Que é más sostíbel: libros en papel ou libro electrónico?
Malia que a información en formato dixital se estendeu moito, a demanda mundial de papel segue medrando, agás nos últimos anos debido á crise económica. Desaproveitamos o papel, consumimos de máis: só o 10 % da poboación mundial (Europa occidental e Norteamérica) consume máis do 50 % do papel mundial. Europa e América consumen 6 veces máis papel cá media mundial.
En moitos lugares do planeta, os bosques e outros ecosistemas naturais foron e están a ser aínda substituídos por plantacións de árbores de crecemento rápido para a industria do papel. O 17 % da fibra virxe utilizada pola industria papeleira mundial procede de bosques primarios, especialmente de Canadá, Finlandia, Rusia e Indonesia.
O papel ten no seu favor que, sempre que os bosques e plantacións sexan ben xestionados, procede dun recurso renovábel. Son almacéns de carbono, e as fibras de celulosa pódense reciclar varias veces. Coas debidas precaucións, o papel ten un ciclo de vida aceptábel, aínda que sempre hai que tender a facer un uso eficiente del.
Cal é o ciclo de vida dun libro electrónico? A utilización de soportes electrónicos para lectura, o chamado libro electrónico, podería facer que a demanda de papel diminúa. Pero xera un novo e perigoso problema: o aumento de materias primas para a súa fabricación e o crecemento vertixinoso dos residuos electrónicos.
Cada ano, millóns de toneladas de vellos ordenadores, televisores, impresoras, fax, teléfonos móbiles, etc. son botados ao vertedoiro de lixo ou son incinerados, coa consecuente emisión á atmosfera de substancias moi daniñas para o medio ambiente e a saúde. Tamén son exportados, a miúdo ilegalmente, de Europa, EE.UU, Xapón e outros países industrializados a Asia e África. Alí, as persoas que desmantelan estes residuos, algunhas delas nenos e nenas, son expostos a un cóctel de substancias químicas tóxicas de consecuencias dramáticas para as súas vidas.
O libro electrónico súmase agora a este problema. E as súas sucesivas xeracións e modelos obsoletos serán descartados 6 meses ou 1 ano despois de seren adquiridos polos novos lectores.
A taxa de crecemento destas montañas de residuos electrónicos obsoletos alcanzará dimensións de crise se as empresas de electrónica, que obteñen lucros elevados da produción e venda destes aparatos, non asumen as súas responsabilidades. É posíbel facer produtos sen substancias químicas perigosas, duradeiros, que poden ser mellorados, reciclados ou refugados de forma segura e que non rematen como residuos perigosos no patio de atrás de quen nin sequera dispoñen da tecnoloxía axeitada para xestionalos.
Non hai solucións únicas, pero é importante que:
- Dende o sector editorial e das artes gráficas se incorporen criterios ecolóxicos na produción de libros e revistas e, de xeito especial, que se implanten políticas de compra de papel responsábeis co medio ambiente e a sociedade. Proxecto Libro Amigo dos Bosques
- Dende as empresas fabricantes deben deseñarse produtos electrónicos sen substancias químicas perigosas, cunha vida útil máis ampla, que se poidan reciclar con facilidade e seguridade e que non sexan unha fonte de exposición a substancias perigosas tanto para os traballadores como para o medio ambiente.
- Por parte dos consumidores e consumidoras: apoia as empresas que fabrican produtos respectuosos. Se pretenderes mercar un produto, mira primeiro o noso “Ránking verde de electrónicos”.
- Pensa dúas veces antes de mercar un novo aparello. Realmente o necesitas? O que tes xa non serve? O que vas gañar co novo aparello xustifica que descartes o que tes agora?