Greenpeace demanda ao MAPA unha reforma integral no modelo de pesca, agricultura e gandería

13-06-2024

  • Vilagarcía de Arousa recibiu ao Arctic Sunrise cunha flotilla reivindicativa de case 300 barcos en defensa dos nosos mares e a rexeneración da ría
  • No escrito participaron os colectivos de pesca artesanal de Euskadi e Galiza, xunto á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, entre outros
  • As principais demandas céntranse na protección efectiva das rías fronte á contaminación e na defensa da pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura extensiva tradicional 

Greenpeace remitirá o próximo luns 17 de xuño unha carta ao ministro Luis Planas e á Secretaría Xeral de Pesca coas demandas do sector primario (pesca artesanal e marisqueo, agricultura e gandería) que elaboraron durante o tour do barco Arctic Sunrise en Euskadi e Galiza. No documento participaron a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Daíqui, Cooperativa Horsal, Sindicato Labrego Galego, Arqueixal, Casa Grande de Xanceda, Traloagro e Biocoop.

As organizacións denuncian que o modelo de pesca, agricultura e gandería actual é completamente insostible xa que priorizan a produción industrial destrutiva fronte á de baixo impacto. A reforma supoñería unha inxección á economía local ademais de preservar os nosos ecosistemas e a súa biodiversidade. 

Greenpeace co seu buque rompexeos e a PDRA realizaron unha protesta marítima con case 300 embarcacións para esixir a defensa dos nosos mares, que se atopan ao borde do colapso e a rexeneración da ría. O Arctic Sunrise realiza visitas guiadas e actividades de balde ao público dende hoxe 13 ao 15 de xuño no peirao O Ramal do porto de Vilagarcía de Arousa.

 

Demandas: Accede aquí ao documento completo de demandas

  • Asegurar o cumprimento dos acordos internacionais de protección do medio mariño que establecen a necesidade de acadar un 30 % das augas nacionais baixo protección e xestión eficaces, e garantir que o 10 % do mar quede baixo protección estrita, libre de actividades antrópicas que poidan comprometer a súa saúde ambiental.
  • Co obxectivo de garantir a sustentabilidade dos recursos pesqueiros, estudar a ampliación da rede de reservas mariñas consensuadamente co sector pesqueiro, mexilloeiro e marisqueiro, en aqueles lugares que se requira polo mal estado de conservación de hábitats e especies, ou polo estado de sobreexplotación e mala saúde dos stocks pesqueiros.
  • Defender a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura extensiva tradicional, coa mellora da xestión dos recursos pesqueiros e os ecosistemas mariños. É urxente loitar contra o furtivismo e a contaminación.
  • Abordar a problemática do relevo xeracional ao que se enfronta o sector para asegurar un futuro na pesca e o abastecemento dos recursos pesqueiros sustentables para a poboación.
  • Impedir a posta en marcha de novas industrias costeiras insostibles como a planta de celulosa de Altri, que poñería en risco non só o río Ulla, senon tamén a ría de Arousa como consecuencia da disminución do caudal e o incremento da contaminación e temperatura das augas do río.

 

As augas internacionais representan o 61 % dos océanos do mundo, pero menos do  1 % están protexidas. Precisamos que o Tratado Global dos Océanos, un acordo co que se pretende protexer e regular polo menos o 30 % das augas internacionais para 2030, baixo a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar se faga efectivo mediante a ratificación de polo menos 60 países. 

España é líder na Unión Europea en canto a capturas de peixe se refire e a frota española conta con 8.613 embarcacións, sendo o 78 % de artes menores. Pese contar cunha gran maioría de frota artesanal, o 70 % do peixe que consumimos en España é importado e do peixe que consumimos procedente das nosas costas, só o 10 % procede da pesca artesanal.

A preocupante situación de Galiza 

No caso de Galiza conta con 4.225 embarcacións (datos do MAPA de 2023), 96 delas pertencen ao arrastre, 151 a cerco, 20 a palangre de fondo, 122 a palangre de superficie, 3 a rasco, 20 a volanta, 47 de artes fixas e 3.764 de artes menores. Galiza é a comunidade autónoma con maior número de capturas debido a que ten case o 50 % da frota española. 

A pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura tradicionais, moito máis sustentables que outros métodos de explotación de recursos mariños e con moito máis peso na articulación da sociedade, sofren unha crise de considerables dimensións. Esta refléxase tanto na produción coma nas capturas de peixes, moluscos e crustáceos, así coma na diminución do número de permex (permiso de explotación que autoriza a profesionais e embarcacións a exercer a actividade extractiva, tanto pesqueira coma marisqueira), falta de relevo xeracional e na crecente presión da industria e a introdución de especies foráneas. 

Especialmente significativa e preocupante é a descomunal caída na produción marisqueira dalgunhas especies de moluscos bivalvos, de entre o 60 % e 70 % nas últimas dúas décadas, porque tamén constitúen excelentes bioindicadores que nos falan da pobre saúde dos nosos ecosistemas. 

