A proposta de moratoria da Xunta de Galicia abre a porta ao fin da conflitividade das plantacións de eucalipto
- A moratoria supón o recoñecemento dos problemas de planificación e xestión destas plantacións e un primeiro paso para rematar con décadas de conflitividade
- Urxe dar forma xurídica vinculante a esta proposta de prohibición de novas plantacións de eucalipto
- Greenpeace reclama unha medida similar no Principado de Asturias, Cantabria e País Vasco
[EN CASTELLANO AQUÍ]
Greenpeace España aplaude a decisión da Xunta de Galicia de prohibir temporalmente as novas plantacións de eucalipto e ve con esperanza o novo escenario que se abre a partir de agora para acadar un meirande consenso e diversidade de enfoques na planificación forestal.
“Había un elefante no cuarto do sector forestal galego e decidiron falar del. A aceptación da proposta de moratoria por parte da maioría de actores sociais e económicos é un recoñecemento implícito de que había un problema. Só se poden superar décadas de conflitividade cun coñecemento preciso sobre o estado dos recursos forestais, en cantidade e calidade, e tendo en conta o impacto do eucalipto sobre a biodiversidade, dentro e fóra das plantacións e actuando en consecuencia”, declarou Manoel Santos, Coordinador de Greenpeace en Galicia. “É un paso na boa dirección, unha boa nova non só para o movemento ecoloxista, tamén para o mundo académico, a industria forestal e a cadea de valor da madeira.”
A decisión anunciada o pasado xoves polo presidente da Xunta de Galicia segue os pasos do veciño Portugal, cuxo Goberno decretou unha moratoria ao eucalipto en 2017 para pular por unha planificación forestal e económica máis racional. E recolle a demanda do movemento ecoloxista galego e ibérico que durante moitas décadas traballou por evitar males maiores diante da eucaliptización do territorio.
A medida é coherente coa posición de 20 organizacións ecoloxistas e de conservación de todo o Estado español, que en 2011 lanzaron o seu manifesto ‘Unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto’. Do mesmo xeito, a moratoria era unha das demandas da sociedade civil de Galicia, que promoveu en 2018 unha iniciativa lexislativa popular en apoio dun novo modelo forestal no que as plantacións de eucalipto non seguisen ampliando o seu dominio do territorio, solicitude á que se sumou Greenpeace en outubro de 2018. A este clamor da sociedade civil sumouse a comprensión de boa parte do sector forestal e da cadea de valor da madeira; incluso o conselleiro delegado da principal empresa papeleira de Galicia recoñeceu en 2018 que “se podían satisfacer as necesidades da industria con menos hectáreas de eucalipto” (1).
Durante demasiadas décadas, a conflitividade das plantacións de eucalipto na Península Ibérica provocou un extenso e irado debate nos eidos académico, político e social pola enorme transformación física e económica do territorio e os seus impactos na biodiversidade e a paisaxe. Tamén sobre a contribución desta especie á diversificación da produción forestal, o desenvolvemento rural e a consolidación en Galicia e na Península Ibérica dun potente sector industrial dedicado á produción de pasta de papel e produtos papeleiros (2).
No novo escenario que se abre logo da decisión da Xunta de Galicia, dende Greenpeace agárdase a incorporación á planificación forestal de disciplinas e olladas que teñan en conta o coñecemento científico no eido da conservación da biodiversidade. Como, por exemplo, o recente traballo publicado na revista Global Ecology and Biogeography que sinalou que o eucalipto provoca unha dramática redución da biodiversidade do territorio. Máis preocupante aínda foi a investigación publicada en Nature a principios de 2021 onde se analizou a integridade ecolóxica dos bosques do planeta, ou o que é o mesmo, o grao de presión antropoxénica, que está directamente relacionado coa perda de biodiversidade e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático. No devandito estudo o cuadrante noroeste da península ibérica aparece fortemente antropizado, en parte debido á expansión das plantacións do eucalipto.
“Cómpre darlle á proposta de moratoria un rango de lei para que sexa máis garantista e non aconteza o mesmo que co plan forestal de 1992, cuxas previsións no referente á superficie ocupada polo eucalipto foron amplamente superadas. Agardamos que, máis aló da moratoria, unha vez que teñamos os datos do inventario forestal continuo se comecen a tomar decisións en base a datos científicos, tamén no referente á revisión do plan forestal recentemente aprobado, e que isto vaia en beneficio da nosa biodiversidade e da nosa sociedade. Queda aínda moito camiño por andar” declarou Santos.
Eucalipto, crecemento descontrolado e ausencia de xestión forestal
As políticas promotoras do eucalipto levadas a cabo durante a segunda metade do século XX foron un fiel reflexo da planificación económica do Franquismo. Mais unha vez chegada a Democracia, o apoio á “eucaliptización” do territorio perdurou por mor do forte poder da industria celulósica, en parte propiedade do Estado, e os seus vencellos co poder político. O resultado de décadas de ausencia de planificación forestal (ou o flagrante incumprimento da planificación, como é o caso do Plan Forestal de Galicia de 1992) provocou o crecemento desordenado e desmesurado das plantacións de eucalipto e a súa “naturalización involuntaria” en numerosos ecosistemas (leiras abandonadas, dominio público hidráulico, lindes de estradas, áreas periurbanas), incluídos espazos naturais protexidos.
O eucalipto domina hoxe a paisaxe de comarcas enteiras das rexións atlánticas da península ibérica, dende zonas de Estremadura e o occidente de Andalucía (Huelva e, en menor medida Sevilla), até os vales occidentais do País Vasco, pasando por grandes extensións na veciña Portugal e toda a fronte atlántica de Galicia, Asturias e Cantabria. En Estremadura e Andalucía a superficie diminuíu nas últimas décadas, mentres que a súa expansión continúa no Norte e Noroeste da Península. Hogano, a falta de actualización dos inventarios forestais fai que sexa imposíbel coñecer a superficie ocupada por esta árbore, ben sexa en plantacións puras, en superficies mesturadas con outras especies ou en superficies onde a árbore naturalizouse de xeito espontáneo.
Notas
- La Voz de Galicia, 11/10/2018. No podemos vivir eternamente enfrentados al eucalipto: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2018/10/11/colmenares-podemos-vivir-eternamente-enfrentados-eucalipto/00031539252107125771692.htm
- Además del informe de Greenpeace sobre la conflictividad del eucalipto, publicado en 2011, se puede consultar un análisis más resumido en: Aproximación al origen y naturaleza de la conflictividad de las plantaciones de eucalipto (Eucalyptus ssp) en España: http://secforestales.org/publicaciones/index.php/congresos_forestales/article/view/14399/14242