Santiago acolle esta fin de semana as xornadas: ‘Tecendo Redes: Dando Valor á pesca sostíbel”
- Greenpeace reúne a persoas do sector das novas economías e da pesca artesanal de toda España para revalorizar a pesca sostíbel
- Máis do 90% dos stocks pesqueiros do Mediterráneo e o 40% do Atlántico están sobreexplotados
- O encontro complementará a Folla de Ruta para una Pesca Xusta e Sostíbel publicada por Greenpeace, onde se identifican iniciativas de éxito na venda de peixe sostíbel
Madrid, 24 de xaneiro de 2019.- O xeito en que pescamos e consumimos produtos do mar pode contribuír a conservar ou estragar os océanos. A pregunta é, podemos saír gañando todos/as? Poden as pesqueiras sacar proveito dos océanos sen estragalos? En Greenpeace cremos que a resposta é si.
Emporiso, durante os días 26 e 27 de xaneiro, Santiago de Compostela acollerá o obradoiro “Tecendo Redes: Dando valor á Pesca Sostíbel” para dar a coñecer alternativas para a diversificación pesqueira. O obradoiro centrarase en amosar diferentes modelos que fomenten as novas economías e que revaloricen o produto da pesca sostíbel. No obradoiro haberá tamén representación doutros sectores, como o enerxético, e asociacións de persoas consumidoras.
Este encontro servirá para completar o traballo que a asociación ecoloxista presentou na súa Folla de Ruta para unha Pesca Xusta e Sostíbel, onde indica o itinerario a seguir cara a unha pesca equitativa e cara a un novo modelo xusto e sostíbel para o sector da pesca e os produtos pesqueiros. Este informe anima tanto ás persoas que traballan no mar, como a comerciantes polo miúdo ou público en xeral, a unirse a este modelo de consumo alternativo.
Os obxectivos deste obradoiro son diversos: salientar a tendencia cada vez meirande cara a un consumo de produtos pesqueiros máis sostíbeis, xustos e éticos; amosar como esta tendencia se desenvolve actualmente; expor aquelas iniciativas empresariais de produtos pesqueiros, entre outros, que van na dirección correcta e subliñar a necesidade dun maior movemento por unha pesca xusta.
“Máis do 90% dos stocks pesqueiros do Mediterráneo e o 40% do Atlántico están sobreexplotados, por iso é necesario que se potencien alternativas de consumo que fomenten unha recuperación dos mesmos”, declarou Celia Ojeda, responsábel do programa de Consumo de Greenpeace. “Cómpre unha mudanza no sistema de mercado a través de novas economías, xa que o actual é inxusto para o sector pesqueiro de baixo impacto e o é tamén para aquelas persoas que queren consumir peixes e mariscos sostíbeis”.
A venda de peixe e marisco é unha poxa á baixa que non valora de xeito diferencial nin a calidade, nin o respecto ao medio ambiente, nin as condicións sociais e laborais do produto final. Por iso xa hai diversas alternativas que ofertan ao público os seus produtos, contando a historia que hai detrás e salientando o valor social e ambiental destes modelos, que poñen directamente en contacto ao sector pesqueiro sostíbel co público (venda de peixe dende os seus barcos, no porto, a venda directa, a través de plataformas dixitais, etc), e que son unha boa opción que debe ser promovida e apoiada pola sociedade, o mercado, así como polas Institucións locais e nacionais.
Santiago de Compostela é unha das dez cidades que aceptaron o desafío Neopolitan lanzado por Greenpeace para unha cidadanía máis sostíbel, sendo a mobilidade un dos seus principais desafíos.
Greenpeace celebra estas xornadas nesta cidade por estar situada nunha comunidade con grande influxo pesqueiro e polo seu traballo coas novas economías como medio para reactivar determinados barrios e tipos de comercios que priman o ecolóxico, local e sostíbel.