Á contaminación procedente de fontes urbanas, industriais e agrogandeiras, súmanse cada ano con maior intensidade os efectos do cambio climático coa subida da temperatura do mar e a súa acidificación, así coma os cambios nos patróns de correntes, ventos e choivas. 

É urxente tomar medidas que garantan a conservación de hábitats e especies que poidan soster a saúde dos ecosistemas, pero tamén plans efectivos de restauración e rexeneración, control da contaminación, furtivismo, sobrepesca e pesca ilegal e, en xeral, de apoio á pesca artesanal e o marisqueo tradicionais en detrimento da pesca e acuicultura industriais.

As tractoradas do pasado febreiro, evidenciaron un problema que levaba tempo ecoando: o sector agrario, tanto español coma europeo está en crise. A subida dos custos, a competencia desleal de produtos importados, os grandes marxes de beneficio de intermediarios e maioristas fronte aos baixos prezos que perciben as persoas produtoras, as elevadas cargas burocráticas, e as graves e crecentes consecuencias que sofren de maneira directa debido á crise climática e de biodiversidade, evidencian a difícil situación na que se atopa o sector. Os mercados, as axudas e as leis apoian aos máis grandes, mentres que a pequena e mediana agricultura, vese desprazada e abocada á industrialización, ou ao peche. 

Greenpeace acolle en Vilagarcía ao sector primario, cun obradoiro adicado ao sector pesqueiro artesanal, mariscadoras e acuicultura extensiva tradicional, para abordar as problemáticas ás que se están enfrontando e expor solucións para revertir a situación. Xuntaremos por primeira vez a todo o sector primario: agricultura, gandería, e pesca, para poñer sobre a mesa as problemáticas comúns ás que están sometidas e tratar de buscar solucións transversais a medio prazo. Por último, realizaremos unha mesa redonda para compartir propostas e reivindicacións ecofeministas do mesmo sector primario.

A nivel estatal Greenpeace demanda:  

  • Conservación:
  • Ratificación antes de xuño de 2025,  do Tratado Global dos Océanos por parte do goberno español.
  • Acadar un 30 % de espazos mariños protexidos para 2030 para dar cumprimento aos compromisos adquiridos no marco do convenio de Diversidade Biolóxica (CBD), establecendo unha folla de ruta e promovendo activamente o diálogo e a participación cos científicos e a sociedade na designación destas áreas.
  • Declarar un 10 % da superficie mariña protexida con categoría de protección estrita para asegurar a recuperación da biodiversidade, empregando a ciencia para identificar estas zonas e a través dun proceso participativo amplo para a zonificación desta porcentaxe de forma  que se garanta  a  resiliencia  dos  mares  e  facilite a recuperación da biodiversidade e dos recursos mariños,  establecendo unha folla de ruta para a protección estrita.
  • Aprobar e/ou actualizar os 96 plans de xestión dos espazos mariños RN2000 pendentes para que ditos espazos conten cunha protección efectiva e non sexan parques de papel.

 

  • Pesca e minería:
  • España apoia publicamente a política xeral da Autoridade Internacional dos Fondos Mariños para establecer unha moratoria á minería submarina, adquire un papel activo durante as negociacións da Autoridade Internacional dos Fondos Mariños e intervén para que se adopte unha moratoria mundial.
  • Implementación do artigo 17 da Política Pesqueira Común: distribuír as posibilidades de pesca (cotas e esforzo pesqueiro) en beneficio da pesca de baixo impacto e das comunidades locais de pesca, incluíndo criterios sociais e ambientais no reparto, coma o número de traballadores ou a inxección á economía local, o aumento da selectividade, ou a redución de impacto sobre o fondo, seguindo as recomendacións científicas para rematar coa sobrepesca.

 

  • Agricultura e gandería
  • Posta en marcha o antes posible dun proceso participativo para o desenvolvemento da futura Lei de Agricultura Familiar, que inclúa o xusto acceso á terra aos novos agricultores, e un apoio técnico e económico para unha transición agroecolóxica.
  • Apostar pola agroecoloxía como xeito de reducir o uso de fertilizantes e plaguicidas sintéticos, incrementando a superficie en produción ecolóxica e garantindo así a contribución ao obxectivo da Estratexia Europea de Biodiversidade e da Granxa á Mesa;
  • Non conceder autorizacións para novos regadíos intensivos;
  • Poñer en marcha de xeito inmediato unha moratoria á gandería intensiva de polo menos cinco anos: nin explotacións novas nin ampliación das existentes;
  • Desenvolver un plan para a reducción paulatina da cabana ganadeira en intensivo ata acadar un 50 % menos en 2030, asignando unha partida orzamentaria para a concesión de axudas a todas as explotacións PRTR para a reducción da densidade de animais ou cese voluntario da actividade, comezando polas máis contaminantes. Isto débese aplicar tamén ás explotacións intensivas de bovinos, aínda que sigan sen ser PRTR;

Comparte!

Material audiovisual relacionado
Si quieres estas imágenes en alta definición escríbenos o llama a nuestra oficina de prensa