Usamos cookies para mellorar a túa experiencia.
Entendemos que estás de acordo se segues navegando.

25-03-2020

Carta aberta de apoio ao sector agrícola, gandeiro e pesqueiro local e sostíbel diante da crise sanitaria do COVID-19

Greenpeace lanza esta carta aberta para apoiar á pequena e mediana agricultura, gandería e pesca que, en xeral e tamén no marco da actual crise sanitaria, están a ser duramente prexudicadas, en beneficio das grandes superficies.

Greenpeace convida a cantas organizacións e entidades o desexen a se sumaren a través deste formulario.

Non cabe dúbida que a prioridade para a sociedade nestes intres é superar a crise sanitaria que estamos a vivir. Por iso, o máximo agradecemento a tódalas persoas, servizos e administracións que están a dar o mellor de si para frear esta ameaza.

Nestes días de crise global, os nosos pensamentos e solidariedade están con quen, directa ou indirectamente, enfrontan as consecuencias do COVID-19 e, de xeito moi especial, con aquelas persoas e comunidades que son máis vulnerábeis. Un dos mellores valores comúns que temos como sociedade é a nosa capacidade de amabilidade colectiva cara aos demais e cara ao noso planeta.

Por mor disto, e agora máis que nunca, necesitamos a calidade e proximidade dos produtos do sector agrícola, gandeiro e pesqueiro que traballa en harmonía co planeta. E queremos que vos sintades queridos e apoiados pola sociedade.

A natureza protéxenos e dános de comer. A pequena e mediana agricultura e gandería, así como a pesca artesanal de baixo impacto, cun forte vencello territorial, coidan da natureza, garanten a subministración de alimentos e tamén un mundo rural vivo, fixando a poboación no territorio.

Perante a actual crise sanitaria, decatámonos do realmente importante: as persoas, a saúde pública, o coidado do planeta, a alimentación, a auga, o aire… as relacións humanas e sen dúbida, máis ca nunca, a cooperación. Tódalas persoas xuntas podemos superar esta pandemia, mais tamén a maior ameaza á que se enfronta a humanidade, a emerxencia climática e a destrución da biodiversidade. Sen un sector agrícola, gandeiro e pesqueiro forte, sustentábel, de proximidade e valorado pola sociedade non o podemos facer.

Segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO, polas súas siglas en inglés) as granxas familiares representan máis do 90% de tódalas explotacións agrícolas do planeta e producen o 80% dos alimentos do mundo en termos de valor económico. Doutra banda, o 90% da pesca é de pequena escala, e abrangue a metade das capturas nos países empobrecidos. Con todo, as desigualdades son tamén perentorias. Por exemplo, as mulleres supoñen case o 50 por cento da man de obra agrícola, pero só posúen o 15% das terras.

A agricultura foi, até a década dos 60, o soporte principal da economía a nivel do estado español, pero hogano emprega só ao redor do 6% da poboación activa. En tódolos eidos, son a pequena e mediana agricultura e gandería e a pesca artesanal as que máis se ven afectadas polos Tratados de Comercio e Investimento e a desregulamentación do mercado, que impoñen un modelo cada vez máis industrializado e subxugado aos oligopolios e flutuacións dos mercados, onde non se garante un prezo xusto para as persoas produtoras. Diante dunha demanda cada vez meirande por parte da poboación de alimentos saudábeis e sustentábeis hai sectores que emerxen e deben ser apoiados. Por exemplo, a produción ecolóxica, a gandería extensiva e a pesca artesanal de baixo impacto.

No entanto, vemos como, nestes días, diante dunha crise sanitaria, a pequena e mediana agricultura, gandería e pesca, así como aqueles sectores que a escala máis miúda transforman e distribúen os alimentos, son os principais prexudicados, cando tamén poden achegar bens de primeira necesidade protexendo á súa vez a contorna, algo que nos permitirá ser resilientes e enfrontarnos a outras crises, cando esta estea superada. En particular, a dependencia cada vez maior da gran distribución alimentaria está a poñer en perigo o modelo de produción agroecolóxico e máis sostíbel social e ambientalmente.

As súas principais canles de distribución de alimentos péchanse ou vense tocados case de morte. É prioritario garantir o seu funcionamento, polas persoas que viven deste sector, para que tódalas persoas sigamos a poder ter alimentos de calidade e sustentábeis nos nosos pratos, para garantir o coidado da Natureza e un mundo rural vivo.

É responsabilidade dos Estados garantir o Dereito á alimentación e nutrición axeitadas e os dereitos das persoas produtoras, máis aínda en momentos de emerxencia. Necesítanse mudanzas profundas nos nosos patróns de consumo e no modelo agroalimentario e, para iso, cómpre un apoio decidido con políticas públicas.

As entidades asinantes demandamos:

  • Desenvolver e implementar unha contorna normativa propicia (incluíndo políticas e instrumentos de regulamentación dos mercados, investimentos e marcos institucionais integrais e coherentes, compra pública, etc.) que apoie a agricultura e gandería de pequena e mediana escala, así como a pesca artesanal, para que se garanta a súa actividade tanto nestes intres de crise sanitaria así coma no futuro;
  • Apoiar á mocidade e ás mulleres das zonas rurais, permitíndolles acceder aos activos produtivos, os recursos naturais, a información, a educación, os mercados e a participar nos procesos de formulación de políticas, para así manter estas actividades nun futuro e crear emprego;
  • Apoiar, de xeito decidido, a chegada de alimentos ecolóxicos, locais e saudábeis á poboación, e en particular a quen máis os necesitan;
  • Fortalecer as organizacións agrícolas, gandeiras e pesqueiras e as súas capacidades para xerar coñecementos, transmitir saberes e vencellar o coñecemento local específico (tradicional) con novas solucións;
  • Mellorar os medios necesarios á pequena e mediana agricultura, gandería e pesca e reforzar a súa resiliencia fronte a múltiples e novos perigos co acceso a servizos sociais e económicos básicos, así como facilitar e promover a diversificación da produción para reducir os riscos e aumentar os beneficios económicos;
  • Promover, tanto agora como para un futuro, o acceso aos mercados de maneira prioritaria a todos aqueles produtos que proveñan dunha produción local e sostíbel. Así mesmo, cómpre promover a transformación artesanal de produtos con criterios comúns en materia hixiénico-sanitaria para unha comercialización en canles curtas e venda directa;
  • Xerar políticas públicas e un apoio económico abondo para dar pulo á venda directa, circuítos curtos de comercialización, mercados tradicionais e ás iniciativas que, neste senso, realizan as persoas agricultoras e consumidoras;
  • Promover a sustentabilidade da pequena e mediana agricultura, gandería e pesca para garantir o dereito á soberanía e seguridade alimentaria de toda a poboación mediante sistemas alimentarios resilientes fronte ao cambio climático e a perda de biodiversidade, con acceso, xestión responsábel e uso da terra, a auga e outros recursos naturais;
  • Incrementar o investimento nun modelo produtivo que respecte os límites planetarios, que sexa xusto, igualitario e permita fornecer de alimentos sans e sostíbeis a tódalas persoas.
Descargar