Plantámonos apoia a convocatoria do Sindicato Labrego Galego contra o Acordo de Libre Comercio UE-Mercosur

12-01-2026

As organizacións Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde e a asociación cultural e medioambiental Tarabelada (integradas no movemento Plantámonos xunto co Sindicato Labrego Galego) manifestamos publicamente o noso apoio á concentración contra o Acordo de Libre Comercio UE-Mercosur convocada polo SLG para este luns 12 de xaneiro ás 12:00 horas fronte á Delegación do Goberno na Coruña, no contexto das mobilizacións convocadas en toda Europa pola ECVC (Coordenadora Europea Vía Campesina) e animamos á cidadanía a participar nela.

A integración da alimentación nos acordos de libre comercio supón o reforzamento da agroindustria en prexuízo das producións labregas —neste caso europeas e suramericanas—, aumentando a destrución social e ambiental asociada a este modelo de produción de alimentos concentrado en cada vez menos mans, orientado á especulación e á exportación, causante de despoboamento rural, ecoloxicamente insustentable e importante fonte de crise climática.

As sociedades europeas e suramericanas non precisamos de máis agroindustria, máis alimentos quilométricos, máis monocultivos depredadores de solo fértil e auga doce, máis precariedade e empobrecemento labrego nen máis agrotóxicos, precisamos de alimentos sans, seguros, nutritivos e accesibles, producidos con dignidade o máis perto posible do lugar de consumo, coidando a terra e a paisaxe, mantendo o medio rural vivo, freando a crise climática. Isto supón transformar os nosos sistemas agroalimentarios cara á agroecoloxía e construír soberanía alimentaria, xusto todo o contrario do que sucede asinando tratados de libre comercio nos que os alimentos entran como moeda de cambio.

Non queremos comercio libre, queremos comercio xusto de producións sustentables e respectuosas cos dereitos humanos e labregos.

Non queremos agroindustria acaparadora, especuladora e orientada á exportación, queremos soberanía alimentaria e agroecoloxía para alimentar os nosos pobos e así o mundo.

Asinan o comunicado:
Amigas da Terra
Ecoloxistas en Acción
Greenpeace
Sindicato Labrego Galego
Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde
Asociación cultural e medioambiental Tarabelada


Comparte!