Como se decide a apertura de novas oficinas de Greenpeace noutros países?
Cando se decide abrir unha nova delegación, contáctase previamente con grupos locais, activistas ou persoas relacionadas co medio ambiente no país en cuestión e selecciónanse aqueles que se consideran máis axeitados para esta labor, comprobándose que comparten os obxectivos de Greenpeace e os nosos principios básicos de actuación, como son a non violencia e a independencia política e económica.
Por outra banda, tamén recibimos moitas peticións para abrirmos delegacións rexionais nos países nos que xa estamos presentes. Como norma xeral, mantense só unha oficina por cada Estado, que habitualmente se atopa na capital do mesmo.
O feito de non multiplicar as oficinas en cada país obedece á vontade de simplificar a estrutura (xa de por si complexa, por ser unha organización internacional), axilizar os procesos internos de toma de decisións e racionalizar os gastos, dedicando a meirande parte dos fondos directamente a actividades de campaña no canto de investilos nunha rede de oficinas en cada Estado, multiplicando así os gastos de alugueiros, persoal, infraestrutura e viaxes.