Greenpeace volve á zona cero do Prestige no 20 aniversario do seu afundimento para homenaxear ao voluntariado e ás xentes do mar

19-11-2022

  • Vinte anos despois de que o petroleiro partira en dous fronte a Galicia, o voluntariado da organización volveu a Muxía cunha mensaxe clara: “non esquecemos”
  • Ao redor de 70.000 persoas voluntarias pasaron por este pobo mariñeiro nos meses posteriores á catástrofe, un exemplo conmovedor do poder da sociedade civil
  • Greenpeace lembra que aínda hoxe segue a existir risco de que se produza outro Prestige, pois millóns de toneladas de petróleo pasan fronte á Costa da Morte cada ano

Hai hoxe 20 anos, o 19 de novembro de 2002, e despois dunha traxectoria tan errática como incomprensíbel de seis días, o petroleiro Prestige partía en dous e afundía a 130 millas do cabo Fisterra, fronte ás illas Cíes. Orixinouse así unha catástrofe ambiental de dimensións continentais, que chegou a contaminar de petróleo case 3.000 quilómetros de costa. Días antes, a marea negra xa asolagara a Costa da Morte e pobos mariñeiros como Muxía, que se considerou a zona cero da desfeita. Por este motivo, máis dunha vintena de voluntarios e voluntarias de Greenpeace, regresaron hoxe ao lugar coa intención de homenaxear ás decenas de milleiros de persoas que, procedentes de moitos lugares do Estado español e do mundo, se desprazaron a Galicia aqueles meses para axudar a mitigar o meirande desastre ambiental da nosa historia.

Nun dos lugares máis simbólicos da costa galega, a carón do santuario da Virxe da Barca, despregaron grandes letras para compoñer a frase ‘non esquecemos’. Con esta mensaxe, o voluntariado da ONG ecoloxista quixo dar as grazas ao voluntariado do Prestige e tamén chamar a atención sobre a importancia de conservar a memoria sobre o acontecido e implementar decisións para que algo así non se volva repetir.

“A catástrofe do Prestige foi dramática, pero sería aínda máis devastadora sen a heroica reacción da sociedade civil, que se puxo á fronte da mesma cando as autoridades e o Estado fallaron estrondosamente. Sen o voluntariado, sen as xentes do mar, sen Nunca Máis, non sabemos o que tería acontecido. É xusto que non o esquezamos”, comentou Begoña Vila, voluntaria de Greenpeace.

Para  Greenpeace, entre o máis salientábel daquel desastre orixinado pola enorme fenda no buque o 13 de novembro de 2002, estivo a neglixente actuación das autoridades antes, durante e despois do accidente. Antes, porque Galicia sufrira até catro catástrofes similares nas tres décadas anteriores e, a pesares diso, non existían nin medios nin un plan de continxencia minimamente eficaz para abordar o naufraxio. Durante, porque se tomaron infinidade de decisións erróneas, como afastar o barco da costa, non despregar a tempo a medidas anticontaminación e dar información escasa, insuficiente e, en ocasións, falsa. E despois, porque diante da ausencia de previsións e medios tivo que ser a sociedade civil a que liderou a loita contra o chapapote, mesmo poñendo en risco a súa saúde.

O voluntariado da organización tamén quixo lembrar que as condicións para que un Prestige se poida repetir seguen presentes, pois fronte a Muxía pasan cada ano máis de 36.000 barcos, o 35 % deles con mercadorías perigosas como o petróleo e outros produtos contaminantes. Asemade, os combustíbeis fósiles, dende a súa extracción, transporte e consumo, xeran enormes emisións de gases con efecto invernadoiro e irreparábeis danos ambientais, poñen en perigo os nosos ecosistemas e son os principais responsábeis da crise climática na que estamos mergulladas. O seu papel no sistema enerxético debe ser substituído con urxencia por alternativas renovábeis, máis limpas, máis baratas e máis xustas.

“A industria dos combustíbeis fósiles continúa pasando fronte ás nosas costas e actuando con total impunidade e opacidade, creando redes de sociedades pantasmas para protexer os seus perigosos cargamentos e eludir responsabilidades en caso de accidente. Ese foi o caso do Prestige, no que a batalla xudicial continúa e non se cobrou nin un 4 % dos danos causados polo desastre. Como sociedade necesitamos desprendernos canto antes da nosa adicción aos combustíbeis fósiles”, concluíu Nerea Davila, voluntaria de Greenpeace.

Por mor do 20 aniversario da catástrofe do Prestige Greenpeace publicou na súa sección En Profundidade as claves do accidente, as súas consecuencias e as súas demandas para que non se volva repetir, así coma o documental Prestige: memoria dun desastre.


Comparte!