No marco da COP de Dubái

Novo informe de Greenpeace mostra que a dependencia de Galicia da enerxía fósil afástaa de conseguir autoabastecerse con renovábeis

12-12-2023

  • Greenpeace e o Observatorio Galego de Acción Climática (OGACLI) publican o informe ‘Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles’, que analiza a situación da transición enerxética no país
  • Tres cuartas partes dos recursos enerxéticos transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor proceden de importacións de combustíbeis fósiles de terceiros países
  • Aínda que Galicia debería estar a planificar a fin dos combustíbeis fósiles, as importacións de gas disparáronse neste século, medrando máis que o total de recursos renovábeis

Coincidindo coa clausura da Conferencia de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático que se celebra en Dubái (COP28), Greenpeace e o Observatorio Galego de Acción Climática (OGACLI) publicaron hoxe o informe ‘Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles’, que analiza o estado da transición enerxética no país. Segundo este, tres cuartas partes dos recursos enerxéticos transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor proceden de importacións de combustíbeis fósiles de terceiros países, moitos deles do Sur Global. Esta situación afasta ao país do obxectivo de alcanzar un sistema 100% renovábel, que Greenpeace considera que podería e debería lograrse para 2040.

“A dependencia dos combustíbeis fósiles é tremendamente elevada en Galicia, polo que está aínda moi lonxe de autoabastecerse con fontes renovábeis. Esta situación débese reducir drasticamente tras as formulacións expostas estes días na COP para eliminar progresivamente os combustíbeis fósiles e alcanzar os obxectivos climáticos”, sinalou Manoel Santos, responsábel de Greenpeace en Galicia. 

A análise conclúe que de toda a enerxía utilizada en Galicia como materia prima para ser transformada en enerxía para o consumo, só o 25,8% procede de fontes renovábeis, polo que non existe ningún excedente de renovábeis e si un aumento importante do uso de gas fósil. Ademais, malia que a enerxía dispoñíbel para o consumo destínase maioritariamente ao consumo interno e unha parte é exportada ao resto de España e de Europa, Galicia exporta enerxía final pero sobre todo de orixe fósil, non só porque parte da electricidade exportada se produza con gas e carbón, senón principalmente pola exportación de produtos petrolíferos e de gas. 

Non se está a avanzar na redución e electrificación do consumo

O informe sinala que nos últimos anos non se observa unha tendencia clara cara a un descenso importante do consumo de enerxía, como sería desexábel no contexto da emerxencia climática e da crise enerxética. A isto contribúe, segundo as organizacións, que a Axenda Enerxética de Galicia 2030 carece da ambición climática necesaria. O maior consumo enerxético en Galicia corresponde aos usos directos de combustíbeis fósiles, que supoñen un 60% do consumo de enerxía final, mentres que o consumo de electricidade sobre o consumo total de enerxía final, na que se pon todo o foco mediático, só estivo entre o 24 e o 27% durante os últimos 15 anos. 

Para reducir o consumo total de enerxía cómpre aumentar a eficiencia enerxética e evitar usos despilfarradores ou de luxo, pero tamén incrementar a produción e o consumo de electricidade renovábel a través da electrificación. Mentres esta última non progresa, está a desaproveitarse o excedente eléctrico que Galicia ten –e por tanto exporta– nalgúns meses do ano para facer máis eficiente e limpo o consumo enerxético galego. 

A cota das renovábeis no consumo enerxético galego supera o 40%

As mellores novas veñen da man da cota de renovables no consumo enerxético final galego, unha vez transformada a materia prima, que é do 43,5%. Esta cifra duplica aproximadamente a media europea (21,8%) e española (20,7%), cumpre o obxectivo provisional para 2030 acordado recentemente para o conxunto da UE (42,5%) e aproxímase ao proposto para España no borrador da primeira actualización do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030 (48%). Aínda así, a ambición destes obxectivos non está á altura do que a ciencia pide para combater o cambio climático. É un bo punto de partida, pero aínda non supón nin a metade do camiño, pois o sistema enerxético debería ser 100% renovable en 2040. Ademais, as boas cifras na cota de renovables no consumo eléctrico (102,1%) contrastan coa baixa achega de renovábeis noutros sectores como a calefacción e a refrixeración (30%) e sobre todo o transporte (6,5%), onde queda todo por facer. 

