Que está a facer Greenpeace para defender a costa e que podo facer eu?
Dende Greenpeace traballamos nalgúns casos de ameazas do litoral por toda a xeografía española, como o hotel de El Algarrobico, os proxectos portuarios en Pasaia, Ibiza, Granadilla, Tarifa e Cangas do Morrazo, etc., actuando a nivel público e nos procedementos administrativos.
Gustaríanos poder atender as numerosas demandas que nos chegan solicitando a nosa participación noutros casos a nivel local, pero lamentabelmente non dispomos dos recursos e infraestrutura necesarios para actuarmos de xeito eficaz a este nivel.
Cando non podemos actuar de forma específica, vimos publicando nos últimos 13 anos o informe “Destrucción a toda costa”, co que intentamos dar cabida aos impactos e ameazas dos nosos 8.000 quilómetros de costa.
Dende Greenpeace tamén traballamos na defensa do uso público do litoral e na súa protección, denunciando publicamente e mediante mecanismos xurídicos a nova lei de costas, aprobada en maio de 2013, pondo de manifesto as infraccións que esta lei supón respecto do incumprimento da normativa ambiental comunitaria, a redución da servidume de protección dos espazos costeiros ou a entrega á propiedade privada de amplas zonas, en especial zonas húmidas destinadas a cultivos mariños e salinas.
Cremos que a participación cidadá é un alicerce fundamental na defensa do litoral. Todos temos o dereito a defendelo, e no ámbito local as persoas coma ti son moi importantes.