A enerxía nuclear é a solución ao cambio climático?
Ao contrario. A enerxía nuclear é un atranco para a loita contra o cambio climático.
En primeiro lugar, porque a nuclear non é neutra en termos de emisións de gases de efecto invernadoiro. Considerando o ciclo completo das tecnoloxías de xeración eléctrica non fósiles (é dicir, a nuclear e as renovábeis), a enerxía nuclear emite máis CO2 que calquera das enerxías renovábeis por cada kWh producido. Isto débese a que en todas as etapas do ciclo nuclear (a minería do uranio, a fabricación do concentrado, o enriquecemento, a fabricación do combustíbel, a construción das centrais nucleares, o seu mantemento e posterior desmantelamento, a xestión dos residuos radioactivos, etc.) consúmense grandes cantidades de combustíbeis fósiles.
A seguridade das plantas tamén consume electricidade. Este é un dos paradoxos da industria nuclear: co fin de xerar electricidade de xeito seguro, as plantas precisan dunha subministración significativa e constante de electricidade, o que emite CO2.
Outro recurso que as nucleares consumen en grandes cantidades é a auga, o que é pouco axeitado nun contexto dun clima máis cálido. Tanto os reactores para refrixeraren núcleos e condensadores como as súas piscinas de combustíbel consumido necesitan auga en abundancia. Durante a última década, e precisamente debido ao quecemento global, as centrais nucleares experimentaron numerosas paradas.
O cambio climático tamén inclúe a subida do nivel do mar e o aumento da frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos, o que xa provocou paradas e interrupcións na subministración externa de enerxía.
Pero, sen dúbida, unha das razóns máis poderosas é que, incluso triplicando a capacidade nuclear mundial, unicamente daría lugar a un 6 % de redución das emisións de carbono, segundo a Axencia Internacional da Enerxía (AIE).