Diversidade lingüística
Greenpeace é consciente da importancia de defender a diversidade cultural ao tempo que se defende a diversidade ecolóxica. Por iso, aproveitando o lanzamento da nosa nova web, fixemos un esforzo para que as persoas que chegan ao noso sitio poidan atopar os contidos principais en catro idiomas: castellano, català, galego e euskera.
Centrámonos nos chamados contidos estáticos da web, que inclúen as seccións corporativas, que conteñen información relativa aos nosos valores, misión, as campañas que levamos a cabo, as orixes, as contas ou o funcionamento da organización. Por un tema operativo e de custos, quedan fóra os contidos máis vencellados á actualidade e que se actualizan diariamente, como os blogues e os comunicados de prensa.
Polo tanto, a nosa práctica ata o momento é a seguinte:
- Os documentos e outros materiais editados para seren distribuídos simultaneamente en todo o Estado edítanse en castelán.
- Os documentos e outros materiais dirixidos exclusivamente a unha Comunidade Autónoma son editados de xeito bilingüe: no idioma propio da devandita comunidade e en castelán.
- Cando por razóns prácticas (volume dun documento, custo de edición, etc) non for viábel publicarmos un documento destinado exclusivamente á súa distribución nunha Comunidade Autónoma en formato bilingüe, a publicación edítase prioritariamente no idioma propio desta.
Cremos que estas prácticas dentro dunha organización de carácter internacional, que respecta e promove a diversidade, combinan a posibilidade de que todos os socios e socias accedan á meirande parte da información de Greenpeace na súa lingua, ao tempo que colaboran coa riqueza lingüística de cada unha das Comunidades Autónomas.