Máis de cincuenta organizacións ambientais de todo o mundo esixen á Xunta e ao Goberno central que rexeiten o proxecto de fábrica de celulosa de Altri

28-11-2024

  • As organizacións, que forman parte da rede internacional Environmental Paper Network, consideran que o investimento non pode considerarse ambientalmente sostíbel
  • Dirixiron cartas ás autoridades de Medio Ambiente e Industria da Xunta de Galicia e do Goberno de España advertindo dos graves impactos que xeraría Altri
  • Consideran que existe unha saturación de industrias de pasta de celulosa na rexión e piden acabar co proceso de expansión dos monocultivos de eucalipto

Cincuenta e dúas Organizacións Non Gobernamentais ambientais dos cinco continentes remitiron cartas ás consellerías de Medio Ambiente e Industria da Xunta de Galicia, así como aos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, solicitando a paralización definitiva do proxecto de fábrica de celulosa e fibras de eucalipto de Altri/Greenfiber en Palas de Rei (comarca da Ulloa, Lugo). As entidades forman parte da Environmental Paper Network (EPN), unha rede internacional moi influente en cuestións de sustentabilidade da pulpa e o papel ao longo da cadea de subministración global e o ciclo de vida do papel. EPN naceu en 2002 co obxectivo común de camiñar cara a unha industria forestal, de pulpa e papel que contribúa a un futuro saudábel, xusto e sostíbel para toda a vida na Terra.

Nas mencionadas cartas, as organizacións asinantes desaconsellan a implementación do proxecto de Altri e solicitan que se desestime definitivamente. Entre outras cuestións, chaman a atención sobre os impactos que provocaría na contorna natural na que se vai a situar a fábrica, na biodiversidade de espazos de gran valor, nas especies vulnerábeis e en perigo de extinción, no patrimonio cultural, nos sectores primarios locais, nos recursos hídricos e na saúde das persoas nun amplo radio de acción.

As entidades tamén chaman a atención sobre o proceso de ‘eucaliptización’ que sufriu Galicia xunto ao centro e norte de Portugal, fenómeno que consideran “insólito en Europa”. Ao seu xuízo, esta situación provocou unha enorme perda de biodiversidade e unha importante deterioración da integridade ecolóxica da rexión, afectando radicalmente ás masas forestais autóctonas e a moitos outros hábitats de alto valor que necesitan conservación. De igual xeito, os asinantes tamén expresan as súas dúbidas sobre a efectividade das actuais moratorias a novas plantacións de eucalipto que existen en Galicia e Portugal, cuxo obxectivo debe ser limitar a súa expansión.

As ONG tamén apuntan a que “o proxecto non reúne as condicións para seguir adiante nin para ser financiado con diñeiro público a través dos fondos europeos Next Generation, xa que é contrario aos obxectivos de sustentabilidade dos mesmos”. En concreto, denuncian, mentres que un dos obxectivos destes fondos é “mellorar a calidade da auga dos nosos ríos e mares e reducir os residuos”, o proxecto empeorará aínda máis a calidade da auga do río Ulla. Tamén empeorará a sobresaturación da industria da pulpa e o papel nesta rexión.

En troques, continúan, “deberiamos ir na dirección contraria: reducir a superficie de eucalipto tal e como esixe o Plan Forestal Galego actualmente en vigor, avanzar cara á redución global da produción e o consumo de papel, promover os envases reutilizábeis, maximizar o contido de fibra reciclada nos produtos papeleiros, incrementar o uso doutros materiais recuperados e acabar co uso de fibras procedentes de bosques e selvas ameazadas, ecosistemas e hábitats de alto valor en materia de conservación, tendendo a fabricar fibras de nova xeración e non a partir de madeira”.

Máis información

Carta dirixida á Xunta de Galicia e Goberno de España AQUÍ

 


Comparte!