Reactivo diante do anuncio de arquivo da macrocelulosa de Altri

Vitoria! Greenpeace celebra o arquivo do proxecto de Altri e pide á empresa que renuncie oficialmente á macrocelulosa

20-02-2026

Diante do anuncio feito hoxe pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, de que a Xunta de Galicia iniciará o proceso para arquivar o proxecto industrial de Altri en Palas de Rei, a organización ecoloxista Greenpeace manifestou hoxe a súa ledicia e esixiu á empresa de José Soares de Pina que renuncie oficialmente ao mesmo. Ao tempo, parabenizou ao enorme movemento social xerado contra a macrocelulosa pola súa perseveranza e bo facer fronte ao que considera o proxecto industrial máis lesivo que se presentou en Galicia nas últimas décadas.

 

A conselleira manifestou que o arquivo e a caducidade do expediente van ligados á negativa do Goberno central a conceder a conexión eléctrica a Altri na planificación 2025-2030, polo que a empresa non pode xustificar a fórmula técnica que prevía no seu proxecto para a súa conexión. Como xa esixira Greenpeace no seu día, a Xunta non ten máis remedio que denegar a autorización, aínda que deu un prazo de tres meses a Altri para que xustifique se ten capacidade para conectarse á rede. Con todo, Greenpeace manifesta que seguirá vixiante e presionando para que o proxecto sexa descartado definitivamente pola empresa.

 

Malia que con cautela, porque cos poderes económicos nunca se sabe, hoxe temos que celebrar un claro Altri NON. Altri foi unha tolemia de proxecto desde o principio. Dous anos despois de que saíse a exposición pública, demóstrase que era inviábel porque non cumpría cos requisitos necesarios para a súa implantación. Agardamos que a empresa sexa responsábel e anuncie a súa renuncia a un proxecto que poñía en perigo non só a nosa natureza, senón tamén o noso camiño cara a modos de vida compatíbeis cos límites do planeta. Demostramos que a unión e a rigorosidade coa que traballaron neste caso os movementos sociais son a mellor barreira que temos contra os proxectos que queren esnaquizar o territorio”, manifestou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

 

A derrota de Altri é o triunfo dunha sociedade que se recoñece como parte da terra e négase a ser cómplice da súa destrución. Nun contexto de emerxencia ecosocial, marcado por incendios e inundacións, protexer os nosos ecosistemas non é só unha opción, é unha cuestión de supervivencia e seguridade humana. Esta vitoria demostra que a mobilización cidadá é o maior escudo fronte á irresponsabilidade empresarial e a complicidade das administracións. Fronte a proxectos industriais sen sentido que priorizan o lucro privado sobre o presente de todas nós e o futuro das vindeiras xeracións, a forza dos movementos sociais é a única esperanza real para o planeta. Hoxe celebramos que a biodiversidade deféndese coa firmeza da xente: Altri NON!, manifestou Eva Saldaña, directora executiva de Greenpeace España.

 

Audio de Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia:

Máis información:

 

En profundidad. Altri: un monstruo en el corazón de Galicia.

 


Comparte!