ACCIÓN! ACCIÓN! ACCIÓN! ACCIÓN! ACCIÓN! ACCIÓN!
Pancarta contra Altri a carón da catedral de Santiago de Compostela
- A acción contou coa participación de escaladores de Greenpeace e o apoio de Ecoloxistas en Acción
- A pancarta despregouse fronte á sede da Presidencia da Xunta para esixir ao Goberno de Rueda que non siga adiante co proxecto
- O proxecto de macrocelulosa está a provocar un gran rexeitamento social e científico porque ameaza a exigua Rede Natura 2000 galega e pon en grave perigo a agricultura e pesca local
- As organizacións animan a participar o 30 de xuño nunha nova mobilización que busca reunir a milleiros de persoas para rodear a Xunta
Co lema “ALTRI NON”, escaladores de Greenpeace despregaron unha pancarta na balconada do museo da catedral de Santiago, fronte á sede da Presidencia da Xunta (Pazo de Raxoi), para pedir que se descarte o proxecto de construción da macrocelulosa que a multinacional Altri quere levar a cabo en Palas de Rei (Lugo). A acción foi apoiada tamén desde a praza do Obradoiro por activistas de Ecoloxistas en Acción.
Con mensaxes como ALTRI ESNAQUIZA GALICIA, as organizacións ecoloxistas denuncian os devastadores efectos que esta enorme fábrica tería nunha zona de elevado valor ambiental, económico e social e piden que non se destinen cartos públicos para a súa construción.
“A Xunta debe entender que Galicia nin necesita nin quere unha nova celulosa que poña en perigo a nosa biodiversidade, a nosa auga, os nosos sectores primarios e a nosa cohesión social. Do mesmo xeito que o museo da Catedral garda pezas valiosísimas, o museo natural da Ulloa tamén alberga hábitats e especies exclusivas que non teñen prezo e unha sociedade rural que busca a harmonía coa contorna, non malvivir cunha industria contaminante de enclave. Poñer os intereses económicos privados por riba do ben común non é propio dun goberno democrático”, declarou desde a praza do Obradoiro Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
A acción tamén quixo chamar a atención sobre as enormes dimensións que ten o proxecto de Altri, que afectaría a unha superficie dez veces maior que a de Ence en Lourizán. A macrofábrica inclúe ademais a construción dunha cheminea de 75 metros de altura, exactamente a mesma que teñen as torres da Catedral, para emitir enormes cantidades de substancias precursoras da choiva aceda como óxidos de xofre e nitróxeno.
O proxecto da macrocelulosa, que está nestes intres en fase de estudo ambiental por parte da Xunta de Galicia, recibiu un récord de alegacións en contra, máis de 23.000, e está a xerar unha gran onda de mobilización social. Más de 20.000 persoas acudiron á primeira manifestación contra o proxecto en Palas de Rei (Lugo), zona cero do proxecto, o pasado 26 de maio e 300 embarcacións concentráronse nunha histórica protesta marítima na ría de Arousa o 12 de xuño. Asemade, unha petición de Greenpeace xa superou as 155.000 sinaturas de oposición ao proxecto de Altri.
“Resulta insultante a cantidade de diñeiro público que Altri está a pedir para destruír A Ulloa e poñer en grave risco toda a conca do Ulla. Non só están a poñer enriba da mesa un proxecto altamente contaminante e lesivo co noso medio ambiente, é que aínda por riba queren que o paguemos todos e todas. É absolutamente inaceptábel”, afirmou dende O Obradoiro Ana Freiría, portavoz de Ecoloxistas en Acción.
As organizacións ecoloxistas e veciñais chaman a toda a cidadanía a acudir á vindeira mobilización (convocada pola plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) que rodeará a sede da Xunta de Galicia (San Caetano) en Santiago de Compostela o vindeiro domingo 30 de xuño ás 12:00 para esixir de forma masiva que se descarte o proxecto.
A enorme oposición social que xerou o macroproxecto de Altri céntrase agora en tratar de impedir que a Xunta de Galicia dea o visto e prace a unha solicitude de captación –e posterior vertedura– de auga da conca do Ulla, así como ao proceso de avaliación ambiental, que segundo a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, agárdase para principios de 2025. De igual xeito, organizacións ecoloxistas e veciñais traballan dende todos os ámbitos para demostrar que o proxecto non cumpre en absoluto co principio DNSH (Do Non Significant Harm, non causar un dano significativo), condicionante indispensábel para que a empresa poida recibir a enorme cantidade de fondos europeos –até 250 millóns de euros– aos que parece aspirar.
Altri, un monstro de celulosa no corazón de Galicia
A multinacional portuguesa Altri quere construír unha enorme fábrica de celulosa no corazón de Galicia (Palas de Rei, Lugo) que pon en perigo a súa natureza e aos seus habitantes para producir até 400.000 toneladas de celulosa solúbel e 200.000 de lyocell, ademais doutros subproductos, como biomasa e xeso.
Altri pretende usar até 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla, o cal equivale ao consumo de toda a provincia de Lugo e devolverá ao río ata 30 millóns de litros de augas residuais contaminadas cada día a 27 graos centígrados. Non só consumirá unha enorme cantidade de auga, tan necesaria en tempo de seca, senón que contaminará a que queda, poñendo tamén en grave perigo o marisqueo na ría de Arousa.
Calcúlase que Altri necesitará até 2,4 millóns de toneladas de eucalipto ao ano. Este aumento brutal da demanda obrigará a ocupar aínda máis terreo galego deste monocultivo que tanto dano está a facer á biodiversidade do norte da Península, e que aumenta o perigo e virulencia dos lumes en Galicia, como se ve cada ano.
Tres espazos da Rede Natura 2000 veríanse afectados (ZEC Serra do Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais do Arnego) e mesmo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais, a fábrica construiríase sobre un terreo identificado (e aparentemente gardado nun caixón) xa hai máis dunha década pola propia Xunta de Galicia para ampliar a rede Natura 2000.
Altri impactará directamente a moitas especies ameazadas, algunhas mesmo endémicas e en perigo de extinción, cuxas poboacións son únicas no mundo. No ámbito do proxecto hai rexistradas máis de 140 especies de aves, das cales catro están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e seis no Catálogo Español de Especies Ameazadas.