O transporte nas cidades é un motor sen freo do cambio climático. Ademais das emisións de gases de efecto invernadoiro, outros problemas como a contaminación do ar, o ruído ou a sinistralidade fan que sexa cada vez máis necesario avanzarmos cara a unha mobilidade máis sostíbel.
#1
Move as pernas sempre que poidas
Cunhas emisións de carbono equivalentes ao desgaste das solas dos teus zapatos, camiñar non ten rival medioambiental. Andar media hora cada día é ademais unha das formas máis sinxelas e baratas de coidarte e, se te fixas, unha gran parte dos nosos desprazamentos diarios entran dentro dos 3 quilómetros que podemos cubrir andando ese tempo.
#2
Desprázate en bici
Ocupa moi pouco espazo e non consume nada. É silenciosa e limpa, e permíteche estares en forma e coñeceres mellor a túa cidade. Aproveita calquera oportunidade para usares a bici nos teus desprazamentos cotiáns; en distancias de ata 5 quilómetros, non hai medio de transporte más rápido en cidade. Se che apetece probar unha e tes dúbidas sobre que modelo escolleres, podes empezar botando unha ollada a esta guía.
#3
Utiliza o transporte público
Moverse en medios colectivos, como trens de proximidade ou autobuses, é o mellor xeito de reducirmos as emisións que xeramos por desprazármonos e o espazo que consumimos. Así, un autobús que leve unha media de 50 persoas, fronte á ocupación real dos automóbiles, que é de 1,2 persoas, significa que un autobús leva as mesmas persoas que 41 coches, pero en 16 veces menos espazo. A partir de aquí, todo son vantaxes: menor cambio climático por queimar menos combustíbel, maior calidade de vida nas cidades por gañar espazo e reducir o ruído do tráfico rodado, menor gasto público en sanidade por reducírense os accidentes e as enfermidades respiratorias, maiores beneficios económicos por reducírense os atoamentos e as importacións de petróleo… A lista é interminábel.
#4
Reduce o tamaño e a potencia do teu coche
Ten en conta que neste caso “o hábito SI fai o monxe”, e os coches máis grandes e potentes consumen un 50 % máis cós máis pequenos: eles mesmos condicionan o xeito de conducir cara aos patróns para os que foron deseñados. Por iso, se mercares un coche, a cuestión máis importante que te preguntes debe ser: “Canta enerxía consume?” Os máis eficientes son os eléctricos, pero se o uso que lle vas dar non for compatíbel co seu réxime de recarga, a mellora alternativa é o híbrido que se pode enchufar. Todos os coches de calquera categoría teñen unha etiqueta A-F que indica a súa eficiencia enerxética e que pode axudarche. E mércao de gasolina, non de diésel, polos graves problemas de contaminación que provoca nas nosas cidades.
#5
Comparte o teu coche con outras persoas
Non hai mellor maneira de reducires as emisións causadas por desprazáreste en automóbil: cantos máis ocupantes, menos emisións por cabeza. Podes procurar a esas persoas preguntando no teu traballo ou aos teus veciños ou visitando www.compartir.org
#6
Aluga un coche por horas
Nunca adoitamos considerar o tremendo gasto que implica termos un coche en propiedade que pasa máis do 90 % do tempo parado e sen se utilizar (o tempo medio que un coche permanece estacionado). Por iso, alugarmos un coche só cando o necesitamos é unha moi boa maneira de aforrarmos trámites, cartos e preocupacións. Só tes que rexistrarte na web correspondente á túa cidade, tras o que obterás unha chave electrónica que che dará acceso a calquera dos coches que hai espallados por distintos puntos da túa localidade. Mira alternativas en carsharing.es
#7
En viaxes interurbanas, utiliza o tren sempre que poidas
É o medio que, con diferenza, menos contamina e menos impacto ambiental xera. Malia que a falla de mantemento e investimento na rede de trens que non son AVE comporta que o tempo de traxecto sexa superior ao doutros medios de transporte, pode ser un bo momento para rematarmos ese libro para o que nunca atopamos o tempo, completarmos algún traballo pendente ou simplemente gozarmos da paisaxe.
#8
Voa só cando realmente o necesitares
O avión é o medio máis contaminante de todos, sobre todo en distancias inferiores aos 1000 quilómetros, nas que o seu uso non está xustificado polas elevadas emisións que xera. Para estas distancias, a mellor alternativa é sempre o tren, e en particular o servizo de “coche cama” para as distancias máis longas. E aínda que moitas persoas adoramos viaxar, debemos sempre pensar se as emisións que imos xerar compensan a nosa estancia no lugar de destino: non hai nada máis insostíbel que coller un avión para estancias duns poucos días, como se puxo de moda co abaratamento dos billetes de avión e o auxe das compañías “low cost”. Polo xeral, canto menos viaxemos en avión, mellor.