Reactivo perante as alegacións de Altri ao arquivo do proxecto
Greenpeace ve inxustificábel a insistencia de Altri en destruír o medio ambiente galego e ir contra a vontade popular
Diante da presentación de alegacións por parte de Altri/Greenfiber na Consellería de Economía e Industria contra o arquivo do destrutivo proxecto de macrocelulosa na Ulloa, anunciado hai tres meses, a organización ecoloxista Greenpeace manifestou hoxe a súa indignación coa empresa e esixe á Xunta de Galicia que proceda a denegar, como paso previo ao seu arquivo, as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada relativas ao proxecto, así como a revogar a súa declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).
Greenpeace considera que non se sostén baixo ningún ollar que se insista en levar adiante un proxecto que foi declarado PIE en 2022, cuxa solicitude de concesión de captación de augas data de 2023, cuxa solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) ten máis de dous anos e cuxa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) condicionada ten máis dun ano. Pero que, sobre todo, é insostíbel porque xerou un conflito social sen precedentes, con ducias de milleiros de persoas berrando en Galicia “Altri Non” e un gran consenso ecoloxista e académico na súa contra.
Greenpeace lembra que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nula, e xa que logo ilegal, a desprotección ambiental por parte da Xunta de Galicia da zona ambicionada por Altri, o que debería invalidar a DIA emitida. Asemade, a organización non ve en absoluto críbel que o proxecto poida garantir o seu funcionamento con “autosuficiencia enerxética” por coxeración, por canto a propia documentación da empresa afirma que a necesita porque “debe considerarse que esta xeración eléctrica é inestábel, pola natureza do proceso produtivo, producíndose así en ocasións consumos e verteduras á rede eléctrica”.
“As alegacións de Altri son unha broma de mal gusto. A empresa non ten financiamento público, non ten auga, non ten electricidade, non ten licenza social. Non ten nada, salvo pouca vergoña. É absolutamente indignante que a empresa insista en instalarse onde nin é necesaria nin é benvida e que expedientes que xa teñen tres e catro anos non se descarten dunha vez. Se un PIE de 2022 non foi adiante é porque non tiña nada de estratéxico para Galicia. Non se pode ter ao pobo galego contra as cordas deste xeito até que a empresa teña a ben abandonar. Simplemente hai que botala”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
Máis información:
–En profundidad. Altri: un monstruo en el corazón de Galicia.