O voluntariado de Greenpeace inicia en Vilagarcía unha campaña para reducir a pegada de plásticos nos mercados
- A campaña procura concienciar a persoas consumidoras e comerciantes, amais de pedir mudanzas reais ás autoridades municipais responsábeis
- As medidas de redución implementadas en grandes superficies de cidades, ás que aínda lles queda moito por avanzar, non chegaron en absoluto a mercados e mercadillos, onde o uso de plásticos segue a ser habitual
- A campaña tamén quere pór en valor os mercados como espazos de venda de produto local e de proximidade, máis sostíbel que o procedente da agrogandaría e a pesca industriais
Voluntarias e voluntarios da organización ecoloxista Greenpeace poñerán en marcha a partir do sábado 25 de maio a campaña ‘Mercados libres de plásticos’, destinada a reducir o uso de plásticos en mercados e mercadillos, así como a pór en valor estes espazos de venda de produtos de proximidade. O lugar escollido para lanzar esta iniciativa é Vilagarcía de Arousa, onde cada sábado combínase a venda na praza de abastos cun mercadillo. Alí desenvolveranse unha serie de actividades, entre as 10:00 e 14.00, destinadas a informar á cidadanía, pedindo a complicidade e a colaboración das persoas comerciantes e elaborando unha serie de demandas e propostas de mellora que, posteriormente, faranse chegar ao Concello. A campaña continuará nos vindeiros meses noutros Concellos galegos.
Segundo o voluntariado da ONG, en Galicia hai prazas de abastos –ou mercados municipais– e mercadillos ambulantes periódicos en todos os pobos, onde o uso do plástico segue a ser excesivo e non chegaron moitas das medidas de redución que se implementaron nas grandes superficies das cidades. A cantidade de refugallos de plástico que se xeran nestes espazos é desorbitada e en moitos casos van parar aos ríos próximos ou ao mar, especialmente cando estes se desenvolven na súa proximidade, como acontece en Vilagarcía de Arousa.
Con todo, afirman que é doado pór medidas correctoras, que deben liderar os Concellos. A campaña ‘Mercados libres de plásticos’ dará prioridade á redución, a reutilización e a recolleita selectiva para a súa reciclaxe, expondo alternativas e entrando en interlocución coas Administracións municipais, que teñen as competencias na regulación dos mercados e a recolleita de residuos urbanos.
O plástico xa chegou a todos os recunchos do planeta: desde o Ártico até a Antártida. O modelo de consumo baseado en usar e tirar produtos plásticos é insistíbel para o planeta e ten moito impacto no cambio climático e sobre os ecosistemas naturais. Malia que se avanzou na súa redución, aos océanos seguen a chegar entre 12 e 14 millóns de toneladas de plástico cada ano, até o punto de que existen estudos que indican que en 2050 a cantidade de plástico nos mares superará á biomasa de todos os peixes que o habitan.
Greenpeace traballa desde hai anos para reducir a dependencia do plástico e leva anos defendendo a aprobación dun Tratado Global de Plásticos, que considere o seu ciclo de vida completo e poña freo a produción de plásticos dun só uso. Facer realidade este tratado permitirá promover modificacións lexislativas nacionais que limite a xeración de refugallos desde a súa orixe, asignen responsabilidades ás empresas contaminantes e presenten alternativas baseadas na reutilización.