Por que se opón Greenpeace á liberación de Organismos Modificados Xeneticamente (OMX) no medio ambiente?


Un OMX ou transxénico é un organismo vivo que foi creado artificialmente manipulando os seus xenes. As técnicas de enxeñaría xenética tradicionais consisten en illar un ou varios xenes dun ser vivo (virus, bacteria, vexetal, animal e mesmo humano) para introducilo/s no patrimonio xenético doutro. As novas técnicas de enxeñaría xenética (edición de xenes ou edición xénica) permiten ademais modificar directamente o material xenético dunha planta en zonas concretas do xenoma.

A diferenza fundamental coas técnicas tradicionais de mellora xenética é que permite franquear as barreiras entre especies para crear seres vivos novos que non existían na natureza.

En Greenpeace, opoñémonos á liberación de OMX no medio ambiente. Os OMX están a ser liberados sen que exista un coñecemento axeitado do seu impacto, tanto a curto como a longo prazo, sobre o medio ambiente e sobre a saúde humana, e poden xerarse efectos inesperados e imposíbeis de predicir. Por exemplo, a contaminación xenética é unha das grandes ameazas para o medio ambiente, debido a que, unha vez liberados, os OMX non poden ser controlados nin retirados. Por iso, a liberación de OMX no medio ambiente é un acto irresponsábel. Outro grave problema é o aumento exponencial do uso de agrotóxicos, como ocorreu co herbicida glifosato.

Por outra banda, o uso de cultivos transxénicos é un claro atentado contra a soberanía alimentaria, xa que permiten que un fato de empresas transnacionais controlen a nosa alimentación. E, ao contrario do que din, non son a solución á fame. A fame é un problema demasiado complexo que non se soluciona cunha soa e arriscada tecnoloxía. Ademais, a inmensa maioría dos cultivos transxénicos utilízase para alimentar animais para que nos países enriquecidos poidamos dispor e producir carne e outros derivados animais a baixo prezo.

Máis das dúas terceiras partes dos alimentos que inxerimos conteñen derivados de soia e de millo, en gran medida importados de países que cederon á presión da industria agrobiotecnolóxica e cambiaron a súa riqueza agropecuaria por unha agricultura clónica, tóxica, transxénica, inxusta e destrutiva.

Estes ingredientes entran nas nosas dietas sen control ningún e sen o noso consentimento expreso, malia que máis do 60 % da cidadanía europea rexeita estes alimentos.

Greenpeace oponse igualmente ás patentes sobre plantas, animais e seres humanos, incluídas as patentes sobre o seu material xenético. A vida non é un ben industrial, e Greenpeace alerta sobre o terríbel perigo que supón forzarmos os seres vivos a se adaptaren aos nosos modelos económicos.