Análise do balance enerxético de Galicia (2024)
Galicia apenas avanza en enerxías renovábeis e afianza a súa enorme dependencia do petróleo e do gas fósil.
O Balance enerxético de Galicia, elaborado anualmente polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, é a máis completa radiografía sobre a transformación e o consumo no noso país de todas as formas de enerxía, non só da electricidade. Neste informe salientamos algúns datos recollidos do balance enerxético máis recente, revisado e publicado en marzo de 2026 e referido aos datos consolidados de 2024.
O último Balance enerxético non deixa dúbidas sobre a mala situación da transición enerxética en Galicia, marcada polo estancamento da potencia renovábel eléctrica, o retroceso na electrificación do consumo enerxético e a ausencia dunha verdadeira planificación enerxético-climática galega que garanta o logro da neutralidade climática antes de 2040.