Mestras polo Futuro e Greenpeace demandan aos partidos galegos que o cambio climático, a  sustentabilidade e a educación ambiental estean presentes en todo o ciclo educativo

01-07-2020

  • As organizacións remiten aos principais partidos 11 medidas para implantar a sustentabilidade nos centros educativos de xeito transversal
  • Afirman que a actual situación de emerxencia climática do planeta esixe unha maior toma de conciencia ambiental no eido escolar
  • A administración pública debe dar exemplo e establecer tamén os criterios técnicos e de consumo da súa propia infraestrutura así como dotala de recursos materiais e humanos

(EN CASTELÁN AQUÍ)

A plataforma Mestras polo Futuro, integrada en Teachers for Future España e Greenpeace, veñen de remitir aos principais partidos que se presentan ás eleccións galegas do 12 de xullo un documento de demandas educativas para que a emerxencia climática estea presente de maneira transversal e interdisciplinar en tódalas etapas do ensino. Para as organizacións, a maioría dos programas educativos son claramente insuficientes no tratamento do cambio climático, a sustentabilidade e a educación ambiental. 

O eido educativo forma parte da base da formación integral das persoas. “O noso alumnado é o futuro e a nosa responsabilidade é educalo e preparalo para afrontar a realidade do mundo no que lles vai a tocar vivir, máis aínda cando vimos de comprobar como unha dolorosa pandemia, a da COVID-19, tivo moito que ver co desprezo humano pola conservación da natureza”, afirmou Miriam Leirós, de Mestras polo Futuro e coordinadora de Teachers For Future España.

O documento, que inclúe asemade un apartado coas principais evidencias científicas que advirten sobre os efectos que o cambio climático xa está a ter e terá no planeta, incide na enorme responsabilidade das autoridades educativas á hora de concienciar e inducir mudanzas de comportamento para lograr unha sociedade máis sustentábel. Segundo Alejandro Vilela, de Greenpeace, “non só educamos co que chamamos currículo educativo –os plans de estudo, os temarios e os obxectivos concretos que se establecen en cada etapa da ensino aprendizaxe–, senón que tamén o facemos a través do ‘currículo oculto’, é dicir, aquilo que lles aprendemos coas nosas actitudes, hábitos e medios que poñemos ao alcance do noso alumnado”.

En total son 11 as propostas concretas que Mestras polo Futuro e Greenpeace poñen ao dispor de quen vaia a gobernar Galicia nos vindeiros catro anos. Amais de incidir na educación ambiental, que debe estar vencellada coa contorna e a realidade achegada ao alumnado, expoñen tamén medidas para facer dos centros educativos lugares máis sustentábeis en cuestións como a eficiencia enerxética, o consumo de materiais, o transporte do alumnado, a calidade do aire ou da auga e a xestión de residuos. 

De igual xeito, as organizacións propoñen medidas que mellorarían tanto a calidade do medio ambiente como a saúde do alumnado, promovendo transporte sustentábel aos centros, especialmente camiñando e con bicicleta, os xogos colaborativos nos recreos e unha alimentación saudábel, apostando por unha dieta planetaria con alimentos ecolóxicos e locais, promocionando o consumo de froitas e hortalizas de tempada ou os hortos escolares.

As 11 propostas de sustentabilidade resúmense en:

  1. Un currículo educativo presente en tódalas etapas do ensino, que contemple de xeito transversal e interdisciplinar o cambio climático en todas as súas dimensións, a situación de emerxencia na que se atopa o planeta e as actitudes necesarias para palialo.
  2. Educación ambiental vinculada coa contorna e a realidade próxima do alumnado.
  3. Plans de formación para docentes.
  4. Xestión enerxética dos centros educativos (calefacción, auga, electricidade, construción).
  5. Promover o aforro de papel e o uso de papel reciclado.
  6. Promover hábitos de reciclaxe e economía circular.
  7. Transporte escolar saudábel e sostíbel.
  8. Alimentación saudábel e de produción local. Hortas escolares.
  9. Recreos: xogos colaborativos, deportes de equipo. Residuos cero.
  10. Evitar a contaminación do aire, da auga, acústica, radon e o emprego de substancias prexudiciais para o medio na limpeza dos centros.
  11. Creación da figura de responsábel de sustentabilidade.

Comparte!