Informe Destrución custe o que custar 2026

Crise climática na costa galega: 19 puntos críticos, máis de 6 millóns en reparacións de praias e 63 especies de peixe e marisco afectadas

23-07-2026

  • Greenpeace sinala que en Galicia cómpre unha estratexia para a adaptación e conservación da costa por mor da subida do nivel do mar, o incremento térmico das augas e a intensidade dos temporais
  • As rexeneracións artificiais non son unha solución: gasto millonario de cartos públicos en verter unha area que os temporais volverán levar, ignorando que o mar non se frea con parches transitorios senón con espazo para a súa dinámica natural
  • O aumento do turismo está a deixar a súa pegada. A concentración de grandes cruceiros na Coruña e Vigo rexistran picos de afluencia que colapsan as cidades sen deixar apenas beneficio para quen as habita 
  • Os sistemas dunares consolídanse como a alternativa máis viábel para absorber a enerxía do mar, municipios como Nigrán ou praias como Areas e Magor son exemplos destas prácticas
 

Greenpeace presenta hoxe o seu informe Destrución custe o que custar 2026 onde amosa os problemas que afronta a costa galega. A franxa costeira da comunidade atópase nun escenario de vulnerabilidade pola confluencia da subida do nivel do mar, o incremento térmico das augas —que rexistrou a súa primeira onda de calor mariña en maio con temperaturas de ata 6 °C sobre a media no Cantábrico— e o aumento na intensidade das borrascas invernais. Por todo iso, Greenpeace sinala que Galicia necesita unha estratexia para a adaptación e conservación da costa.

Principais problemas na costa galega

O informe sinala 19 puntos críticos na costa galega que poden visualizarse neste mapa e analiza como o desenvolvemento da franxa litoral fíxose de costas á realidade que agora toca afrontar: os impactos do cambio climático. As ondas de calor, mariñas e terrestres, percorren a costa galega. Até hoxe, e segundo o Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III, 110 persoas perderon a vida en Galicia por mor da calor. 

No mar, o quecemento é aínda máis alarmante. Nas estacións científicas de Rande e Cortegada, nas Rías Baixas, detectouse incremento térmico de até 1,8 °C por década. Este aumento de temperatura  debilita o afloramento costeiro de augas frías e profundas, e provoca o desprazamento de especies. Segundo a Universidade de Vigo, até 63 especies están afectadas, destacando o congro, a ostra ou a vieira. Estudos do IEO-CSIC confirman que o aumento da temperatura inflúe no talle da pescada, que está a diminuír e estiman que de seguir a tendencia de quecemento actual, cara a finais de século o seu tamaño de reprodución podería verse reducido entre 4 e 9 centímetros. Á súa vez, as invasións vexetais degradan os fondos mariños: a alga asiática ten un dos seus focos principais na Coruña (fronte a Durmideiras), expandíndose cara a Oleiros e asfixiando ás comunidades locais de macroalgas atlánticas. A isto súmanse as mortalidades de bivalvos rexistradas este inverno na ría de Noia debido á drástica baixada de salinidade provocada polas choivas continuas.

O aumento do turismo está a deixar a súa pegada na costa galega. A concentración de escalas de grandes cruceiros nas terminais da Coruña e Vigo rexistran picos de afluencia moi alta que colapsan as cidades sen deixar apenas beneficio para quen as habita. 

Este ano estanse producindo ataques á Lei de costas por parte de case todas as comunidades autónomas, menos Asturias. A reforma do regulamento de aplicación modifícase por imposición da Unión Europea que ameaza cunha sanción a España se non se reduce o prazo das concesións que se outorgan e que segundo Europa supoñen “unha privatización encuberta do litoral” que atenta contra a competitividade.  administrativas. 

Quen sinalan á Lei de costas como unha “sentenza de morte” para os concellos ou a industria pesqueira non queren respectar os estándares europeos, nin parece importarlles que nos enfrontemos a unha multa millonaria que pagaremos con cartos que saen dos nosos petos” declara María José Caballero, Responsábel da campaña de Adaptación da costa de Greenpeace.

Os temporais invernais motivaron a declaración de zona de emerxencia, requirindo partidas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a rexeneración artificial en areais de Pontevedra como Praia América. Os danos estruturais tamén afectaron a edificacións en primeira liña en Miño. O punto máis crítico localízase na praia e paseo do Con, en Moaña, onde a forza hidráulica afundiu o pavimento. En total, as reparacións artificiais na costa galega supuxeron este ano un custo de 6,4 millóns de euros. As rexeneracións artificiais non son unha solución real porque supoñen un elevado gasto millonario de cartos públicos en verter unha area que os próximos temporais volverán levar, ignorando que o mar non se frea con parches transitorios senón con espazo para a súa dinámica natural.

A costa galega enfróntase a unha crise climática que cada vez deixa impactos máis visíbeis e violentos. A administración debe afrontar esta realidade para garantir a supervivencia da súa riqueza litoral”, engade Santos.

Fronte ás infraestruturas ríxidas, os sistemas dunares consolídanse como a alternativa máis viábel para absorber a enerxía do mar. Municipios como Nigrán avogan por plans de adaptación e recolocación de infraestruturas en lugar de diques de pedra. O novo paseo fluvial da ría do Burgo xa integra zonas inundábeis controladas para disipar as mareas vivas. Pola súa banda, Sanxenxo executa unha estratexia integral combinando saneamento hídrico coa restauración morfolóxica de dunas en Areas e Magor permitindo que a area recupere de forma natural o equilibrio dinámico fronte ao océano.

Demandas de Greenpeace:

O informe conclúe que o litoral e a súa biodiversidade non sobrevivirán ante o cambio climático. É urxente unha xestión costeira adaptativa baseada en:

  • Solucións naturais que prioricen a restauración da natureza fronte a espigóns e diques que agravan a erosión.
  • Frear o ladrillo en zonas inundábeis e nos últimos tramos libres da costa.
  • Planificar a retirada de vivendas e infraestruturas expostas, asumindo que gastar millóns en repoñer area artificial é economicamente inviábel.
  • Xestionar ríos e encoros para que a area natural volva chegar ás praias.
  • Deseñar o futuro da costa baixo criterios científicos e a participación social, afastándose dos intereses políticos a curto prazo.

 


Comparte!