Escoller mal a madeira pode ter unha repercusión negativa para os bosques, en especial para aquelas especies que están ameazadas ou que proceden de rexións afectadas pola mala xestión forestal, a talla ilegal, a deforestación, as guerras, as invasións de territorios indíxenas ou a violación dos dereitos humanos

#1
Consumir madeira local é sempre unha boa opción

Elixe especies producidas cerca da túa rexión, xa que así estás a evitar os efectos que o transporte ten sobre o clima. Estarás tamén promovendo o desenvolvemento rural e favorecendo a rendibilidade da explotación forestal nos nosos montes.

#2
Escolle madeira reciclada e reciclábel

Escolle preferentemente madeira recuperada, seguida de madeira de orixe local e co selo FSC 100 %. Todos os produtos deben estar deseñados para seren reciclados na súa totalidade e con facilidade.

#3
A beleza da madeira está tamén na súa “imperfección”

A madeira dunha mesma árbore non é toda igual; presenta variacións de cor, veas, restos de nós, etc. Esta variabilidade ha valorarse positivamente como algo belo e xenuíno de cada árbore, polo que non se pode esixir que todas as pezas (táboas, parqué, chapa, etc.) dunha mesma madeira sexan idénticas. Escoller unha madeira e as súas imperfeccións axuda aos xestores forestais e aos produtores de madeira.

#4
Fuxe das modas e escolle en función das túas necesidades

Os avances tecnolóxicos permiten que hoxe en día se poida mellorar o comportamento da madeira ante o ataque de fungos, insectos, axentes atmosféricos, etc. É o que se coñece como “madeira tratada”. Hai madeiras que non son aconsellábeis para determinados usos, pero unha vez tratadas son unha excelente alternativa para, por exemplo, solos e carpintería exterior. Consulta cun experto antes de decidires.

#5
Se o que buscas é unha cor, non necesitas mercar madeiras caras traídas de rexións remotas

Sinxelamente, tinxe a madeira!

#6
Recicla os teus móbeis

Se estás pensando en renovar a imaxe da túa casa, a primeira opción é procurares un móbel de segunda man. O retro, o vintage, está de moda! Ademais dos rastros dominicais e tendas de antigüidades que todos coñeceredes non moi lonxe das vosas casas, existen asociacións que recollen móbeis para restauralos e poñelos de novo á venda.

#7
Prolonga a vida dos móbeis que non precisas

Hai asociacións que recollen móbeis usados para a súa venda de segunda man, ás veces de axuda a colectivos marxinados. Non os botes ao lixo.