Greenpeace é unha historia de esperanza en acción: persoas que cren nun futuro verde e pacífico e que están dispostas a actuar para se aseguraren de que así sexa.

A primeira viaxe da organización tivo lugar o 15 de setembro de 1971, cando o barco Phyllis Cormack (tamén chamado Greenpeace) partiu de Vancouver, Canadá, para parar as probas nucleares que estaban a se realizar na illa de Amchitka, Alaska. As persoas que fundaron Greenpeace eran activistas antinucleares canadenses e obxectoras de conciencia estadounidenses: Dorothy e Irving Stowe, Marie e Jim Bohlen, Bob e Zoe Hunter, Dorothy e Ben Metcalfe, Paul e Linda Spong. A nova chegou a todos os recunchos do planeta e, en febreiro de 1972, a Comisión de Enerxía Atómica dos EEUU anunciou que non se farían máis probas en Amchitka.

Durante 50 anos, bloqueamos e puxemos fin ás probas nucleares e ao vertido de refugallos tóxicos ao mar, establecendo unha base na Antártida e facendo presión para a protección deste continente mediante o Tratado dos Océanos. Investigamos as grandes corporacións contaminantes; conseguimos pór fin á era do carbón en países como España; interpuxémonos entre as baleas e os arpóns baleeiros para as protexer; e, canda comunidades, pobos indíxenas, sindicatos e aliados de todo o mundo, loitamos para asegurar un futuro xusto, verde e pacífico.

 

50 fitos de Greenpeace (nacionais e internacionais)

Greenpeace en España

A fundación de Greenpeace España remóntase a 1984, pero a organización xa chegara ás costas e á opinión pública do país en 1978 para documentar e denunciar que España era un país baleeiro, xusto no ano no que se estreaba a Constitución española tras corenta anos de ditadura.

As primeiras accións tiveron unha gran repercusión e vímonos na necesidade de abrir unha oficina en 1984 (a número 13 no mundo). A presentación tivo lugar no Xardín Botánico de Madrid, con tres dos catro fundadores: Rèmi Parmentier, Manuel Rivas e Xavier Pastor.

A medida que Greenpeace España foi medrando, ampliamos as nosas áreas de campaña: peche das centrais nucleares, incineración de residuos, vertidos químicos, combustíbeis fósiles, sistemas de pesca destrutivos, destrución dos ecosistemas costeiros polo urbanismo salvaxe, contaminación por plásticos, macrogranxas, venda de madeira ilegal, comercio de armas… entre outros.

En 2021, Greenpeace España conta con máis de 143.000 persoas socias, preto de 2.000 voluntarias e un cadro de persoal de case un cento de persoas. Grazas a todas elas seguimos a soñar cun mundo verde e en paz.

Greenpeace 50th Anniversary Logo

“Greenpeace 50 anos defendendo o planeta”, o Podcast

 


Activismo antes e agora (GREENPEACE, 50 anos defendendo o planeta)

Algarrobico: unha historia de resistencia e vitoria

O cambio é posíbel e real

Algunhas fotos históricas

Vídeo celebración 50 aniversario

Pioneiras e fundadoras de Greenpeace

Foron moitas as mulleres que fixeron posíbel a fundación de Greenpeace, pero ningunha embarcou nin tiveron recoñecemento como fundadoras da organización. Os homes da primeira tripulación (algúns fundadores e outros non) quedaron na esfera pública e a súa imaxe deu a volta ao mundo. Elas fixeron posíbel que a viaxe que non conseguiu parar as probas nucleares en Amchitka fose un éxito rotundo e que a misión de Greenpeace chegase a todos os recunchos do planeta.
Deixámosche un vídeo das nosas voluntarias e o Informe 50 Aniversario. Coñece toda a historia.