Ter unha cota de renovábeis relativamente alta no contexto español e europeo non é en si mesmo un problema senón unha vantaxe. Non se trata de frear o despregamento das renovábeis para equipararnos aos territorios máis atrasados na transición enerxética, senón de avanzar para chegar canto antes a un sistema enerxético 100% renovábel e xusto, tendo en conta as comunidades que acollen os proxectos renovábeis e a protección da biodiversidade”, afirmou Xosé Veiras, do OGACLI.

Galicia necesita producir e usar máis electricidade renovable

Ao falar de produción eléctrica, as conclusións apuntan a que Galicia necesita producir e sobre todo usar máis electricidade de orixe renovábel. Aínda que durante o últimos tres anos a produción eléctrica anual en Galicia igualou aproximadamente á demanda interna, non significa que Galicia poida autoabastecerse con electricidade renovábel durante todos os días e todas as horas do ano. Polo xeral, en todos os meses de maio a outubro a xeración renovábel é inferior á demanda. A isto hai que engadir que o proceso de descarbonización require un importante descenso na demanda enerxética no seu conxunto, pero tamén un forte aumento da produción eléctrica renovábel destinada a substituír unha gran parte da enerxía fósil consumida, o cal se faría mediante a electrificación directa do consumo sempre que sexa posíbel. 

A expansión das renovábeis eléctricas reduciu as emisións galegas

O informe tamén dedica un capítulo ao estado da emisións galegas de gases con efecto invernadoiro, que en 2021 situouse nunha redución do 34% con respecto a 1990. Unha boa cifra sustentada sobre todo na expansión das enerxías renovábeis e o descenso da produción a partir de carbón, algo que, paradoxalmente, nin a Xunta de Galicia nin ningún partido do arco parlamentario galego desexaba. Aínda así, as organizacións apuntan a que o obxectivo de redución do 55% para 2030 debería ser máis ambicioso, ampliándose ao 65% e felicítanse de que o presidente da Xunta afirmase hai uns días que Galicia aspira a acadar a neutralidade climática no ano 2040, dez anos antes do marcado na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e no anteproxecto da Lei do Clima de Galicia, como demandaran ambas as organizacións.

O peche do carbón é o maior fito na loita contra a emerxencia climática en Galicia, pero aínda queda moito que percorrer até atinxir a neutralidade climática. Hai que incidir nos maiores focos de emisións na actualidade, o transporte, a industria e as emisións da gandería e a agricultura, ademais de planificar o fin das que aínda son as grandes fábricas de cambio climático do país, desde as centrais de ciclo combinado a gas fósil das Pontes e Sabón á refinería de petróleo de Repsol na Coruña”, concluiu Santos

Información adicional: 

O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia. Os dez obxectivos máis importantes marcados por Greenpeace e o OGACLI son: 

  • Reducir as emisións brutas nun 65% para 2030 respecto a 1990
  • Alcanzar un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030
  • Alcanzar un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040
  • Reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019
  • Alcanzar unha cota de renovábeis no consumo final do 70% en 2030
  • Abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030
  • Abandonar a queima de gas fósil para todos os usos en 2035
  • Planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos
  • Incrementar a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50%
  • Acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040


De igual xeito, a organizacións demandan a elaboración, con ampla participación social, dunha auténtica Estratexia e Plan de Enerxía e Clima de Galicia, que oriente a actuación da Xunta cara á consecución deses obxectivos, mediante unha forte aposta pola redución e electrificación do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel responsábel. 

Tamén inclúen numerosas recomendacións tanto para abandonar os combustíbeis fósiles como para reducir o consumo: aforro enerxético, fiscalidade verde, educación ambiental, descarbonización de edificios e industria, mobilidade sostíbel, renuncia tanto á participación pública en Reganosa como á creación dun hub exportador de hidróxeno verde…; e consideracións sobre o desenvolvemento renovábel centradas en: a diversificación do mix enerxético, maior ambición e rapidez no despregamento de renovábeis, participación pública, democratización do sistema enerxético con autoconsumo e comunidades enerxéticas, maior protección da natureza ampliando ao 30% a rede Natura, priorización de zonas degradadas –mesmo eucaliptais– e áreas de baixa sensibilidade ambiental…


Comparte!