Organizacións ecoloxistas solicitan á Unión Europea que non financie a macrocelulosa de Altri

18-04-2024

  • Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace reuníronse en Bruxelas con representantes de partidos políticos para alertar do grave impacto socioambiental que carrexaría a macrocelulosa de Palas de Rei
  • As organizacións ecoloxistas informaron tamén das consecuencias ambientais deste proxecto ás comisarias europeas do Grupo de Traballo de Recuperación e Resiliencia
  • As tres ONG presentaron alegacións conxuntas ao proxecto de Altri e reclaman á Xunta de Galicia que prorrogue o plazo de admisión ante a incapacidade da administración de xestionar a avalancha de alegacións

Unha delegación das organizacións ecoloxistas galegas Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace estivo esta semana en Bruxelas reuníndose con europarlamentarios españois para informarlles dos graves impactos ambientais e sociais que carrexaría a instalación do proxecto GAMA, unha macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri pretende instalar en Palas de Rei, a través da sociedade mercantil que constituíu en Galicia denominada Greenfiber S.L. A delegación viaxou xunto á Plataforma Ulloa Viva grazas á facilitación de Ana Miranda (BNG) e prolongou a axenda reuníndose tamén con Nicolás González Casares (PSOE) e María Eugenia Rodríguez Palop (Unidas Podemos).

Segundo as entidades ecoloxistas, o que nun principio o presidente da Xunta anunciou como “un proxecto ecolóxico”, revelouse, coa presentación da documentación, como o que realmente é, unha industria para producir ata 400.000 toneladas celulosa soluble e 200.000 de Lyocell, ademais doutros subproductos como biomasa e xeso. É dicir, unha nova pasteira a base de madeira de eucalipto. Isto requirirá unha captación de 46.000 m³/día de auga –tanto como consome toda a provincia de Lugo– e un permiso de vertedura industrial ao río Ulla de 30.000 m³/día de augas residuais. Tamén emitirá xofre reducido total, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado. Asemade, supón unha afección directa sobre a rede Natura e os seus proxectos de ampliación.

Por iso, as representantes de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace solicitánronlle aos europarlamentarios que se opoñan á posible asignación dos fondos Next Generation para financiar este proxecto, xa que a propia empresa, firmemente apoiada pola Xunta de Galicia, manifestou que necesita optar cando menos a un cuarto do seu investimento –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá– de diñeiro público de entrada, centrando actualmente as súas miradas nos fondos Next Generation e o PERTE de descarbonización da industria.

Carta a comisarias europeas
Ademais destes contactos cos representantes das forzas políticas, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, xunto con SEO/Birdlife e WWF dirixíronse por carta á Sra. Céline Gauer, á Sra. María Teresa Fábregas Fernández e ao Sr. Giulio Federico, respectivamente responsable, directora e xefe de unidade do Grupo de Traballo de Recuperación e Resiliencia (Recovery and Resilience Task Force), tendo tamén en Bruxelas unha xuntanza con parte do equipo mesmo grupo de traballo.

As cinco organizacións ecoloxistas trasladáronlle aos comisarios europeos que o proxecto GAMA de Altri-Greenfiber terá impactos ambientais irreparables e acelerará os efectos do cambio climático sobre esta área de especial protección e de biodiversidade. Nas cartas á Comisión Europea resaltan o incomprensible que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva, con afeccións directas á Rede Natura 2000 e varias especies ameazadas e en perigo de extinción, e que en absoluto cumpre o Principio DNSH (Do Non Significant Harm), condicionante indispensable para vixiar que o destino dos cartos non afecte a cuestións tan viais como a “protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas”, o “uso sostíbel e a protección dos recursos hídricos e mariños”, ou a “mitigación e adaptación ao cambio climático”.

Alegacións ao proxecto de celulosa
Por outra banda, o pasado mércores 17 de abril, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace rexistraron alegacións ao proxecto GAMA, realizadas conxuntamente polas tres organizacións ecoloxistas galegas. Entre os moitos impactos negativos que detectaron salientan o emprazamento da instalación. As súas máis de 360 hectáreas, dez veces o tamaño da celulosa Ence na ría de Pontevedra, distan cero metros do ZEC Serra do Careón (ES1110014) e o punto de vertedura moi preto –río arriba–  do ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza (ES1140001). Ademais, ponse tamén en risco o ZEC Sobreirais do Arnego (ES1140015), igualmente situado na conca do río Ulla, e os ecosistemas mariños da ría de Arousa. Neste territorio desemboca o río Ulla e emprázase a Illa de Cortegada, integrante do Parque Nacional dás Illas Atlánticas de Galicia, e nun radio de menos de 30 Km de distancia se situan as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Nas alegacións sinalan que a posta en marcha de semellante industria tería tamén un impacto enorme no tecido socioeconómico tanto da comarca da Ulloa, eminentemente rural, agrogandeira e paso obrigado do Camiño de Santiago, como da Ría de Arousa, os seus bancos marisqueiros e a súa pesca tradicional. Asemade, argumentan que Galicia non pode soportar outra industria que leve implícita unha maior eucaliptización do territorio, que está directamente relacionada co abandono do rural, a perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica do país, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático.

Por último, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace puideron entregar as súas alegacións por rexistro dixital, pero denuncian que multitude de veciñas e veciños non pudideron entregar físicamente as súas alegacións particulares pola incapacidade das administracións de xestionar a súa recollida. Demandan á Xunta de Galicia que amplíe o prazo cando menos 15 días máis, xa que non facelo sería vulnerar a posibilidade de exercer un dereito fundamental da cidadanía.


Comparte!