Un ano de pandemia, un ano de oportunidades perdidas para un Vigo máis sostíbel
Vigo, 19 de maio.- Como evolucionou Vigo en alimentación e mobilidade logo dun ano de pandemia? Greenpeace respondeu a esta pregunta no análise Cidades en pandemia, un ano despois que presenta hoxe. A organización considera que este ano de pandemia foi un ano de oportunidades perdidas xa que a transformación da cidade de Vigo podería ser moito máis forte se se recuperaran espazos públicos con carácter permanente, e non só en festivos durante a desescalada. Ademais nesta cidade, onde a metade do concello é rural e ten por tanto un gran potencial para producir alimentos locais e sustentábeis, deberíanse fomentar as canles curtas de consumo e o autoabastecemento.
Dado que a mobilidade foi a actividade máis restrinxida polo coronavirus, e a alimentación un aspecto crucial para afrontar unha pandemia mundial como a COVID-19, neste documento analízanse as medidas que cinco cidades españolas implementaron durante o último ano. Vigo destacou durante a desescalada ao ser a cidade que máis peonalizacións temporais instaurou en toda España, con máis de 70 rúas, superando mesmo a cidades de maior tamaño como Madrid ou Barcelona. Con todo, a experiencia non chegou a frutificar, xa que só en dúas delas se manteñen certas restricións, e por iso búscanse novas fórmulas máis estruturais e non unicamente con fins recreativos.
En materia de alimentación, aínda que os sete mercados municipais permaneceron abertos durante o confinamento, os mercados non sedentarios ao aire libre pecháronse até xuño e o acceso a hortas urbanas de autoconsumo non se retomou até finais de abril, agás que estivesen a menos de 500 metros do domicilio.
“Vigo fixo un esforzo importante en humanizacións nos últimos anos, ampliando beirarrúas e reducindo espazo para aparcar coches, pero non se avanzou case nada en proporcionar máis superficie de uso exclusivo peonil. A cidade debe ser un exemplo na ampliación de espazos públicos e redución do uso do vehículo privado, transitar cara a un sistema alimentario ecolóxico e de proximidade, e crear espazos verdes no centro da cidade transformándoa do gris ao verde para facela máis habitábel”, declarou Manoel Santos, Coordinador de Mobilización de Greenpeace en Galicia.
Por orde alfabética avaliación de 1) Espazos públicos; 2) Bicicleta; 3) Transporte público; 4) Acceso produtos; 5) Axudas alimentarias
Xornadas ‘ Reinventando Vigo’ o 27 e 29 de maio
A entidade ecoloxista sinala que as cidades deben apostar por modelos de mobilidade sostíbel nos que se priorice o transporte público e o non motorizado, así como espazos públicos máis verdes e naturalizados. Para analizar e impulsar este propósito Greenpeace, xunto a outras organizacións da plataforma Vigo Ciclábel, organizan o 27 e 29 de maio as xornadas “Reinventando Vigo: A mobilidade e o espazo público na cidade post-pandemia”, na que se darán cita persoas expertas en urbanismo sostíbel de varios puntos do Estado e diversos colectivos da cidade para sacar conclusións do aprendido na pandemia e propoñer solucións para o Vigo futuro.
Estas xornadas serán unha oportunidade para coñecer de primeira man que se está a facer noutras cidades para deseñar a nova mobilidade despois da pandemia. Tamén para debater como poder trasladar ditas solucións á realidade de Vigo, establecendo novas alianzas entre a cidadanía, entidades sociais e técnicos especialistas.
Transformar as cidades e mudalas en espazos máis sans, seguros e sostíbeis é un dos grandes retos da humanidade este século. No contexto de emerxencia climática e sanitaria no que nos atopamos, é crucial que as cidades de todo o país se convirtan definitivamente en exemplos a seguir en materia de progreso, equidade e sustentabilidade. As políticas públicas deben transformar as cidades cara a modelos pensados para as persoas, máis sostíbeis e resilientes fronte a novas ameazas propias da actual crise climática, sanitaria e socioeconómica.