Se usas papel, tes a capacidade de influír nos procesos de produción de papel a través dos teus hábitos de compra ou das especificacións técnicas do papel que, por exemplo, a empresa na que traballas demanda aos seus provedores e vendedores.

#1
Reduce o consumo de papel

Reduce o teu consumo sempre, tamén no caso do papel. Aforrarás bosques, auga e enerxía.

#2
Comparte libros, utiliza as bibliotecas, os libros de segunda man e o "bookcrossing" e defende o empréstito de libros en escolas e institutos

Espalla a cultura! 😉

#3
Cando imprimires, faino sempre polas dúas caras

Córtanse millóns de árbores ao ano para saciar toda a sede de papel das oficinas en España. Se todos pincharmos sempre no botón de “Dobre cara” na fiestra de impresión, poderíamos reducir esa cifra á metade. Tamén podes usar as follas impresas por unha soa cara para imprimires pola outra cosas en sucio, billetes de tren, entradas, etc.

#4
Evita a recepción de correo postal non desexado

Se non che interesar unha publicidade ou publicación, pide que te dean de baixa.

#5
Escolle papel 100 % reciclado e branqueado sen cloro

Rexeita a utilización de papel e derivados de fibra virxe 100 %, incluídos papel de periódico, embalaxes, papel sanitario e de cociña, documentos de oficina e publicacións. Procura papel e derivados que conteñan a meirande proporción posíbel de fibra reciclada post-consumo. A etiqueta que garante estas condicións é o selo Anxo Azul.

#6
Utiliza o colector azul

Nin un só papel ao lixo, por pequeno que sexa. O papel e o cartón usados serven para volver fabricar papel.

#7
Corre a voz

Xa sabes: fai campaña ao teu redor (empresa, colexio, asociación,…) para reducir o consumo de papel, reciclalo e mellorar o consumo de papel e os seus derivados.