Nova manifestación masiva contra a macrocelulosa en Pontevedra
Galicia contra Altri: a indignación da sociedade civil medra tras máis dun ano de mobilizacións
- Perante a asistencia masiva á manifestación en Pontevedra, Greenpeace esixe á Xunta e á empresa portuguesa que dean marcha atrás e eviten unha catástrofe ambiental
- A mobilización fixo confluír a histórica loita contra a permanencia de Ence na ría de Pontevedra e a oposición á nova pasteira proxectada na comarca da Ulloa
- O pasado 26 de maio cumpriuse un ano dende a primeira gran manifestación contra Altri en Palas de Rei, que orixinou un movemento cidadán sen precedentes desde a catástrofe do Prestige
- A organización internacional Banktrack, xunto a Greenpeace e a rede Environmental Paper, fixo un chamamento á banca privada para que non financie a macrocelulosa
Milleiros de persoas participaron hoxe en Pontevedra nunha mobilización masiva contra o proxecto de fábrica de celulosa de Altri na Ulloa e a permanencia de Ence en Lourizán. A marcha, que discorreu baixo o lema “Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa”, saíu simultaneamente dende as alamedas de Pontevedra e Marín, para confluír aos pés das instalacións da pasteira de Ence na ría, onde se leu un manifesto que chamou a “recuperar o futuro para Galicia coa saída de ENCE da ría e a paralización do proxecto de Altri”.
IMAXES DA ACTIVIDADE, AQUÍ.
Durante a mobilización lembrouse o escuro proceso que levou ao Tribunal Supremo a avalar a prórroga a Ence para permanecer na ría de Pontevedra 60 anos máis, outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016, en contra da decisión da Audiencia Nacional, que a declarou ilegal logo das demandas interpostas por Greenpeace, o Concello de Pontevedra e a Asociación en Defensa da Ría (APDR). Con todo, tamén se celebrou que hai poucos días o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso da Administración local por posíbel vulneración de dereitos fundamentais, deixando o caso aínda con vida nos tribunais.
Pero de novo foi a oposición ao proxecto de macrocelulosa na Ulloa a que protagonizou a protesta. Dende que o 26 de maio de 2024 máis de 20.000 persoas se manifestaran contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, o movemento de oposición non deixou de medrar. En xuño dese ano máis de 300 embarcacións acompañaban a entrada do Arctic Sunrise de Greenpeace na ría de Arousa baixo o lema “Defende o mar”. Posteriormente houbo infinitas iniciativas cada semana e outras grandes mobilizacións, como a que rodeou con milleiros de persoas a Xunta de Galicia en xuño de 2024, a que encheu até tres veces a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela en decembro do mesmo ano ou a que reuniu a unhas 50.000 persoas e 500 embarcacións na Pobra do Caramiñal en marzo deste ano.
“Se a Xunta e Altri pensaban que co tempo a masiva oposición á súa macrocelulósica ía amainar, hoxe volveuse demostrar que a sociedade civil galega non vai permitir que se destrúa a súa natureza, os seus sectores primarios e o seu patrimonio material e inmaterial. Levamos máis dun ano de loita e imos continuar até que se descarte esta barbaridade. Xa sexa por medio da voz de decenas de milleiros de persoas ou por medio de demandas xudiciais, este proxecto non vai saír adiante porque é tremendamente inxusto para o país”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
Nin un euro de diñeiro público para un proxecto que Galicia nin quere nin necesita
As organizacións opostas a Altri tamén tratan de evitar que o proxecto obteña financiamento, tanto público coma privado. Neste senso, esta mesma semana a organización internacional BankTrack, en colaboración coa Rede Environmental Paper Network (EPN) e Greenpeace España, publicou un novo perfil sobre a controvertida fábrica de celulosa e lyocell do proxecto Gama, proposta en Palas de Rei pola empresa portuguesa Altri. O perfil inclúese na base de datos Dodgy Deal de BankTrack, que recompila información sobre empresas ou proxectos con impacto negativo nas persoas e no planeta que poderían ser financiados por bancos. A organización informou a numerosas entidades financeiras de que a participación no proxecto de Altri supón un risco reputacional que ningún banco ou investidor responsábel pode permitirse ignorar.
O proxecto da multinacional portuguesa Altri pretende construír unha enorme fábrica de celulosa no corazón de Galicia (Palas de Rei, Lugo), poñendo en perigo a súa natureza e o modo de vida dos seus habitantes, para producir até 400.000 toneladas de celulosa solúbel e 200.000 de lyocell, amais doutros subproductos, como biomasa e xeso. Trátase dun megaproxecto que ameaza directamente a exigua Rede Natura 2000 galega, que está á cola do Estado en superficie protexida. Unha enorme macrocelulosa que usará até 46 millóns de litros de auga ao día, verterá 30 millóns de litros diarios de auga contaminada de volta ao río Ulla, emitirá gases tóxicos e de efecto invernadoiro, porá en perigo os sectores primarios e requirirá que se plante moito máis eucalipto, empobrecendo dramaticamente a biodiversidade. Amais, o impacto que podería ter na ría de Arousa, a xoia da coroa do marisqueo e a pesca artesanal galega, podería ser catastrófico ao sumarse á crise ecosistémica que xa está a sufrir nos últimos anos, doadamente detectábel pola escandalosa baixada na produtividade dos seus bancos marisqueiros.
IMAXES DA ACTIVIDADE (DECLARACIÓNS, FOTO E VÍDEO), AQUÍ.
MáIs información:
- Altri, un monstruo en el corazón de Galicia
- Perante a publicación da DIA: Greenpeace non vai parar até deter o proxecto de Altri, que cualifica coma un atentado ambiental e social
- Greenpeace diante da exclusión do proxecto de Altri dos fondos PERTE de descarbonización
- Chamamento á banca para que non financie a fábrica de celulosa de Altri en Galicia
Un ano de loita contra Altri en imaxes:
- 04.05.2025. Descenso en rafting río Ulla y concentración Altri Non (Padrón, A Coruña)
- 22.03.2025. Manifestación por tierra y mar en A Pobra do Caramiñal (Padrón, A Coruña)
- 12.12.2024. Activistas de Greenpeace introducen una gran chimenea humeante en la sede central de la Xunta de Galicia para exigir que se paralice el proyecto de macrocelulosa de Altri (Santiago de Compostela, A Coruña)
- 27.06.2024. Greenpeace despliega un gran ‘ALTRI NON’ junto a la Catedral de Santiago (Santiago de Compostela, A Coruña)
- 26.06.2024. Manifestación en Palas de Rei (Ulloa, Lugo)
- 07.06.2024. Flotilla reivindicativa en Vilagarcía de Arousa ‘Defende o mar’, ‘Altri Non’ (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra)