeis do Concello de Santiago para coñece-los plans municipais no eido da mobilidade e trasladarlles as medidas para lograr unha cidade sustentábel
  • A loita contra a contaminación, potenciar a rede de autobuses e reducir o abuso do automóbil, chaves para mellora-la mobilidade na cidade compostelá
  • Greenpeace demandou tamén liberar de tráfico espazos como a  Praza de Mazarelos, con graves problemas pola excesiva afluencia de vehículos

Esta mañá representantes da oficina de Greenpeace España e do Grupo Local de Greenpeace Compostela mantiveron unha xuntanza no Concello de Santiago co concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, e co Xerente de Tussa, José Ramón Mosquera. Unha xuntanza que permitiu analizar as demandas que Greenpeace presenta ás cidades dentro da súa campaña ‘Neopolitan’ e coñecer de primeira man os plans do municipais en materia de mobilidade para a vindeira lexislatura.

Até hoxe, a corporación anterior de Santiago asumiu varias das medidas en mobilidade demandadas por Greenpeace, como a Zona 30 do Ensanche ou a instalación de ‘avanzabicis’ nos semáforos. Dende o  Concello expuxéronse as prioridades para a vindeira lexislatura, que consistirán na redacción dun novo Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS) e nun novo contrato para o transporte urbano, a través do cal se procederá a renovar toda a frota de autobuses e a unha reordenación de liñas que corrixa as eivas do servizo actual.

Greenpeace acolleu de xeito positivo os plans do Concello e espera que se materialicen en mudanzas visíbeis na cidade. Para o responsábel de mobilidade de Greenpeace, Adrián Fernández, “as cidades son conscientes de que o vehículo particular é un modo moi ineficiente nas contornas urbanas, emporiso as rúas deben redeseñarse priorizando ao peón no seu día a día, e non só como un reclamo turístico ou comercial”. Greenpeace, a través do seu Grupo Local en Compostela, ofreceu a participación do seu voluntariado para a redacción do novo  PMUS.

Unha cidade para as persoas e non só para os coches

O pasado mes de maio, a mobilidade de Santiago de Compostela aparecía suspensa na  Clasificación de Cidades elaborado por Greenpeace, que colocaba á capital galega en penúltima posición [2]. Pese ao predominio da mobilidade peonil, Santiago rexistra un uso do vehículo privado superior ao 40%, moi condicionado pola crecente dispersión dos seus habitantes cara a municipios lindeiros, empurrados pola presión turística. De feito, decote entran á cidade o dobre dos habitantes censados, xeralmente no seu coche. 

A elevada presenza do vehículo privado contrasta co baixo uso do transporte público (12%) unha circunstancia común nas cidades pequenas fronte ás grandes. Neste contexto, Santiago de Compostela enfróntase ao reto de priorizar o transporte público para mellorar a conexión entre barrios e cos concellos da súa contorna, circunstancia que o Concello comprometeuse a abordar no novo contrato.

A redacción dun novo  PMUS supón unha oportunidade de corrixir esta tendencia. Santiago presenta un centro urbano compacto, así como un baixo índice de motorización. Ámba-las dúas condicións propician a mobilidade de proximidade, sobre todo a pé. Greenpeace considera que o novo PMUS ten que dar prioridade aos itinerarios peonís cotiáns, aqueles do día a día dos seus habitantes e non só aos usos turísticos nunha cidade que afrontará unha presión excepcional de visitantes no vindeiro ano Xacobeo.

Neste senso, un dos exemplos propostos por Greenpeace é a reordenación da  Praza de Mazarelos e a súa contorna, onde aínda se permite o acceso indiscriminado de vehículos. A recuperación deste espazo para o peón permitiría rematar coa frecuente conxestión nunha zona que xa dispón de alternativas de aparcamento a escasa distancia. Continuaríase así coa tendencia de liberación do tráfico que xa está vixente no centro histórico e cuxo resultado foi máis que positivo para a habitabilidade urbana.

En 2018 Greenpeace escolleu a Santiago dentro do seu ‘desafío  Neopolitan’ sobre 12 cidades españolas para que traballasen sobre mobilidade, alimentación e refugallos [1]. Para a organización ecoloxista, a sustentabilidade das cidades é fundamental para frear o cambio climático, a perda de biodiversidade e as desigualdades sociais.

Máis información

[1] A túa cidade, o teu planeta. A visión de Greenpeace para unha cidade sustentábel

https://es.greenpeace.org/es/sala-de-prensa/documentos/tu-ciudad-tu-planeta-propuestas-de-greenpeace-para-una-ciudad-sostenible-elecciones-municipales-mayo-2019/

[2] Ránking da mobilidade urbana en España 2019. Greenpeace.

https://es.greenpeace.org/es/wp-content/uploads/sites/3/2019/05/ranking_ok.pdf


Comparte!